A Xunta invisibiliza a homenaxe ás vítimas do Alvia, que a acusan de silencialas

O Goberno galego modifica a data de entrega das Medallas de Galicia, que as vítimas rexeitaron e que desde fai sete anos coincidía co aniversario do accidente de Santiago.

A Coruña.- A Plataforma de Vítimas do Alvia, que agrupa a maioría dos afectados polo accidente de tren que fai oito anos causou oitenta mortes e case 150 feridos na curva de Angrois, nos arredores de Compostela, criticou a Xunta por trasladar de data o acto de entrega das Medallas de Galicia, que desde o sinistro e ata este ano se celebraba cada 24 de xullo, o día do suceso.

A Plataforma considera, en palabras do seu voceiro, Jesús Domínguez, que a decisión de adiar o acto das Medallas de Galicia significa «ningunear de novo» ás vítimas e contribuír a que se esquezan as súas demandas para que se investiguen ata o final as causas do accidente e se depuren as responsabilidades penais e políticas derivadas do mesmo. Tamén, para «silenciar» as súas críticas ás administracións públicas e altos cargos dos Gobernos do PP e o PSOE implicados na construción e mantemento da vía onde ocorreu o accidente.

As Medallas de Galicia son a máxima distinción outorgada pola Xunta e entréganse «ás persoas ou institucións destacadas polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica», e a aquelas que son merecedoras «de gratitude e da homenaxe que se lles debe tributar». Recibíronas desde o rei Emérito ao Deportivo da Coruña, pasando polo grupo musical Os Suaves, a Catedral de Santiago e o escritor Paulo Coelho.

Imaxe do acto de entrega das Medallas de Galicia 2014 / Foto: Xunta.

Desde 1984, as Medallas entregábanse nunha solemne cerimonia o 25 de xullo, coincidindo coa conmemoración do Día de Galicia, a festa nacional autonómica. En 2014 a Xunta decidiu outorgar a condecoración ás vítimas do Alvia e a quen as socorreu, pero cando soubo que as primeiras a rexeitaban e que tiñan intención de manifestarse fronte ao lugar da cerimonia na Cidade da Cultura, o que podería rebentar a imaxe institucional dun Feijóo rodeado de altas figuras do Estado –sempre acoden aos actos, que coinciden tamén cos da tradicional ofrenda ao Apóstolo Santiago–, o Executivo decidiu retrasar a entrega coa escusa de que así o día coincidía co do accidente.

A pesar de todo, aquel 24 de xullo da 2014 a Xunta ofreceu de Galicia unha imaxe vergonzosa. Só dous dos varios centenares de vítimas e dos seus familiares aceptaron acompañar a Feijóo na entrega das medallas, mentres a policía e os antidisturbios impedian ao resto entrar ao recinto, como pode verse no documental Frankestein 04155. Producido por Boneca Lareta, dirixido por Aitor Rei e financiado mediante un crowfunding organizado pola Plataforma, narra a odisea dos afectados polo accidente para que as institucións investiguen as verdadeiras causas do sinistro e admitan as serias neglixencias no proxecto do tren e da vía, máis aló da responsabilidade do maquinista.

Por certo que o documental foi un éxito, con máis de medio millón de espectadores e varios premios: mención especial na Seminci de Valladolid, premio do público no Cineuropa de Compostela, premio especial do xurado do Festival Primavera do Cinema de Vigo… Pero nin Televisión Española, nin moito menos a Televisión de Galicia quixeron emitilo. O director ofreceullo á TVG por un euro, pero nin así.

Cartaz de Frankestein 04155.

«A maioría das vítimas dixemos que non queriamos medallas, que o que queriamos era a verdade», dicía Jesús Domínguez no documental. «Eu non son ningún heroe, o único que fixen foi saír de debaixo dun tren e sobrevivir». Domínguez leva 20 intervencións cirúrxicas, pero cando se lle pregunta hoxe como se sente, di que afortunado. Está vivo.

Desde aquel 24 de xullo de 2014 a hoxe, as Medallas de Galicia sempre se tiñan entregado ese día. Pero este ano o Goberno autonómico acordou volver á data orixinal, malia que o propio Feijóo asegurou que se manterían sempre o 24 para non esquecer nunca o accidente. Luzes-Público preguntou á Xunta polas razóns que motivaron o cambio, pero ao peche desta información non recibira resposta. O certo é que este ano está previsto que asista á cerimonia o rei Felipe VI, que o domingo tamén irá á ofrenda a Santiago. Quizais sucede –e isto é unha mera elucubración sen contrastar– que diante da dúbida entre manter a entrega de medallas o sábado e seguir homenaxeando as vítimas de Angrois, ou non facelo, ter outra foto co rei e de rebote silenciar as demandas da Plataforma, Feijóo optou polo segundo.

As vítimas acusan o presidente da Xunta de tapar a responsabilidade do Goberno de Mariano Rajoy no accidente, ocorrido cando a galega Ana Pastor era ministra de Fomento. Pastor opúxose á creación dunha comisón de investigación no Congreso a pesar de que todas as evidencias parecían apuntar a que os sistemas de seguridade instalados na vía, e especificamente na zona de Angrois, eran insuficientes polo que o accidente era só cuestión de tempo, e a que Renfe, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e Fomento desatenderan sistematicamente as advertencias dos expertos e mesmo dos maquinistas sobre esas evidencias.

Protesta das vítimas na estación madrileña de Atocha / Foto: Frankestein 04155.

As reponsabilidades tamén chegaban ao Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, cando, con José Blanco de ministro de Fomento, se deseñou e construíu un trazado que, en palabras dun experto de Adif, era «unha chapuza» que se vendeu como alta velocidade pero que non contaba con todos os requisitos desta, como as medidas de seguridade que impedirían que por un descoido do maquinista un tren entrase a máis de 190 por hora nunha curva onde non debería superar nunca os 80.

Finalmente, a comisión de investigación parlamentaria constituíuse e empezou a traballar, case cinco anos despois do sinistro. Pastor e Blanco declararon, pero lavaron as mans e eludiron calquera responsabilidade. As vítimas acusáronos entón de mentir, de non dar a cara, obstaculizar a investigación do accidente e obstruír a acción da xustiza. No caso de Pastor, con máis responsabilidade aínda dado que baixo o seu mandato a Comisión Europea acabaría abrindo expediente a España por vulnerar unha das normas máis elementais das leis europeas sobre investigación de accidentes de tren: que os responsables, é dicir, Adif, Renfe, Fomento, non participen nela, como si fixeron.

O exministro de Fomento, José Luis Ábalos, negouse a acatar a orde de Bruxelas de facer unha nova investigación verdadeiramente independente, e durante o seu mandato tamén se negou a recibir as vítimas. A Plataforma pediu cita desta vez á súa sucesora, a ministra de Transportes Raquel Sánchez, pero aínda non obtivo resposta.

Imaxe do descarrilamento do Alvia tomada polas cámaras da vía.

O pasado mes de abril, a Audiencia Provincial da Coruña rexeitou os recursos dos únicos imputados do caso –o maquinista do Alvia e o exdirector de Seguridade na Circulación de Adif–, e fai dous días o xuíz instrutor ordenou a apertura de xuízo oral, para o que aínda non se sinalou data. O fiscal pide para os acusados catro anos de cárcere por oitenta delitos de homicidio por imprudencia e 145  por delitos de lesións. Pode soar a mera elucubración sen contrastar, pero non o é engadir aquí que a titular do xulgado do Penal número 2 de Santiago que presidirá o xuízo e redactará a sentenza, María Elena Fernández Currás, é a irmá da exconselleira de Facenda de Feijóo e exsecretaria de Estado de Orzamentos de Rajoy, Marta Fernández Currás.

En canto á comisión de investigación do Congreso, pechou fai dous anos cando o adianto electoral obrigou a disolver as Cortes Xerais. Durante a mesma compareceu o maquinista, a quen o presidente da Comisión, Feliú Guillaumes, do PdeCat, impediu achegar a gravación da chamada que fixo á central segundos despois do accidente. Esta é a súa transcrición literal:

—Ha de haber feridos, moitos, eh!, porque isto envorcou, eh!, non podo saír da cabina.
—Vale, tranquilo, maquinista.
—É que a tiña en verde e despisteime, e, como se chama?, que tiña que pasar a oitenta e pasei a 190 ou unha cousa así.
—Vale.
—É que isto xa lle dixen ao de Seguridade, xa que iso, que iso era perigoso, que un día iamos despistarnos e, e iámosnola tragar. E tocoume a min.
—E ti estás ben?
—Eu, a min dóenme as costas, teño a cara sangrando e non podo… Ai!
—Vale, así que…
—Pero isto xa llo tiña dito ao de Seguridade, que isto era moi perigoso, somos humanos e pódenos pasar. É que… Iso é inhumano, esta curva…
—Xa.
—Ou sexa, entón, entendes? É que, é que, cun anuncio de ‘Precaución’, é que non pode ser, é que, é que, que fagan estas cousas, home! Que o maquinista ten que estar, e si, pero somos humanos. Ai, meu deus! Meu deus, meu deus, pobres viaxeiros! Oxalá non haxa ningún morto.
—Esperemos.
—Oxalá, cago en dez! Se non, a miña conciencia… Meu deus! Cago en dez! Meu deus, pobres viaxeiros! Pobres viaxeiros!.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail