Unha empresa vinculada ao cuñado de Feijóo facturou á Xunta 9,7 millóns para rastrexar a covid

A Coruña.- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta adxudicou durante a emerxencia sanitaria entre 2020 e 2021 doce contratos por valor de 9,76 millóns de euros en total a unha empresa vinculada ao irmán da parella de Alberto Núñez Feijóo, Eva Cárdenas, para a atención telefónica cidadá durante a covid e para o rastrexo de casos e prevención de contaxios na comunidade.

Trátase de Universal Support, con sede no polígono industrial de Bergondo (A Coruña) e dedicada ao telemarketing. Universal é propiedade da multinacional Konecta, cuxo director comercial e de retail é Ignacio Cárdenas. A empresa foi unha das máis beneficiadas polos contratos con tramitación de emerxencia licitados polo Goberno de Feijóo durante eses anos, segundo un informe do Consello de Contas de Galicia que recolleu este xoves o diario Nós, de Santiago.

Segundo a documentación do Sergas á que tivo acceso Luzes-Público, catro dos contratos de emerxencia da Xunta con Universal Support, por valor de 7,75 millóns de euros, tiveron por obxecto a creación dunha central telefónica para o seguimento de casos de covid.

Outras seis adxudicacións que suman máis de dous millóns de euros, refírense á creación doutro centro de atención telefónica «para o reforzo da comunicación e información aos cidadáns sobre os síntomas e a resolución de dúbidas en relación coa covid-19» na comunidade.

Universal Support foi propiedade do Banco Pastor ata 2012, cando a entidade vendeulla a Konecta. Posteriormente, a multinacional tamén adquiriu outra compañía de teleoperadores da Coruña, STD Multiopción, renombrada en 2018 como Sum Talk e cuxo CEO tamén era Cárdenas.

Universal Supports non ten vencello algún cos sectores sanitario, farmacéutico ou biomédico. Pero segundo o informe do Consello de Contas, que fiscaliza o gasto do fondo extraordinario contra o covid no exercicio de 2021, foi a empresa máis beneficiada polos contratos de emerxencia da Xunta adxudicados con cargo a esa partida para a adquisición de bens e servizos destinados a combater a epidemia.

Seguíronlle ese ano a compañía coruñesa Biorepositorio Iberia, dedicada á xestión de mostras biolóxicas en hospitais, con 6,1 millóns; a madrileña Clece, vinculada á ACS de Florentino Pérez e que xestiona varias residencias de maiores e dependentes en Galicia, con 3,2 millóns; e a andaluza Vircell Spain, especializada na produción e distribución de reactivos para diagnósticos, con 2,4 millóns.

Márketing e mercadotecnia

O obxecto social de Universal Support, que se define como empresa do sector de servizos e tecnoloxías da información, é «a prestación de toda clase de servizos de telemarketing, incluíndo televenta, liñas de atención e outros servizos de márketing e mercadotecnia», así como «a realización e a comercialización de enquisas e estudos de mercado».

Luzes-Público tentou poñerse en contacto con Cárdenas, con Konecta e co equipo de Alberto Núñez Feijóo para obter unha valoración desta información, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

En 2022, este medio publicou que durante os mandatos de Feijóo en Galicia a Xunta multiplicara os contratos públicos adxudicados a Eulen, a empresa que a súa irmá Micaela dirixe en Galicia, ata sumar máis de 37 millóns de euros entre 2009 e 2022.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail