Yolanda Díaz tentea o seu proxecto en Galicia entre a indiferenza das Mareas e de Anova

A Coruña.- Ningún dos líderes actuais do espazo político que compartiu o ascenso de Yolanda Díaz e de Unidas Podemos en Galicia van estar este venres ás 17.30 no acto de presentación e escoita do seu novo proxecto político, Sumar, que a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social celebra no céntrico Pazo da Ópera da Coruña.

Segundo puido confirmar Luzes-Público, as mareas municipalistas limitaranse a enviar representantes como mostra de cortesía, evitando que a súa presenza como organizacións poida lerse como un apoio a Díaz ou como mostra de que participan na configuración de Sumar.  Anova, a formación nacionalista de Xosé Manuel Beiras escindida do BNG, non estará representada.

Nin Marea Atlántica (MA), a formación local que gobernou A Coruña entre 2015 e 2019 en alianza con Unidas Podemos; nin Compostela Aberta (CA), que fixo o mesmo en Santiago con Martiño Noriega; nin Anova, que volve liderar o exregidor da capital galega, expresan críticas ao proxecto de Díaz. Ao contrario. Pero entenden que a configuración de Sumar deseñouse lonxe do ámbito autonómico e municipal que lles interesa.

«Desexámoslle toda a sorte do mundo, pero nós estamos agora centrados no traballo de reconstruír o noso propio proxecto. Ata que non o fagamos, non imos expornos outros ámbitos de actuación máis aló desa recuperación orgánica. Coñecemos a relevancia do aspecto institucional, pero agora mesmo, para nós está nun segundo plano», asegura Noriega.

Marea Atlántica (MA), que gobernou A Coruña baixo o liderado de Xulio Ferreiro, mantén unha posición similar, segundo se desprende do relato das fontes consultadas por Luzes-Público na dirección da formación. «Yolanda delimitou e situou o seu proxecto no ámbito estatal, non no municipal, que é o que a nós nos ocupa. Respectamos o proceso de escoita, pero é que a nós non nos chamou», explican.

De esquerda a dereita, Luis Villares, Ada Colau, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega, Jorge Suárez e Antón Sánchez / Foto: Manuel Marras

As relacións entre Marea Atlántica e Unidas Podemos atópanse practicamente rotas desde hai dous anos. Entón, a dimisión dun dos seus edís, Xiao Varela, hoxe asesor do grupo de Unidas Podemos no Congreso, provocou a entrada no Consistorio da Coruña de Isabel Faraldo, de Podemos, quen preferiu integrarse no grupo das non adscritas.

Cada formación xa anunciaron que presentará a súa propia lista para as municipais da próxima primavera. A de Unidas Podemos a encabezará a propia Faraldo e a de Marea Atlántica, Xan Xove, exdiputado de En Común (o antigo grupo de Anova, as mareas, Esquerda Unida e Podemos) no Parlamento de Galicia.

O propio Xove referiuse o xoves pola mañá ao acto do venres, ao que non acudirá porque xa tiña programado unha viaxe: «Temos o máximo respecto por Sumar, un proxecto de ámbito estatal que persegue uns obxectivos moi similares aos de Marea Atlántica na Coruña», dixo.

No caso de Compostela Aberta, fontes da organización aseguran que desexan «o mellor» ao proceso de escoita de Sumar, e engaden que «algunha» das persoas que integran a súa coordinadora atenderá a invitación. Pero engaden que non se plantexan implicarse no proxecto de Díaz. «Como organización non contemplamos maiores debates, o noso campo de acción é Santiago e considerámonos un espazo de confluencia local que, neste momento, non considera participar en procesos a nivel estatal».

«Estamos centrados fundamentalmente nas eleccións municipais de maio», engaden, «en presentar o noso proxecto e á nosa nova candidata, María Rozas, así como en formar a lista e o equipo que a acompañará».

Máis aló de que terá unha posta en escena similar á de eventos anteriores de Sumar, a contorna de Yolanda Díaz non quixo desvelar en que consistirá o acto da Coruña, nin con que outras formacións políticas, sindicais e sociais conta ou espera ver representadas, nin que persoas, vinculadas ou non a elas, foron convidadas persoalmente. Tampouco que oradores e/o oradoras acompañarán á vicepresidenta.

«Serán representantes da sociedade civil», limitáronse a sinalar fontes da organización.

O deputado no Congreso por Galicia en Común Antón Gómez-Reino, Martiño Noriega e Yolanda Díaz

Yolanda Díaz, nacida en Fene (A Coruña) en 1970, desenvolveu a súa carreira profesional, política e sindical da man de Esquerda Unida e CCOO en Ferrol. Foi concelleira dese municipio durante máis de nove anos, ata que en 2012 obtivo unha acta de deputada no Parlamento de Galicia con Alianza Galega de Esquerdas (AGE), que coaligou a Esquerda Unida coa Anova de Beiras.

É deputada no Congreso desde 2016, cando se presentou nas listas de En Marea na alianza que sumou EU a Podemos, as mareas, Anova e outras organizacións. En 2019, Anova renunciou a sumarse á coalición nas eleccións xerais. O espazo político de Unidas Podemos perdeu nos últimos comicios ao Congreso máis de 220.000 votos, é dicir máis da metade dos que obtivo nos de 2015.

Na presentación de Sumar sí estarán Antón Gómez Reino, deputado de Unidas Podemos no Congreso e quen acaba de anunciar que non se presentará á reelección como secretario xeral de Podemos Galicia, e Borja San Ramón, secretario de Organización que encabeza a candidatura ás primarias do partido na comunidade, quen estará no Pazo da Ópera «en segundo plano», é dicir a título individual e non como representante desa lista.

Quen non acudirán serán ningún membro da candidatura rival, que lidera Gonzalo Busqué e que acordou non dar ningunha mostra de apoio a Sumar «ata que a dirección estatal de Podemos se pronuncie sobre a implicación do partido no proxecto» de Yolanda Díaz.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail