O Concello de Ourense adxudica 2,6 millóns ao construtor que confesou cinco delitos de corrupción na Gürtel

O Goberno local, no que o Partido Popular entrou hai tres meses, contratou a limpeza de instalacións municipais cunha sociedade propiedade dun empresario imputado na operación Enredadera, na Púnica e na trama corrupta de Francisco Correa en Boadilla

A Coruña.- O Concello de Ourense, gobernado en minoría polo independente Gonzalo Pérez Jácome en coalición co Partido Popular, acaba de aprobar unha concesión de 2,6 millóns de euros para a empresa Aralia Servizos Sociosanitarios, propiedade do empresario leonés José Luis Ulibarri, quen será xulgado o próximo mes de novembro pola súa implicación na trama Gürtel.

Trátase de dous contratos referidos á limpeza dos edificios municipais e administrativos de Ourense, desde garderías e polideportivos a bibliotecas e centros sociais pasando pola sede municipal, cun orzamento basee de licitación de 1,13 e 1,45 millóns de euros cada un, respectivamente.

O Bloque Nacionalista Galego denunciou que a adxudicación vulnera unha moción desa formación aprobada polo pleno no 2015 que comprometía ao Concello a incluír nas súas licitacións cláusulas que garantisen que as empresas inmersas en casos de corrupción ou con antecedentes xudiciais non levasen os contratos. Segundo lembra o portavoz nacionalista, Luis Seara, aquela proposta foi aprobada cos votos en contra do PP e de Democracia Ourensana, o partido de Jácome.

O alcalde alega que negarlle á empresa de Ulibarri a posibilidade de optar aos contratos «sería prevaricar» e que no caso da concesión do servizo de limpeza o Concello limitouse a cumprir coa legalidade. Jácome, cuxo grupo conta con tan só tres edís nunha corporación de 26, chegou en xuño pasado a un acordo co PP para manter a Alcaldía a cambio da entrada dos populares no Goberno local e de seguir apoiando na Presidencia da Deputación ao secretario provincial dese partido, José Manuel Baltar.

José Luis Ulibarri é un coñecido empresario da construción que se enriqueceu co bum inmobiliario dos anos oitenta e noventa do século pasado, e que entrou no sector da comunicación adquirindo e participando televisións locais e rexionais, emisoras de radio e xornais, con acordos con Unidade Editorial (Unedisa), a sociedade editora de El Mundo, e con EsRadio, propiedade de Federico Jiménez Losantos.

No 2008 foi imputado -a figura procesal que hoxe corresponde a investigado- na trama Gürtel, pola súa presunta participación en varias das decenas de adxudicacións irregulares que, por valor de 149 millóns de euros, investigaron os tribunais sobre a rede deseñada polo PP e por Alfonso Correa no municipio madrileño de Boadilla del Monte para financiar ao partido e obter mordidas mediante a adxudicación ilegal de contratos públicos.

Ulibarri ingresou en prisión no 2018 pola súa implicación noutro caso, Enredadera, referido ás comisións pola adxudicación de contratos na primeira década deste século en varios concellos, deputacións provinciais e organismos públicos, entre eles o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ( Adif). Tamén foi imputado na operación Púnica.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no pleno de xullo pasado / Foto: Concello de Ourense

En xullo pasado, o empresario enviou unha carta á Audiencia Nacional confesando a súa participación na Gürtel e recoñecéndose culpable dos delitos de prevaricación, fraude, falsidade, contra a Facenda pública e tráfico de influencias. O xuízo sobre a peza da trama referida a Boadilla, con 27 persoas físicas e trece persoas xurídicas sentadas no banco dos acusados, entre elas o PP como partícipe do delito a título lucrativo, ía comezar o pasado día 20. Pero atrasouse ata novembro.

Os dous contratos adxudicados polo Concello pertencen a un lote de tres no que a segunda empresa adxudicataria, curiosamente, é Onet Iberia Soluciones, á que Ulibarri vendeu Seralia, unha das súas empresas de limpeza de infraestruturas e xardinería, despois de que empezasen os seus problemas coa xustiza.

Segundo a Plataforma de Contratación do Estado, os tres lotes sacáronse a concurso por un orzamento basee de licitación de 2,78 millóns de euros. Nas puntuacións das ofertas recibidas, Aralia quedou a primeira nos dous lotes que se adxudicaron, e Onet, segunda. Á inversa, Onet presentou a oferta máis puntuada e Aralia, a segunda, no terceiro lote, por valor de 199.496 euros,

Luis Bará asegura que «non resulta nada edificante nin ético que o Concello adxudique contratos a unha empresa implicada en dúas dos máis soados casos de corrupción do Estado», lembra que Ulibarri confesou os seus delitos e que, segundo a investigación policial, «valíase das súas relacións con cargos políticos e concelleiros para atopar vantaxes nos concursos públicos aos que se presentaba» coas súas empresas.

Fontes próximas a Gonzalo Pérez Jácome responderon que a acusación do BNG o que en realidade di «é que o Concello de Ourense debería prevaricar e escoller unha oferta diferente á mellor de entre as presentadas».

«O caso é que non existe ningún impedimento legal para que esa empresa se presente a ningún concurso público, nin para que, unha vez que puido presentarse, resulte elixida», e que non depende do Concello «deslexitimar a unha empresa para que poida concorrer a este tipo de concursos».

«Terá que ser a xustiza quen llo impida e non consta que iso sucedese», engaden as citadas fontes, que conclúen que «non está en mans dunha entidade local facer nada respecto diso mentres a xustiza non se pronuncie».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail