Catalunya ingobernábel

Ás portas da terceira ronda do «Galeusca electoral», o bipartidismo colle pulo e as enquisas anuncian xa unha mellora do antigo bipartidismo sociovergent, PSC-Junts. Logo do golpe de efecto de Sánchez, o PSOE mantense firme na centralidade ao tempo que vai deixando sen folgos aos seus competidores. Desde que chegou ao goberno grazas á moción de censura, Sánchez surfea con éxito o declive da vaga de mobilizacións guiado polo obxectivo final de devolver a política onde estaba antes de 2011.

Non podía ser doutro xeito: non hai un partido que encarne mellor o ADN do réxime ca o propio PSOE. Superada a fase de desbordamento e crise na que entraron os bipartidismos do 78 logo do 15M e do Procés, o PSOE reconfigurouse baixo o liderado de Sánchez sobre unhas novas premisas que incorporaron o aporte da década precedente. As teses populistas que Íñigo Errejón soñara un día para Podemos foron apropiadas e melloradas por un presidente que, primeiro, venceu á vella garda do seu partido en clave populista, despois derrotou aos adversarios do réxime e, ao final, está a favorecer os bipartidismos que o deseño do réxime impulsa por defecto.

Todo o ben que se poidan presentar as enquisas aos socialistas, os equilibrios a restaurar son aínda demasiado fráxiles. O crebacabezas que agarda a Illa o día despois non vai ser doado de resolver. De entrada porque non se trata de dar tan só cunha solución a nivel catalán. Ao adiantar as eleccións Pere Aragonès cometeu un erro: deixar a reconfiguración da axenda nas maos do rival. Concretamente nas mans de Sánchez, que acto seguido aproveitou para deixar en suspenso a lexislatura e reorientala un paso mais no camiño da restauración do bipartidismo.

Logo da ruptura con Junts, Esquerra ocupara a centralidade da política catalá entre outras cousas grazas á redefinición do seu goberno con figuras procedentes das fronteiras do partido (Campuzano de CiU, Nadal de PSC e Ubasart dos Comuns). A idea non era mala; pero a gobernabilidade do país, sen resolver primeiro a fractura do Procés, viña a ser un imposíbel en termos de aritmética parlamentaria. Haberá que ver a partires do domingo cal é a situación para o PSC, que recollerá o relevo da centralidade baixo unha perspectiva restauradora.

O resultado electoral clarificará o taboleiro político a tres niveis. No concello de Barcelona, Collboni dispón dunha «coalición mínima vencedora» (a máis axustada a metade máis un entre o menor número de partidos) cos de Trias (dous partidos, maioría absoluta xusta). Esta coalición, con todo, desprazaría o PSC á dereita da maioría social. Nas Cortes e Goberno de España, Sánchez dispón de toda a marxe e cando, logo das eleccións europeas, volva a presentar os presupostos do Estado, o bloque da investidura non terá outra que xogar o seu xogo ou arriscar unha maioría absoluta da peor dereita coñecida. O factor de risco neste caso viría dun Junts posterior á amnistía, libre de compromisos.

A nivel catalán é onde a cousa se complica máis. Illa non poderá escapar ao problema da gobernabilidade polo que ven de pasar Aragonès. Salvo sorpresas o domingo –que ben as podería haber no caso dunha forte mobilización do electorado indeciso–, o PSC terá á súa disposición dúas maiorías aplicábeis nos tres niveis de goberno (Barcelona, Catalunya, España): por unha banda, a maioría sociovergent (PSC/Junts); pola outra, o tripartito das esquerdas (PSC/ERC/Comuns).

Dado que non parece probábel unha maioría independentista, os socialistas terán que asumir en exclusiva o peso da formación de goberno. Perante esta situación as opcións son múltiples: ¿gobernar ou non gobernar (co risco de repetir eleccións)?, ¿formar goberno de coalición ou intentalo en solitario?, ¿formar un goberno de coalición con maioría absoluta ou de simples bloqueo (imposibilidade de que o resto se una na túa contra)? ¿formar goberno cos Comuns, a imitación do Goberno central e con réplica en Barcelona, ou só con ERC?

Adiantar hoxe escenarios é altamente arriscado. Mais, cando coñezamos os números na noite electoral non serán poucas as dúbidas que persistirán. O único imperativo certo dos socialistas, se gañan, será resistir para que o réxime faga a súa parte. Desde 2018 leva dando bos resultados. O risco de que a ingobernabilidade de Catalunya volva a desestabilizar o réxime segue a ser bastante maior do que se nos adoita transmitir.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail