«Este vaise, e aquel vaise, e todos, todos se van» laiouse Rosalía. A nosa poeta nacional non se refería precisamente ao Congreso e ao Goberno a onde ían os homes que abandonaban Galicia, pero estes son outros tempos. Primeiro foi Yolanda Díaz, logo Feijóo, e tamén Marta Lois e Miguel Tellado, Pedro Puy, Paco Conde, Rosa Quintana e José Ramón Besteiro, por quedármonos cos máis coñecidos. En Madrid xa se queixan da invasión e chaman aos xornalistas de aquí a preguntar quen é Fulano ou de que pé coxea Mengana. Os galegos e as galegas vanse para Madrid, pero que non o fagan en tren, ou pasáralles como, entre outros, a Antón Losada, que lle conta no episodio de hoxe a súa aventura ferroviaria a Ana Luísa Bouza, Xosé Manuel Pereiro e Marta Otero Mayán, que non acreditaban (sobre todo Marta, que andaba apatrullando Londres).