Pontón vencella o apoio do BNG a Sánchez ao programa de cambio en Galicia co que aspira á Xunta

A Coruña.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vencellou este mércores o apoio do BNG a un novo Goberno de Pedro Sánchez co programa de cambio co que pretende alcanzar a Xunta nas eleccións autonómicas previstas para 2024. A líder nacionalista asegurou que a súa formación ten a máxima vontade de negociación, pero cunha condición: «Con Galicia, todo, sen Galicia, nada».

Pontón mantivo unha reunión cos membros do seu grupo parlamentario autonómico, coa senadora Carme da Silva, coa eurodeputada Ana Miranda e co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, co obxectivo de «definir a estratexia política nun momento no que está sobre a mesa o debate do modelo territorial do Estado e o cambio político en Galicia», segundo informou o Bloque nun comunicado.

A líder nacionalista concretou que os dous grandes eixos de traballo para o novo curso político serán «a defensa dos intereses de Galicia por encima de todo e en todos os parlamentos e o desenvolvemento dunha ampla e intensa axenda política e social polo cambio en Galicia, a axenda galega do cambio».

Con eses dous eixos e nun contexto no que está pendente a conformación do Goberno do Estado, Pontón subliñou a disposición ao diálogo do BNG a condición de que as súas demandas sexan atendidas: «A sociedade galega sabe que para nós Galicia vai primeiro; a favor de Galicia temos plena capacidade e vontade de diálogo e de acordo; sen Galicia, nada».

Axenda social e política

O Bloque ten previsto desenvolver unha ampla axenda social e política usando a súa representación en todos os parlamentos, axenda que será «ambiciosa, con sentido de país e desde a plena vontade de diálogo, contraste e acordo coa sociedade galega», explicou Pontón. «Teño claro que Galicia non pode ser observadora pasiva dos debates deste tempo, nin estar á espera como simple espectadora do que discuten en Madrid ou Bruxelas», alegou.

Entre as cuestións que o BNG pretende levar á negociación están o modelo territorial, o financiamento autonómico, a crise de prezos, a emerxencia climática e os avances en igualdade, entre outros. «Cuestións de máxima relevancia na que Galicia ten que ter unha posición propia e firme», explicou a portavoz nacional, que considera urxente «pensar Galicia e o mundo desde nós e desde esa posición de autoestima e fortaleza poñer en marcha os cambios que precisa o país».

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail