Baltar foi a Madrid para ir con Almeida á estrea dunha película o día da multa da filla do seu chofer

A Coruña,. O mesmo día que un dos vehículos oficiais da Deputación de Ourense foi multado a 72 quilómetros de Madrid por exceso de velocidade, o presidente do organismo, Manuel Baltar, aparecía poucas horas despois na estrea da película Cuñados nun cinema da capital.

O 6 de abril de 2021, un dos vehículos oficiais da Deputación de Ourense foi detectado por un radar do helicóptero Pegasus da Dirección Xeral de Tráfico a 179 quilómetros por hora na AP6, a tan só 72 quilómetros de Madrid, como xa contou Luzes-Público.

O coche, un Audi A6 con matrícula 9852 JXL, pertencente ao parque móbil da Deputación provincial, era conducido, segundo aparece no parte de denuncia, por Laura Domarco Álvarez, funcionaria do organismo e filla de Raúl Domarco Álvarez, que era o xefe do departamento responsable do parque móbil e chofer asignado ao seu presidente, Manuel Baltar, ata decembro pasado, data na que o condutor se xubilou.

Segundo un comunicado emitido pola Deputación de Ourense este mesmo venres, neste organismo «non consta rexistro oficial ningún de identificación dos condutores sancionados sendo este procedemento unha responsabilidade do antigo xefe do parque móbil, xubilado en decembro de 2022».

Reunión de Baltar co chofer e a súa filla

Fuentes da Deputación confirmaron a Luzes-Público que xusto antes de emitir ese comunicado Baltar reuniuse no seu despacho con Raúl Domarco e a súa filla, funcionaria provincial, co actual xefe dos choferes da institución e co seu director de comunicación, quen non atendeu ás chamadas deste medio para coñecer que se tratou nese encontro.

A pesar de que non conste a identificación de quen conducía o Audi A6 da Deputación, do que si hai rexistro é que ese mesmo día o presidente do organismo, Baltar, asistiu ás 11 horas da mañá a un acto no colexio Divina Pastora de Ourense. Segundo a súa axenda oficial e varias fotografías do evento, Baltar acudiu pola mañá á entrega dos Premios Estatuto de Autonomía para Galicia.

Pero este non foi o único acto ao que foi o presidente da Deputación. Ese mesmo día, pero a centos de quilómetros dese lugar, as cámaras inmortalizaron a Baltar brindando durante a estrea de Cuñados no centro de Madrid xunto ao alcalde da cidade, José Luis Martínez-Almeida.

En poucas horas, Baltar tivo que percorrer os 500 quilómetros que separan a rúa Cardenal Quevedo onde se atopa o colexio Divina Pastora e a madrileña praza de Callao, onde se sitúan os cinemas nos que se estreou a película. Un camiño que obriga a pasar polo quilómetro 72 da AP6 onde ese día, ás 16.15 horas, foi multado o coche oficial da Deputación que preside.

Ese mesmo día pola noite disputouse no Santiago Bernabéu o encontro de Liga de Campións entre o Real Madrid e o Liverpool. Baltar é afeccionado do Real Madrid e a súa contorna admite que asiste con frecuencia aos encontros do seu equipo, aínda que Luzes-Público non puido confirmar se nesa ocasión lle deu tempo a acudir ao estadio.

Outra multa a nome da esposa do chofer

Esta non é a única multa que se interpuxo contra un condutor do Audi A6 da Deputación e que foi identificado como un familiar do exchófer de Baltar. O 12 de maio de 2022, case un ano despois, o mesmo vehículo foi detectado por un radar Autovelux a unha velocidade de 171 km/h. Esta vez foi moito máis cedo, ás 9.09 horas no quilómetro 135,8 da A52, á altura da localidade de San Lourenzo de Pentes, na Gudiña (Ourense). Na fotografía da DXT pode advertirse que as luces de freo están activadas ao paso do lugar onde estaba o radar.

Ese día, sempre segundo a axenda oficial de Baltar, o presidente da Deputación tiña que acudir a Valéncia para asistir ás 17.00 h. á inauguración da V Conferencia de presidencias de deputacións provinciais, cabidos e consellos insulares.

O traxecto entre Ourense e a cidade de Valéncia, que obriga a pasar pola localidade de San Lourenzo de Pentes onde foi detectado o vehículo, realízase, sen parar, nunhas 8 horas e 20 minutos. É dicir, a unha velocidade adecuada á vía, o Audi A6, sen deterse, chegaría a tempo ao acto.

O PSOE denuncia a Baltar na Fiscalía

O PSOE de Ourense presentou este venres na Fiscalía un escrito no que denuncia o «continuado uso ilegal e irregular» dos coches oficiais da Deputación, informa Europa Press. Rafael Rodríguez Villarino, candidato no municipio limítrofe de San Cibrao das Viñas, secretario provincial do partido e portavoz na Deputación, xustificou a decisión polo «carrusel de irregularidades» coñecidas durante as últimas semanas ás que Baltar contestou «unicamente con máis mentiras e máis falsidades». «Estamos diante unha trama continuada dun mentireiro compulsivo», expuxo.

A finais do pasado mes de abril, Baltar foi detido por axentes da Garda Civil de Tráfico conducindo outro vehículo oficial da Deputación a 215 quilómetros por hora, infracción pola que está imputado como autor dun delito contra a seguridade viaria polo que sentará no banco o vindeiro mércores. O mesmo día que foi cazado a 215, outro radar detectoulle menos dunha hora antes a 179 km/h. En total ese coche acumula polo menos dez multas por exceso de velocidade.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail