A oposición acusa a Jácome de «comprar vontades» na policía de Ourense con retribucións irregulares

A Coruña.- A concelleira María Dibuja, excompañeira de goberno de Gonzalo Pérez Jácome no Concello de Ourense, hoxe no grupo dos non adscritos, pero militante de Coalición de Centro Democrático, pediu ao pleno municipal a reprobación do edil encargado de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha.

Acúsao de modificar o taboleiro de horarios da policía local e duplicar o prezo das horas extras, incrementándoas innecesariamente para que varios axentes afíns ao edil –o persoal consta de 118 funcionarios incluídos os mandos– acumulen miles de euros en atrasos que lles serían abonados pouco antes das eleccións municipais do próximo mes de maio.

A moción, que se debaterá no pleno deste venres, refírese a un asunto que denunciou o PSOE local, que acusou o Goberno de Jácome de «inflar servizos para comprar vontades entre os axentes» afíns.

En agosto do ano pasado, a xunta de Goberno, a pedimento de Ucha, acordou duplicar de 12 a 24 euros e a 28,80 euros en horario nocturno ou en días festivos o prezo das horas extras da policía local.

Jácome, no centro, e Feijóo, á súa dereita, nunha visit do segundo a Ourense

Trátase dunha decisión presumiblemente ilegal se se ten en conta a xurisprudencia do Tribunal Supremo, que apenas seis meses antes anulara unha medida similar do Concello de Lugo ao entender que a competencia para modificar o réxime de retribucións do persoal municipal é do pleno, non da xunta de goberno.

En abril deste ano, o equipo de Jácome, que ten con só 4 dos 27 concelleiros da corporación grazas ao apoio que lle brindou en dúas ocasións o Partido Popular por decisión expresa da executiva galega que presidía Alberto Núñez Feijóo, acordou tamén modificar os cuadrantes horarios do corpo de policía, cuxos membros, segundo Dibuja, pasaron a ter xornadas de «36 horas ordinarias á semana, distribuídas en 12 horas ao día, tres días seguidos, e cinco días consecutivos de descanso».

«Como con eses cuadrantes horarios non é posible facer fronte ás necesidades da cidade, Ucha incrementou notablemente o número de horas extraordinarias», explica a concelleira, quen engade ademais que o Concello tamén eliminou o tope anual máximo de horas extras.

Segundo Dibuja son os axentes afíns ao concelleiro de Seguridade Cidadá «os que xestionan os cuadrantes e monopolizan a realización das devanditas horas fóra de xornada habitual».

Luzes-Público tentou sen éxito solicitar a versión de Ucha e tamén de Jácome, que non respondera ás preguntas deste diario ao peche deste artigo.

Jácome, durante su campaña electoral en el 2019

O PSOE asegura que a débeda do Concello de Ourense polas horas extra dos seus policías supera os 200.000 euros no que vai de ano, que algúns axentes acumulan 6.000 euros en atrasos e que grazas a ese concepto extraordinario o seu soldo real superaría os 3.000 euros mensuais.

Eses atrasos engordarían ademais porque a presenza da policia local triplicouse en actos organizados polo alcalde, e a esas cantidades, segundo os socialistas, sumaríanse outros 400.000 euros en complementos de nocturnidade e festividade que beneficiarían aos mesmos axentes.

Na moción na que pide a reprobación de Ucha, Dibuja lembra tamén que o corpo de bombeiros local padece unha situación similar, con funcionarios que acumularían unha media de 370 horas extra nun ano. Segundo o Estatuto dos Traballadores, non deberían superar as oitenta.

A concelleira acusa tamén a Ucha de tomar «o control absoluto da policía municipal e do corpo de bombeiros». «Aniquila os mandos superiores desas institucións», engade, en referencia á destitución do xefe de bombeiros e da intendente da policía, que se atopa de baixa e que presentou unha denuncia por acoso contra o concelleiro.

Jácome, nun pleno

Ucha é un dos tres concelleiros de Democracia Ourensá (DO), o partido de Jácome, que permaneceu á carón do rexedor cando outros catro edís membros da formación, entre eles Dibuja, decidiron abandonar o Goberno municipal denunciando que alcalde malversaba os fondos de DO e que cobraba no seu despacho, en man e sen declarar a Facenda, mordidas ao persoal de confianza que contrataba.

O xuíz que investigaba ao alcalde por eses feitos, Luis Doval apartouse da causa despois de que Jácome contratase á súa parella, Guadalupe Ucha como asesora.

Guadalupe Ucha, que é á súa vez curmá do edil de seguridade, xa fora asesora de Jácome, pero deixou o seu cargo en novembro de 2021 poucos días antes de que a denuncia contra Jácome recaese no xulgado do seu home. Posteriormente, a Fiscalía pediu o arquivo da causa e o xuíz que asumiu o caso acordou pechalo.

Jácome e Ucha tamén foron imputados e posteriormente absoltos dun delito de coaccións contra un policía local ao que á súa vez acusaron de tentar atropelalos mentres un cámara da cadea de televisión propiedade do alcalde filmaba a escena.

Posteriormente, a Audiencia Provincial de Ourense ordenou pechar outra causa por difamación aberta contra o rexedor por acusar a varios axentes de formar «unha mafia policial». En maio deste ano, o alcalde agrediu a unha muller que se manifestaba fronte ao Concello diante da pasividade de dous axentes locais. O pasado día 17 de novembro, outro xulgado absolveu a un veciño ao que o alcalde denunciou por ameazas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail