Voto vasco no galeusca electoral

Segunda volta do galeusca electoral. Logo das eleccións galegas, quenda para Euskadi. Segundo as enquisas, Bildu podería derrotar ao PNV. Sería a primeira alternancia en plenitude democrática. Certo que no seu día, grazas a que se ilegalizara á esquerda abertzale, Patxi López foi lehendakari. Antes aínda, en 1986, o PSE chegara a primeira forza; embora non tanto por méritos propios como por aquela crise do PNV que rematou na escisión Eusko Alkartasuna. Así e todo, o PNV gañou en porcentaxe e quedou a só dous escanos dos socialistas. Esta hexemonía jeltzale podería rematar o domingo.

O caso vasco é a un tempo unha anomalía e a tráxica parteira da democratización en España. Desde o primeiro franquismo foi un territorio resistente onde as organizacións leais á República organizaran axiña a loita antifranquista. Coa execución de Carrero Blanco en 1973 –o mesmo día en que estaba previsto o inicio do Xuizo 1001 contra as comisións obreiras–, ETA impactou de xeito decisivo na democratización: a fraxilidade do búnker franquista era posta en evidencia. O réxime agonizaba. O apremio dun pacto transicional entre elites intensificarase na inminencia da morte de Franco.

Euskadi seguiu a súa vía particular á democracia. Unha vía marcada pola imposibilidade de erradicar a violencia armada entre as partes. Lonxe do feliz relato oficial da Transición, un 55,3% da cidadanía non votou a Constitución. Con este déficit de lexitimidade de orixe, a vía vasca tivo un papel determinante na configuración do réxime. E non só polo que fai ao sistema de partidos e a política institucionalizada. Tamén polo xeito en que a contenda antagonista, dentro e fóra de Euskadi, veuse condicionada pola actividade de ETA.

A fin de ETA en 2011 marcou as mobilizacións en curso do 15M en Euskadi e os cambios subseguintes no sistema de partidos. Bildu foi daquela a primeira formación en sacar partido do novo ciclo político, xerando o actual bipartidismo nacionalista. Este ciclo viña prefigurado por (1) a hexemonía do PNV que resistía o regreso á legalidade da esquerda abertzale; (2) a prolongada decadencia do PP, en caída constante desde 2001; e (3) as perdas máis recentes do PSE, que caería posicións coa irrupción de Podemos.

De seguirmos as enquisas, nestes días a consolidación do sistema de partidos continúa ao tempo que se simplifica. O bipartidismo nacionalista (PNV-Bildu) consolídase fronte aos bipartidismos anteriores (PNV-PSE e PNV-PP) e amplía apoios na competición entre Bildu y PNV. Podemos e Sumar volven a unha situación similar ao 18F galego, cando non peor. Mesmo se agora non hai o límite do 5%, un Podemos mellor preparado fai prever un voto máis repartido e, xa que logo, máis afastado da representación.

En Euskadi, como antes na Galiza, os nacionalismos de esquerdas convértense hoxe en espazos de resistencia institucional perante a ausencia dun proxecto de ruptura democrática capaz de satisfacer unhas mínimas esixencias federais. A diferencia de Catalunya, onde o independentismo non da atopado o seu lugar, en Euskadi e Galiza, os electorados poden confiar en que o seu voto pode fornecer un refuxio institucional fronte á ofensiva dereitista.

Na procura do proxecto federal asimétrico que non chega, Bildu perfílase hoxe como un contrapeso imprescindíbel á dereitización do PSOE. Non é difícil esperar que o PSOE favoreza a continuidade do PNV no caso de que repita na primeira posición que mantén desde 1986. Mais tampouco se Bildu gaña pola mínima. Ao cabo, a prioridade do PSOE como partido do réxime é asegurar que o bipartidismo do 78 poida volver a estar operativo e iso pasa por un bipartidismo PNV/PSE.

A estratexia dos socialistas é clara, mesmo se falla. A súa axenda para o galeusca electoral pasa por minimizar danos en Galiza e Euskadi e recuperar a Generalitat de Catalunya camiño das europeas. Todo cun desgaste constante de Sumar que afunde paseniño, mais sen remedio. Na Galiza, de feito, o 18F a cousa foi peor do previsto. Os resultados do PSdeG non só foron os peores na súa historia, senón que tamén marcaron un mínimo histórico para o bipartidismo do 78.

O domingo que ven os socialistas repetirán sen moita sorpresa na terceira posición. Lonxe queda aquel primeiro Podemos que lle arrebatara a posición. O problema é que a estratexia de viraxe á dereita desde o último congreso do PSOE é pouco compatíbel con rendibilizar o transvase desde Podemos e Sumar. Non acontece así con Bildu, que verifica nesta campaña unhas achegas pola esquerda que os poden levar a un resultado histórico. O domingo sairemos de dúbidas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail