Luís Seoane, xornalista radiofónico do misterio

Á nave do misterio subiron moitos pasaxeiros. Algúns deles, simples polisóns que se perderon nas zonas máis recónditas do que non se ve. Outros, pola contra, mergulláronse nos claroscuros da historia, da tradición, das lendas. Fixeron preguntas, atoparon respostas. Ou, polo menos, inténtárono. E contárono. Luís Seoane, entre todas as facetas que cultivou, tamén tivo tempo de pescudar no reverso da interrogante, no máis insólito de Galicia, e transmitilo a través das ondas. Como divulgador, foi un pioneiro niso de diseccionar o enigma.

«As montañas, os ríos e as fontes de Galicia están poboados de fadas, así como doutros seres míticos, e tamén de almas en pena, aparecidos e pantasmas». Así o consignaba o intelectual Luís Seoane nunha das múltiples crónicas que compuxo para a audición bonaerense Galicia Emigrante. Ademais de pintor, escultor, gravador, promotor cultural, autor de ensaios, poemas e obras teatrais, a identificación temática dos seus traballos radiofónicos pola Fundación Seoane da Coruña revelou agora a existencia medio centenar de composicións relacionadas coa Galicia máis insólita, identificando así a este emblemático creador coma un xornalista pioneiro na divulgación dos misterios que circundan o noroeste peninsular

El demonio y la noche

Entre os temas paranormais lanzados ao ar non faltan algunhas das nosas historias de terror máis recorrentes, coma as moitas e moi diversas testemuñas que describen encontros coa Santa Compaña. «Poucos vellos galegos deixaron de ver algunha vegada na súa vida a Santa Compaña que rolda misteriosamente nas noites de Galicia, e a figa de acibeche e os conxuros, como os cornos da vaca-loura que penduran de moitos peitos como defensa contra o misterio, próbanse, para algúns, tan eficaces como o escapulario», salientaba a autor noutra das súas composicións.

Saen a colación nas súas crónicas as supersticións que falan do mal de ollo, as arrepiantes historias sobre o demo e a noite de San Xoán e abundantes lendas sobre tesouros, como os de Ibáñez, Montefurado ou Rande. Tamén os comentarios sobre o libro de San Cibrán, que sempre xiran ao redor da figura envolta no mito do suposto autor deste manual de bruxería.

 

Prestaba Seoane unha especial atención á maxia e aos rituais máxicos, facendo un singular percorrido polos perfís biográficos de magos e nigromantes galegos ou que tivesen algún contacto con Galicia. Era este un capítulo da nosa cultura aínda por descubrir, como deixou consignado nun dos seus editoriais: «Sería moi proveitoso pra ampliar os nosos coñecementos encol do espírito galego noutra dimensión o capítulo da nosa cultura dedicado aos ocultistas, adiviños, espiritistas, etc, que houbo no pasado, comprendendo curiosas personalidades que integraron algúns destes movementos», escribiría a este respecto.

Entre eses nomes cita a Pedro Muñiz, bispo mago do século XVIII en Compostela e o mago de orixe coruñés Gerard Encausse, máis coñecido coma Papus: «Unha especie de mago nado na Coruña o 13 de xullo de 1865 e que morreu en San Petesburgo en 1917, doce anos despois de ter adiviñado a data en que estalou a revolución rusa». Entroncando con dinámicas de credos máis recentes, Seoane achegouse nos seus comentarios aos primeiros círculos espiritistas galegos de finais do século XIX, entre os que figuraban afamados alcaldes, coma o coruñés Juan Flórez ou o compostelán José Sánchez Villamarín, quen baixo o pseudónimo de Niram-Alliv fora o tradutor do Aldrete ao español,
a biblia mundial do espiritismo.

Mestura

Boa parte das lendas e misterios seleccionados para a súa emisión por radio polo director de Galicia Emigrante remóntanse a tempos ancestrais e poden rastrexarse neles elementos relixiosos e pagáns, célticos e galegos. De orixe anglosaxoa son por exemplo as lendas referidas ás fadas, a historia da pedra do destino ou as que xiran en torno ao Rei Miro. Os elementos da tradición xudeu-cristiá relaciónanse con figuras icónicas do santoral, como a Virxe do Pilar, San Andrés de Teixido e San Eros. Pero tamén hai casos nos que esas dúas vertentes conflúen, como nas historias referidas ao Santo Graal, que segundo contaba unha tradición estaba no Cebreiro.

O legado

O xornalista era consciente de que o conxunto destas lendas e tradicións era a base na que se sustentaban moitas supersticións e costumes rituais practicados regularmente entre as xentes, tales como persignarse ao saír da casa, facer o círculo do rei Salomón, en caso de sentir que chegaba a Compaña, a utilización de amuletos e oracións rituais contra os males que outros podían facerlles, ou acudir aos curandeiros e meigas coma quen hoxe vai ao médico.

Para a preservación deste legado patrimonial o exiliado lle confería un papel moi relevante á tradición oral, que considera a base da súa continuidade no tempo, coma pon de manifesto textos como Los ancianos y el cuento popular. Cando Seoane compuxo as súas crónicas pensaba que esta tradición se estaba a perder, pero aínda estaba literatura para mantela viva entre as novas xeracións, de aí a importancia que lle confería ao labor compilador dos escritores e investigadores galegos aos que citaba con frecuencia, como Fermín Bouza Brey, Ramón Otero Pedraio, José María Castroviejo e Enrique Chao Espinha.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail