O coche oficial que conduce Baltar acumula dez denuncias por exceso de velocidade no últimos catro anos

A Coruña.- O coche oficial da Deputación de Ourense que conduce en exclusiva o seu presidente, Manuel Baltar, acumula outros nove expedientes sancionadores por exceso de velocidade entre 2019 e 2022, segundo informou a cadea SER. Entre elas figura a sanción de 500 euros en 2021 por circular a máis de 150 quilómetros por hora nunha zona limitada a 90 que, como adiantou Luzes-Público, a Dirección Xeral de Tráfico triplicou ata os 1.500 euros porque a Deputación se negou a identificar o condutor do vehículo.

Baltar foi denunciado de novo o pasado domingo na A-52 nun tramo á altura da localidade zamorana de Asturianos por circular a máis de 215 quilómetros por hora no mesmo automóbil -un Volkswagen Passat matrícula 8054 KLY cuxo titular é o organismo provincial-. A Garda Civil informouno de que a infracción podería constituír un delito contra a seguridade viaria e que poñería os feitos en coñecemento do xulgado de Poboa de Sanabria (Zamora), que podería citalo a próxima semana e que, de achalo culpable, podería condenalo a penas de entre tres e seis meses de prisión.

O presidente da Deputación, que non compareceu publicamente para dar explicacións, limitouse a informar en dous concisos comunicados que a infracción se debía un «descoido», que se tratou dun feito illado e que por recomendación do seu avogado non faría máis declaracións sobre o tema.

En tres das dez ocasiones nas que o coche de Baltar foi detectado polos radares circulando con exceso de velocidade entre 2019 e o pasado domingo, o automóbil foi detido e Baltar identificado, polo que as multas figuran ao seu nome. Noutras sete, con todo, o vehículo non foi parado e as sancións chegaron á Deputación, que foi interpelada para identificar o condutor. Polo menos no caso da de 2021, a institución esquivou a obrigación de facelo.

Luzes-Público pediu aclaracións ao organismo sobre os extremos anteriores, pero non recibiu resposta.

Rueda, o PSOE e o BNG

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, saíu o mércores en defensa de Baltar, e volveu facelo este xoves na rolda de prensa ao termo da reunión semanal do seu Goberno, descartando tomar medidas contra el e reiterando que está «arrepentido».

Pola súa banda, o grupo socialista en lle Deputación, que dirixe Rafael Rodríguez Villarino, pediu a dimisión de Baltar e presentou unha moción urxente na que lle insta a comparecer no pleno para dar explicacións, «xustificando documentalmente o motivo da viaxe; a razón pola que conducía el mesmo e non un chofer oficial; o por que da superación do limite máximo velocidade en 95 km/h; os ocupantes do vehículo no momento dos feitos e as reunións ou encontros que mantivo con motivo desa viaxe».

Tamén reclama a Baltar que «cesamento na comisión de actividades presuntamente delituosas cun coche oficial da institución, sen dar conta pública deles nin antes nin despois dos feitos», que o PSOE considera incompatibles coas «condicións de honorabilidade e exemplaridade que requiren o cargo» que ocupa.

O portavoz do BNG no Concello de Ourense, Luís Seara, cualificou de «intolerable» o comportamento de Baltar, advertiu de que a súa actuación puxera en risco a vida das persoas e tamén esixiu a súa dimisión.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail