A cooperativa coruñesa formada por traballadoras e dedicada á reciclaxe de aceite doméstico usado tratou o ano pasado máis de 220.000 litros de material contaminante para a súa transformación en biocombustible.
A Coruña.- Non debe haber moitas empresas que poidan presumir de proporcionar emprego digno a mulleres en risco de exclusión social de colectivos marxinados, para empoderarlas nunha actividade pioneira destinada a protexer o medio ambiente e combater o cambio climático.
A iso dedícase as cooperativa Mulleres Colleiteiras, unha entidade sen ánimo de lucro que desde hai case sete anos xestiona a recollida, transporte e transformación de aceite de cociña usado na Coruña e a súa comarca. Todas as socias e traballadoras da cooperativa son mulleres, na súa maioría xitanas. Ano a ano foron batendo récords, e no 2021 lograron tratar máis de 220.000 litros de aceite usado. Unha cantidade capaz de contaminar ao redor de 6.600 millóns de litros de auga.
O proxecto xurdiu no ano 2011, cando a ONG Arquitectura sen Fronteiras (ASF) emprendeu un programa de inserción social nos asentamentos chabolistas das Rañas e A Pasaxe, na Coruña. «Foi na época na que o Concello decidiu centrifugar á poboación xitana, construíndo guetos onde os enviaron coma se fosen gando», conta o arquitecto Juan Aradas.
Aradas explica que ASF impúxose algo máis ca o realoxamento digno das familias afectadas porque, ao seu xuízo, «a arquitectura non vai só de proporcionar un teito, tamén ten que ver con todo o que conleva a falta de vivenda». Por iso deseñaron un programa integral que incluía aspectos como a educación, a sanidade, a igualdade e o emprego, e que no 2013 desembocou en Mulleres Colleiteiras.
«Decidimos facer unha empresa para poñer os medios de produción en mans das traballadoras», narra o arquitecto. Tratábase de promover a inserción laboral, o empoderamento e a autonomía desas mulleres, de proporcionarlles unha alternativa de autoemprego rendible e de promover o aproveitamento e reutilización dun recurso contaminante nun proxecto empresarial viable e sostible baseado na economía social.
A partir do 2013, as participantes no proxecto, 23 mulleres dos poboados de As Rañas e A Pasaxe, foron formándose e capacitándose tanto a nivel técnico na recollida, transporte e tratamento de residuos como a nivel social, para a creación da cooperativa que se constituíu finalmente no 2015.
Empezaron colocando contedores laranxas no barrio coruñés de Monte Alto, e desde entón teñen distribuído máis dun cento por toda a cidade e os seus municipios limítrofes, ademais doutro medio centenar en supermercados do grupo Eroski e outra vintena en colexios, asociacións de veciños, escolas e facultades universitarias da comarca. Tamén proporcionan envases de reciclaxe aos bares, restaurantes e colexios que os soliciten, e dispoñen dun teléfono para a recollida a domicilio (608 54 93 54) e un mapa de puntos de recollida que se pode atopar picando nesta ligazón.
No 2017 transformaron 11.000 litros de aceite, cantidade que multiplicaron por catro no 2018. No 2020 foron 170.000 litros, e o ano pasado, un 30% máis. Galicia está entre as comunidades onde máis aceite vexetal se consome, ao redor dos 13 litros por persoa e ano. Pero segundo a Asociación Nacional de Xestores de Subproductos de Aceites e Graxas Comestibles, apenas o 10% se recicla e reutiliza.
Na planta que Mulleres Colleiteiras ten en Iñás, no municipio coruñés de Oleiros, o material recollido sométese a varios procesos de limpeza e decantación, e cando está depurado, véndese a unha empresa portuguesa que o transforma nun biocombustible cuxo uso reduce en ata un 70% as emisións de CO2 á atmosfera con respecto dos carburantes convencionais.
Segundo detalla a xerente da cooperativa, Susana Peña, puxeron en marcha un proxecto a cinco anos para montar unha pequena refinería e fabricar elas mesmas o biocarburante, un de cuxos usos é o de combustible para calefacción.
«Gustaríanos empezar cun cole, onde aos nenos e ás nenas se lles expliquese todo o proceso», asegura Peña.
A xerente destaca a relevancia ambiental do seu traballo, pero tamén a social, polo que supón de empoderamento para as mulleres que participan no proxecto, que proveñen de colectivos marxinados e excluídos e de contornas onde viven situacións moi complicadas, porque mesmo as medidas económicas de inserción social, como a renda de integración (Risga) da Xunta de Galicia, acaban converténdose en ferramentas «que apontoan e perpetúan a dependencia».
«Algunhas delas nin sequera colleran soas un autobús antes de se implicar no proxecto. Agora teñen carné de conducir, puideron comprarse un coche porque teñen un salario digno e senten donas de si mesmas», sostén.
Unha delas é Sofía Vázquez Manzano, que leva ano e medio como socia da cooperativa. É encargada e condutora, e ata que chegou a Mulleres Colleiteiras traballaba de dependenta. Como Peña, tamén destaca o valor ambiental do seu traballo, pero sobre todo, o que lles proporcionou vitalmente.
«O labor social da cooperativa é brutal. A xente que chega faino con enormes carencias e necesidades que rematan cando entran, porque se fomenta que estudemos, que nos formemos, que pelexemos pola nosa independencia». «Aquí o que se lucra non é o que está arriba, senón o colectivo, porque se hai excedentes de diñeiro reinvestímolo na cooperativa. Traballei en varios sitios e nunca tiven compañeiras como as que teño aquí. Todas temos a nosa historia detrás, as nosas loitas, e todas nos apoiamos. Somos moitas, pero somos unha», resume.
Sofía subliña a importancia de saír da precariedade dos empregos convencionais que o sistema reserva ás mulleres en risco ou en exclusión social. «A quen fan fixo nunha gran superficie ou nuns gran almacéns, onde saes de traballar ás dez da noite e apenas podes ver aos teus fillos?», sinala. Tamén apunta o significativo de que outras mulleres atopen en proxectos como este as referencias e os apoios necesarios para liberarse de situacións de dependencia.
Cada mércores e cada venres, en horario laboral, a cooperativa sufraga clases de educación física para as traballadoras nun pavillón municipal a cargo dun monitor especializado. «Facer deporte contribúe a facer equipo, e tamén incita a aprender a querer gañar. E nós queremos gañar», conclúe Sofía.
Mulleres Colleiteiras recibiu varios premios relacionados coa economía social e subscribiu convenios con varias asociacións, entidades e institucións, privadas e públicas, entre elas a Xunta, a Deputación e o Concello da Coruña.
Unha das primeiras que apoiou o proxecto foi a empresa pública que xestiona a depuración das augas residuais da comarca da Coruña, a Edar de Bens, onde a furgoneta de recollida da cooperativa recárgase co biometano que produce a planta a partir da depuración das augas residuais.
O director da empresa, Carlos Lamora, explica que a cooperartiva facilítalle o seu traballo -«Cada litro de aceite ten a capacidade para contaminar 30.000 litros de auga coa mesma carga contaminante que teñen as augas residuais»- e destaca a importancia de reciclar o aceite doméstico usado: «Imaxínese as dificultades e o encarecemento do proceso de depuración que supón que 400.000 persoas [máis ou menos os habitantes da comarca] boten ese aceite usado polo vertedoiro».
«Mulleres Colleiteiras é economía circular pura e dura», afirma Lamora. «Mulleres en exclusión social, que queren vivir do seu traballo e que contribúen a resolver un problema ambiental moi grave. É o mellor proxecto social que coñezo», conclúe.