Pedro G. Boquete, director executivo de Leite Noso: «En Galicia aínda ten que vivir máis xente do leite»

A sala de espera no despacho dun avogado é un lugar onde se estenden os minutos, e a agulla do reloxo baila sobre o eixo central. Aproveito para repasar as notas, pero non desconecto de todo das conversas dos meus acompañantes. Nos asentos contiguos, dous homes falan entre eles. «É que volvemos ao de sempre. Aos gandeiros non lles pagan… A onde imos así?», escoito. A onde imos así? Esa é a cuestión que ben podería iniciar a entrevista con Pedro González Boquete, avogado e director executivo de Leite Noso, a sociedade comercializadora das marcas Deleite e Muuu.

Boquete aínda recea un anaco para contestar as preguntas. Ocúltase na humildade dunha persoa que non se sente a indicada para conversar sobre a situación do sector agrogandeiro. Di coñecer unicamente a parte que lle corresponde: «A de montar unha estrutura que fixese posible que os gandeiros tiveran unha alternativa de rendibilidade acorde ao seu esforzo continuo».

O 40% da produción láctea de España sae de Galicia, pero contamos con tan só o 10% da industria. Estamos desaproveitando as potencialidades dun sector que se confirma unha e outra vez como estratéxico para o país? Non se está a facer o que se tería que facer, nin se fixo durante anos, así que agora aínda está máis difícil. Tiñamos moito leite e tiñamos industria, pero deixámola marchar. Agora algunha está a volver porque aquí é onde está o produto, pero fallamos de novo ao non lle estar dando o valor engadido que deberiamos. Esa é a parte que falta a día de hoxe.

Cando fala de eivas no valor engadido, refírese ao paso da transformación leiteira? Refírome a que durante moito tempo o único que se facía era leite líquido e o valor engadido producíase fóra. Actualmente hai algún intento por mudar iso, pero non se está a facer dende o propio sector lácteo galego. Son empresas foráneas en boa medida.

Daquela, o futuro e a competitividade do sector leiteiro galego pasa por apostar pola transformación dende aquí? Pasa por facer o leite cada vez máis rendible, e iso conséguese creando produtos innovadores e que repercutan directamente e de xeito positivo nos nosos gandeiros e gandeiras. Niso quixemos traballar en Deleite, en crear unha alternativa de rendibilidade para esas explotacións. Fixémolo co leite A2. Primeiramente, investigamos por que se deixou de consumir leite e logo estudamos que podería aportar o gandeiro para reverter esa situación e facer un produto diferenciado.

Presentación do leite A2 de Deleite.
A ÉPICA DO SILENCIO E DOS BERROS DE PROTESTA

Di que se consome menos leite. A que o achaca? Si, un 28% menos en 20 anos. O curioso é que só hai un 5% de persoas intolerantes á lactosa, entón nós preguntabámonos por que deixaran de tomar leite. Moitas dicían que lles sentaba mal, que lles producía malestar dixestivo… Concluímos que o causante non era un azucre –a lactosa–, senón unha proteína –a betacaseína A1–. Así decidimos apostar polo leite A2, procedente de vacas que só producen betacaseína A2.

Foi un traballo de catro anos en segredo para que os nosos gandeiros non se visen resentidos nas súas relacións coas industrias. Quen coñeza minimamente o sector gandeiro ten que alucinar con que se lograra gardar o proxecto durante tanto tempo, sobre todo porque implicaba facer cousas que resultaban chocantes arredor. Pero había esa confianza por parte dos gandeiros, que sabían perfectamente que tiñan que ofrecer un produto completamente novo. A min sorpréndeme esa parte épica de manter tanto tempo en silencio un segredo deste nivel.

Hai moito diso no sector agrogandeiro. As relacións entre as grandes empresas e as gandeiras e gandeiros son totalmente desiguais. Exemplo diso son os constantes conflitos e protestas por vérense asoballados, e moitas veces enganados. Non é de estrañar que houbese ese temor por resultaren prexudicados en todo este proceso que implicaba cambios na forma de traballar. Hai un desentendemento histórico. Antes podíaselle achacar toda a culpa á industria, pero o problema hoxe non só vén de aí. A industria está tendo unhas contas económicas realmente desastrosas e quen decide que prezo se pon ao consumidor é a distribución. Non son nin as industrias nin os gandeiros quen levan os beneficios, senón a distribución e o conxunto de consumidores, que están mercando a un prezo baixísimo un produto ao que lle correspondería máis valor.

De novo, outro aspecto histórico, unha demanda que vén de sempre: a reivindicación gandeira de cobrar un prezo xusto polo leite que producen. Os gandeiros reivindícanlle iso ao seu chanzo superior, que é a industria, coa esperanza de que a industria llo reivindique á distribución. Pero non sei se a industria ten neste momento forza dabondo para facelo.

E interese? Interese si que ten, pero non está en disposición de reivindicar nada. Neste momento hai un crecemento moi importante da marca branca, que é a que decide o prezo que se paga polo produto. As industrias estanse convertendo en meras maquinadoras das distribuidoras.

Granxa Langueirón. Foto: Xurxo Lobato.
O SECTOR QUE TERMA DO RURAL

Mencionaba antes a modernización da industria, pero cómpre pór o foco tamén na modernización das propias explotacións. Persiste esa idea que vincula o rural e o sector gandeiro co atraso, pero os avances tecnolóxicos sitúannos ao nivel de países punteiros. A día de hoxe temos mellores explotacións que as de calquera país. Proba diso é que estamos sendo totalmente pioneiros en experimentar con novos produtos, como o leite A2. A parte máis dinámica do sector agrogandeiro sempre foi o sector produtor. Foi o que fixo todos os sacrificios: comprou dereitos para producir cando era necesaria a cota do leite, formouse, modernizou as explotacións… Ou fixo o que non fixeron as administracións, que foi concentrar e mercar terras para ter superficie agraria suficiente. Temos un sector produtor que é absolutamente modélico: moderno, ben formado, cun leite de altísima calidade e cuns custos inferiores aos doutras comunidades autónomas. Polo tanto, os produtores e produtoras foron os únicos que fixeron os deberes dentro do sector gandeiro. Se a industria seguise o seu exemplo, teriamos un sector leiteiro fortísimo.

Esa fortaleza no sector lácteo e mais no sector vacún de carne é clave para o conxunto da economía galega, non só para quen vive directamente del. E en canto ao territorio? Que potencialidades lle ve a este sector como apoio do modo de vida rural? Practicamente a única rendibilidade económica que se produce na Galicia baleirada é a do sector agrogandeiro e a do sector forestal. Ningunha outra compite a ese nivel estratéxico. O noso é o país do millón de vacas. Producimos máis, temos explotacións máis grandes e máis profesionais, pero non podemos esquecer que desapareceron moitísimas. Se desaparece o sector lácteo e os gandeiros de Galicia, desaparece quen terma do rural. Entón está claro: quen son os que quedan para coidar este medio? Quen van ser os xardineiros de todo isto? Os gandeiros e as gandeiras.

Vostede insiste moito en que cómpre explorar outras vías para reestruturar un sector completamente magoado. Que fórmulas ve factibles? Trátase de buscar alternativas que lle permitan ao gandeiro levar unha parte do prezo do leite. Eles e elas non van cobrar máis polo feito de que a industria e a distribución vendan leite sen lactosa ou con Omega 3, por exemplo. As explotacións perciben o mesmo importe, aínda que logo nos supermercados ese produto custa moito máis. Por primeira vez, iso cambia. Co leite A2, o consumidor paga máis polo produto e tamén o gandeiro cobra arredor de cinco céntimos máis ca a media, porque son eles e elas quen lle dan valor. É a primeira vez que se fai I+D+i dende os gandeiros.

Nun lineal de supermercado ateigado de produtos e marcas, existe conciencia entre os consumidores á hora de escoller o leite que bebemos? Máis do 50% do leite está en marca branca e véndese a uns 60 céntimos. Damos por feito que ese é un prezo razoable. Conformámonos con dicir que ten que cubrir custos de produción, pero iso non pode ser! Tamén terá que aportar un beneficio ao gandeiro, non? Ten que se producir unha rendibilidade, porque se non teremos que dicir adeus ás explotacións.

Se nós conseguimos un prezo de leite razoable na marca branca, podemos conseguir un prezo decente na marca de fabricante. Aínda máis: se hai un prezo razoable na marca de fabricante, ao mellor xa non hai marca branca, porque non ten sentido que a haxa. Só existe porque lle interesa á distribución.

CAMIÑOS DE FUTURO

Non é só que non se produzan beneficios para o produtor en orixe, senón que se están cuantificando perdas. A pandemia agravou aínda máis a situación e acaba por afogar os gandeiros, que ven como os prezos dos pensos ou da enerxía soben mentres eles cobran 200 euros menos por un becerro. Iso no sector cárnico, pero outro tanto ocorre no lácteo.  É o mesmo de antes: se as fábricas elaboran exclusivamente leite líquido, non poden pagar grandes prezos no campo. E nesa situación quen está? Pois as grandes fábricas lácteas galegas. Se temos o sector baseado case unicamente na produción de leite líquido, temos un problema serio. Hai algunha iniciativa, pero en xeral son queixerías a pequena escala. Son proxectos residuais que están centrados en nichos de mercado.

Non terán un peso equivalente ao das grandes industrias, pero son exemplos de iniciativas rendibles economicamente. Falamos, por exemplo, da Casa Grande de Xanceda, da queixería da Gandería Quintián, de Bico de Xeado… Si, pero son proxectos nacidos dende o sector produtor, non dende o sector industrial. Ponse de manifesto unha vez máis que o sector produtor é o máis dinámico e innovador. No entanto, o sector industrial esmaga e apenas hai cousas novas. Póñense moitas etiquetas, moito marketing, pero non se fabrican realmente produtos diferenciados. Fálase de vacas felices, de benestar animal, de pastoreo…, pero son enganos ao consumidor.

Pedro G. Boquete, recollendo o premio Manuel Beiras a empresas normalizadoras en nome de Deleite.

Confúndese a necesidade de diferenciar e diversificar o produto con poñer etiquetas que na práctica non supoñen valor engadido? Iso é o que quere dicir? Si. Creo que a estratexia que están utilizando non é a acertada. Non se trata de poñer etiquetas, trátase de explicarlle ao consumidor, á distribución e administracións que hai que pagar máis polo leite. Hai que facer entender que este é un produto absolutamente necesario e bo para Galicia.

Queda clara a súa razón de ser como base da economía galega, pero que hai da súa condición como elemento cultural? En Deleite apostades por ese vínculo entre leite e cultura. Deleite non busca unha maior rendibilidade para si, senón para os gandeiros. O que procuramos é ter máis valor de marca, e iso conséguese se se fai país, se se potencia a nosa literatura, os nosos músicos… É incomprensible que en Galicia non houbera unha festa do leite tendo en conta o peso deste produto na nosa cultura… Había festas do queixo, si, pero non do leite. Quixemos facer o Festival do Leite porque era inconcibible que non existise algo así no país das mil festas gastronómicas.

Imos afalarlle a esta conversa, e rematamos así preguntando polos retos e loitas que quedan aínda por gañar no sector agrogandeiro. Queda por facer todo. Quedan por conseguir unhas relacións de igualdade entre as distintas partes da cadea de distribución. Que desapareza a relación de vasalaxe que se produciu nos 80 entre industria e gandeiro, pero que tampouco sexa agora a distribución a que impoña a súa lei.

Queda tamén por investir, por desenvolver, por fortalecer a industria, por facer produtos máis atractivos e porque nun sitio onde está a maior produción do Estado se aposte pola investigación do leite. Aos mozos tenlles que resultar atractivo non só producilo, senón investigar sobre el. En Galicia ten que vivir aínda máis xente do leite.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail