Sito Seoane, nómade do fútbol

O pasado 27 de xullo Sito Seoane camiñaba contrariado cara aos vestiarios do David Stanton Field de Chattanooga, cidade de Tennessee onde o calor e a humidade, o Sur, vense mitigadas polas montañas e a altura. O recente empate entre o seu equipo, os Chattanooga Red Wolves, e o F.C. Tucson, deixaba a Sito e aos seus compañeiros coa sensación de teren malgastado unha bala. Quedaban once xornadas para o final da liga regular, pero escaparáselles a oportunidade de asentarse nunha das primeiras catro posicións da liga, as que outorgaban aceso aos playoff polo título da USL1, a terceira categoría do soccer norteamericano.

Sito,, nun partido cos Chattanooga Red Wolves

Foi aquel encontro entre Chattanooga e Tucson un espectáculo futbolístico pouco lúcido e aínda menos lucido, moi anglosaxón, no que as ocasións que o balón tocou o céspede máis duns segundos foron escasas. E nesas circunstancias, Sito —1,75 metros, delgado, zurdo, nacido nos Estados Unidos pero de sangue galega e colombiana, con cartel de xogador técnico por estas terras— non se acabou de sentir a gusto. Aínda así, tivo certas oportunidades para deixar a súa sinatura: estivo a piques de marcar dous goles, a última das oportunidades foi nunha chilena que se marchou por pouquiño a minutos do final.

Antes de que puidese abandonar o céspede, ao galego abordárono algúns dos afeccionados máis novos e leais do David Stanton. Era o último dos red wolves no verde e aqueles seis, sete rapaces pasaran diante de todo o resto dos xogadores, aos que fixeron caso omiso, para dirixirse directamente polo número once. Aos nenos o empate parecía importarlles moito menos que o feito de achegarse ao seu ídolo. Sito é do que esperan que resolva un partido en calquera momento, do que se cansan de repetir o nome aos seus pais mentres se disputan os 90 minutos, do que buscan ás carreiras cando o colexiado pon punto e final á historia de cada fin de semana. E este home nacido na Florida pero criado na Coruña e os seus arredores, pese a que apetecer non lle apetecería moito, parouse a firmar todos os autógrafos que lle pediron. É parte do seu traballo, pensará el, como tipo agradecido que é.

Agora, case dous meses e medio despois, logo de quedaren fóra das eliminatorias por tres ínfimos puntos, xogadores e corpo técnico dos Red Wolves recordarán aquel encontro con un «e se aquel día…». Pero pola súa parte, no currículo futbolístico de Sito, este non é outro val máis nunha carreira de moitos subes e baixas. Unha serie de anécdotas e historias que lle asemellan moito máis ás dos miles de traballadores que tiveron que emigrar e buscarse a vida nos últimos anos fora de Galiza que ao que, normalmente, se asocia ca vida do futbolista. Porque cando se colocan fronte ao espello o recorrido, as motivacións e as formas de Sito, por moito autógrafo que teña que firmar ou gol que celebre, o que aparece é un humilde traballador emigrado. Parte das razóns a isto, quizais, atópanse na súa propia casa.

A viaxe familiar

O pai de Sito, Julio Seoane, naceu en Carral no ano 1955, pero xa moi pronto, con 13 anos, marchou cara ao lugar onde tantos marcharon, desembarcando en Nova York a finais dos anos 60. Sen embargo, nin cruzou o río Hudson cara a New Jersey nin ficou no mesmo porto de Brooklyn, senón que se instalou en Queens, onde Julio acabou por ser propietario dun bar-restaurante, unha discoteca e un taller. Tamén aló coñeceu ao final dos anos setenta a Elizabeth Vergara, unha muller colombiana emigrada tamén na capital do mundo.

Cousas que permaneceron na cultura que Sito herdou dos seus pais, a historia da familia Seoane Vergara comezouse a diferenciar doutras tantas que chegaron a Nova York cando puxeron unha vez máis quilómetros de distancia ca súa estabilidade. Ao revés dos que aló atoparon unha segunda casa da que non moverse, da que sentir saudade, Julio e Elizabeth marcharon primeiro cara a California e, aos poucos anos, a Miami. Foi na cidade de Florida que naceu en 1989 un dos tres fillos da familia: José Enrique Seoane Vergara, o coñecido agora como Sito.

Pero a principios dos anos noventa as dúbidas sobre a permanencia da familia nos Estados Unidos comezaron a aflorar. A avoa de Sito enfermara en Galiza. A parella tamén comezara a darlle voltas a idea de que, quizais, era momento de deixar o seu país de adopción. Finalmente, foi o furacán Andrew, en 1992, o que tomou a decisión final, coma unhas notas de corneta que anunciaban a retirada cara á terra do pai. Despois de que este desastre natural arrasase con dúas casas dos Seoane Vergara, o seguro ofreceulles dúas opcións: ou un porcentaxe do valor das dúas casas nese mesmo momento, ou esperar uns anos para cobrar todo. Tomaron a primeira opción e regresaron. De Miami, pouca cousa non é o cambio, marchaban cara a Santa María de Vigo, Carral, A Coruña.

A viaxe futbolística

Aínda que el mesmo recoñece que nunca foi dos nenos que máis destacou nas categorías inferiores, Sito estivo ligado ao fútbol case que dende aterrou en Galiza. Criado entre Santa Cruz e Carral, o fillo de Jorge e Elizabeth acabou por chegar nos seus últimos anos de categorías base ao Montañeiros, por aquela época un dos referentes no fútbol coruñés. Desempeñábase como lateral esquerdo, onde aproveitaba o seu fondo físico para converterse nun bo xogador de equipo, nunca unha estrela. E ao mesmo tempo que lle chegou unha convocatoria ca selección coruñesa, apareceu tamén unha lesión no ligamento cruzado no tramo final da temporada de xuvenil de primeiro ano. A recuperación foi a primeira valla, un quentamento para a súa dilatada carreira de obstáculos no profesionalismo. Unha que comezaría en 2012, no Laracha.

Na comarca de Bergantiños e tras traballar ao lado de dous adestradores míticos do fútbol coruñés como Bardanca e Lemos, Sito atopou con 21 anos unha desas persoas plot twist, deses que supoñen un xiro de 180 grados e sen os que sería imposible entender todo o que acontece tras eles. No seu caso, esta persoa é Manuel Mosquera. «O adestrador que máis se centrou en meterme o profesionalismo dentro e fóra do campo», tal e como explica Sito. Primeiro, o actual técnico do Extremadura de Segunda División tivo a idea de probalo de segundo dianteiro. Mal de todo non foi: na xornada 28 da temporada 2011-2012 de Preferente, Sito levaba 23 goles. Logo, Mosquera abriulle a porta cara a unha viaxe que xa conta sete anos e unha decena de equipos.

Sito, despois de marcar un gol coa IBV de Islandia

«El tiña contacto cunha axencia deportiva encargada de levar a deportistas a Estados Unidos e sabía que eu, ao ter a cidadanía estadounidense —por ter nacido alá— podería sacarlle moito máis proveito ao fútbol se marchaba», relata Sito, que colleu o avión nese mesmo 2012 á Universidade de San Jacinto, que lle outorgara unha beca deportiva. De aí ficha polos Austin Aztex de Texas, onde gaña o título da daquela terceira categoría dos Estados Unidos, a USL PDL, convertido nun dos xogadores referencia. Tras dous anos en Austin, Sito logra unha praza nos Houston Dynamo, franquía da todopoderosa MLS, a principal liga profesional dos Estados Unidos. Tiña 25 anos e xa alcanzara o seu teito deportivo na mellor liga dos Estados Unidos. Pero coma adoita ocorrer, os ventos na vida de Sito non tardaron demasiado en cambiar.

Logo de catro meses en Houston e unha boa pretemporada, a directiva fichou a DaMarcus Beasley, internacional estadounidense e clásico do fútbol norteamericano. Para facer sitio para o seu alto salario, o club decidiu botar a tres dos futbolistas con salario mínimo. E Sito, claro, era un deles. De aí pasou a xogar ca Universidade de New Hampshire unha serie de partidos para terminar a súa carreira universitaria e, aos meses, fichou por un equipo da segunda división danesa. Pero tras chegar con galóns a Dinamarca, o adestrador que o contrata é despedido ás dúas semanas e a directiva decide vendelo ao IBV de Islandia. «O IBV ía último cando chegamos eu máis outras dúas fichaxes, pero acabamos gañando seis dos últimos dez partidos e salvámonos». Este brillante final de temporada permítelle a Sito fichar por un equipo da capital, o Fylkir, chegando incluso a xogar un partido da previa da Europa League. Así e todo, o seu futuro, outra vez máis, prepáralle unha nova viaxe.

Dende Ottawa, Paul Dalglish, fillo do mítico dianteiro escocés e que xa fora o seu adestrador en Austin, chámao para vestir a camiseta dos Fury, na segunda categoría do fútbol norteamericano. «Foi unha das mellores experiencias, onde estiven máis contento», explica Sito sobre este episodio da súa odisea, do que aínda garda un especial recordo: «Vin as instalacións do Deportivo e por aí serán coma as de Ottawa, é un equipo superprofesional». Sen embargo, tras unha moi boa primeira temporada de Sito, a directiva decide prescindir de Dalglish e novamente chega un adestrador novo que non conecta con Sito. Así, ano e nove meses despois de chegar a Ottawa, o galego volve facer as maletas, se e que algún día as desfixo. Por segunda vez chega a Islandia, agora cun contrato para sete meses co Grindavík, e a súa traxectoria é outra de subidas e baixadas: aterra nun equipo en descenso, conseguen subir ata postos de competición europea con Sito xogando un rol crucial, pero a directiva, aos meses, decide vender a o central e ao dianteiro titular. «E xa sabes», conta Sito, «cando deixas ir ao que mete goles e ao que os evita, vaise todo ao carallo».

Chattanooga, penúltima parada

Despois de tanta volta e sorpresa e bos e malos momentos, a Sito chegoulle a oportunidade neste 2019, outra vez, para cruzar o Océano Atlántico e converterse nun dos xogadores referencia dos Chattanooga Red Wolves na primeira temporada da súa historia. Sen embargo, unha lesión no nocello impediulle chegar na forma óptima ás primeiras semanas. Sen a confianza do adestrador e co equipo na sétima posición dunha liga de dez, o coruñés contaba na xornada número 12 con só tres titularidades e cero goles no seu contador persoal. Neses meses apareceu incluso a posibilidade de marchar cara a equipos de Islandia, ao Unionistas de Salamanca da 2ªB española ou, inclusive, facer a pretemporada co Extremadura de Manu Mosquera. Pero as cousas, coma sempre, cambiaron. Esta vez para ben.

Na xornada número 12 e saíndo do banco, Sito contribuíu cun gol á primeira vitoria a domicilio dos Red Wolves na temporada. Dúas semanas despois e con Sito xa como titular, chegou o terceira vitoria consecutiva dos Red Wolves. De aí en diante, o galego xa non perdería o seu posto no once dos Red Wolves e chegaría aos sete goles, incluída unha racha de tres consecutivos nas tres xornadas finais na que os de Chattanooga loitaron pola entrada nos playoff. Un esforzo final que non serviu, pese a todo, para alcanzalos. Trala última xornada do pasado 5 de outubro, a ansiada cuarta posición quedou a tres puntos, rematando así, xa que logo, este último capítulo na carreira futbolística de Sito.

Así pois, comezou a golpe de domingo un proceso que Sito Seaone xa coñece de sobra. Pese a que ten un ano máis de contrato no estado de Tennessee, a experiencia das súas idas e voltas cun balón de por medio mostráronlle que tampouco se pode fiar demasiado do que din os papeis. As cousas, nesta beira do mundo do fútbol, son moito menos predicibles, moito menos seguras. Son, digamos, máis parecidas á vida real.

Sito co UMF Gridanvík danés

Porque, en realidade, Sito Seoane non é máis que outra face nunha xeración que, futbolista, camareiro ou enxeñeiro, tivo que volver a facer as maletas igual que o fixeron os seus pais, os seus avós ou bisavós nun país que parece condenado eternamente a ter que mirar cara outras terras. A que moita da súa xente non saiba cando poderá volver, se é que o fai. «Nos Estados Unidos cobro todos os pagos ao día e o nivel de vida está ben, o que non quero facer é volver para casa para gañar tres veces menos do que o que cobro aquí, se é que cobro», explica Sito, que remata: «Ademais estes anos aprendín moito, vin realidades diferentes; por iso sempre digo que recomendaría a futbolistas novos, ou non tan novos, saír do país, igual que a xente que sae a traballar fóra de España».

Pero o certo é que para Sito iso de cambiar de país coma de camiseta pode que sexa máis sinxelo que para a maioría. O de emigrar, ao fin e ao cabo, venlle de familia. Dos tres fillos de Jorge e Elizabeth, todos acabaron buscando a vida polo mundo adiante; un en Nova York, outro en Canarias e Sito onde lle paguen por dar patadas a unha bola. «Eu penso que eles nos meteron esa ansia de saír a pola aventura, de buscar a vida», explica. E en certa maneira, a súa historia é o exemplo de que, tamén no fútbol, nese mundo que parece ás veces tan lonxe do día a día do resto da humanidade, incluso as historias da diáspora teñen lugar. Á do seu pai púxolle fin un furacán. Á súa terá que ser algo así porque, parece, nas pernas aínda ten moitos quilómetros por percorrer. No céspede e fóra del.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail