Un neno uniformado vai camiño da escola. Acompáñao, presumiblemente, a empregada do fogar, uniformada tamén, mais coa casaca branca de faena.
«—Carmen, ¿tú tienes hijos?
—Sí. Además, tengo una niña de tu edad.
—Pues qué bien, así cuando crezca podrá ser la cuidadora de mis hijos.»
Ambos camiñan da man, pero entre eles érguese un muro invisible. Na escena seguinte, Carmen acompaña a outra cativa ata porta da escola. Xa non é a filla de outros, é a súa. Non leva uniforme. «Corre hija, corre», pensa Carmen para si, en off, mentres a observa perderse no interior do centro público.
A campaña (ou carreira) ata a Moncloa do pasado 23 de xullo destacou por moitas cousas, entre elas, pola procura incansable de paralelismos con comicios pretéritos. Da reciclaxe dalgúns marcos discursivos daquela campaña de 1982 que levaron a Felipe González ao Goberno do Estado cunha abafante maioría, obtida a costa de facer desfilar o monstro dunha extrema dereita puxante, disposta a desandar o andado, á recuperación da figura de José Luis Rodríguez Zapatero, reconvertido en mestre druída coa encomenda de percorrer praza tras praza, levando a mensaxe do que había que preservar fronte ao que podiamos perder.
Dentro desa estratexia de recuperación concibida ao abeiro dunha ameaza case tanxible, a xulgar polas enquisas, o PSOE tiraba de arquivo propio e volvía emitir, nos actos de campaña, un spot propagandístico, que o partido fixera público na recta final da campaña das Eleccións Xerais de 2011. O anuncio chamaba a salvagardar, como chave para un futuro máis horizontal e menos elitista, a que é unha das grandes cuestións sobre as que pivotan os programas electorais progresistas, con perdón da sanidade. Falamos de educación como chave primeira e garantía única dunha sociedade igualitaria.
Un spot perfecto, impecable, reivindicado e vixente aínda hoxe e que chama a protexer a educación pública como garantía de igualdade apelando a algo tan humano como individualista: as aspiracións. Hoxe, o anuncio segue inspirando a mesma emoción entre os espectadores, mais xa non estamos en 2011, e hai tempo que esa panacea milagreira, ese ascensor social capaz de facer que a posición de partida non importe, comezou a renxer. «A medida que as desigualdades sociais foron incrementándose, fomos atribuíndo á educación un papel cada vez máis central na mitigación desas desigualdades. Témolo tan asimilado que, ao final, xa nin nos decatamos, pero semella que é a única institución social responsable de chegar ás dinámicas de estratificación social é a educación obrigatoria», reflexiona o sociólogo, filósofo e ensaísta César Rendueles, autor de Contra la igualdad de oportunidades. Un panfleto igualitarista (Seix Barral), un ensaio no que desmonta o mito da meritocracia e reflexiona sobre o rol da educación na concepción da igualdade de oportunidades.
Papel central do ensino
O papel excesivamente central que o ensino ostenta na mitigación das desigualdades sociais está tan asimilado e reivindicado pola poboación que, nos últimos anos, veu escurecendo outras institucións ou ámbitos competentes na cuestión. Rendueles sostén que é «imposible» que a escola, ou mesmo a universidade, poidan desfacer procesos que anchean a fenda social, como a propiedade inmobiliaria, a situación financeira ou as propias dinámicas do mercado de traballo. A situación de partida atasca o ascensor social. «A educación seguro que ten algo que ver respecto a que vivamos en sociedades máis igualitarias, pero algo terá que dicir tamén o Ministerio de Facenda ou o de Traballo.
Nunha sociedade democrática non deberían facer falta ascensores, porque non debería haber pisos», reflexiona Rendueles. A utilidade, ou o fin mesmo da escola, queda esvaecido polo peso excesivo que se lle vén impoñendo na mochila ao sistema educativo, pasando de exercer de lugar de aprendizaxe e coñecemento a ostentar, no imaxinario, o único vieiro para a xustiza social, como se o resto de actores sociais, políticos ou institucionais non tivesen competencias na materia. Ou como se a sociedade tivese renunciado a llelas reclamar.
«A medida que as desigualdades sociais foron incrementándose, fomos atribuíndo á educación un papel cada vez máis central na mitigación desas desigualdades»
Esta concepción «milagreira» da educación está fondamente amarrada nas premisas das forzas da esquerda do espectro. O propio concepto de igualdade, como consecuencia, transfórmase ou contamínase. «Pártese dunha visión da igualdade finalista, que consideraba que certos niveis de desigualdade son aberrantes, e que dá igual como se chegou alí, cara outra visión da igualdade, que considera que o importante é que o punto de partida sexa igualitario, que todo o mundo parta de condicións aproximadamente similares, mais que despois non debería haber ningunha limitación á recompensa que cada quen obtén», propón Rendueles.
Nace así a noción de meritocracia, unha aspiración trampulleira que establece que os merecedores de posición, riqueza e éxito, veñan de onde veñan, e sempre susceptibles de mobilidade social, son os vencedores nunha competición na que sempre hai vencidos. E os vencidos adoitan ser sempre os mesmos.
Unha partida coas cartas trucadas
Pero a posición de partida nunca é a mesma. As aulas dos centros públicos homoxenizan a un alumnado que deixa na casa situacións económicas, culturais e sociais dispares, que determinan en grande medida como se desenvolven dentro delas. Unha das máis grandes riquezas da educación pública é tamén, neste ámbito, unha rémora: a igualdade nunca é tal, porque non é posible ser tratados como iguais nun contexto de crecente desigualdade. «Hai nenos que teñen unha dobre mochila: a que levan da casa cos libros, e a que viven os seus pais, moitas veces en contextos de precariedade, nos que un neno cun entorno máis normalizado, cunha estabilidade económica, se cadra non ten que sufrir», valora o educador social Rodrigo Gil, activista pola Renda Básica Universal e responsable da Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica, que brinda apoio, asesoramento e información a familias en situación de vulnerabilidade.
«Os espazos educativos deben deixar de ser competitivos. Iso implica facer cousas que parecen radicais, como que non haxa cualificacións en Secundaria. Por que ten que habelas, se é obrigatoria?»
A familia inflúe no expediente escolar e académico de diversos xeitos, sendo a cuestión económica unha das que máis intensamente condicionan o rendemento do alumno. «O código postal inflúe máis que o código xenético. Hai cousas que para unha persoa cunha situación normalizada son sinxelas, como planificar que o neno estude ou ver que leva os deberes feitos, pero que para unha persoa en situación de pobreza son máis complexas. Ese neno parte en desvantaxe», sinala Gil. O ensaio Escasez. ¿Por qué tener muy poco significa tanto?, escrito polo economista Sendhil Mullainathan e o psicólogo Eldar Shafir, debulla as fortes correlacións existentes entre pobreza e fracaso, así como a conexión entre a toma de decisións e a administración de recursos para resolver problemas. «A situación de pobreza reduce o coeficiente intelectual en puntos. A pobreza fainos parvos, dito doutro xeito», comenta o educador social.
O primeiro lugar no que o punto de partida se confirma como determinante, por riba do esforzo persoal ou das propias capacidades, é nas mesmas aulas, onde o comportamento dos fillos adoita entenderse unha vez os mestres e titores coñecen aos pais, e, sobre todo, as súas conxunturas domésticas e financeiras. «Hai alumnos que xa ves que poden ser brillantes, máis espelidos ca o resto, e cunha debida orientación accederían sen problema a estudos universitarios, pero que están estancados nas cualificacións malas, mediocres ou rematan repetindo nos primeiros cursos por falta de constancia. Iso adoita explicarse nas casas», observa Laura Costas, mestra de Educación Primaria nun centro público de Ourense, o mellor termómetro para medir a desigualdade daqueles que coinciden fronte o mesmo libro de texto.
«Tes nunha mesa ao fillo do médico e, noutra, ao fillo de migrantes marroquís, cuxos pais non falan español e son usuarios do banco de alimentos. A impresión é que como o sistema lles brinda a posibilidade, ou a obriga, de formarse co mesmo currículo, parten dunha igualdade de condicións, e nada máis lonxe», advirte Costas. A consecuencia é que a escola pública remate por empregar os mesmos mecanismos de segregación social que a privada ou a concertada. «Repetir curso en Primaria non vale para nada; supón illar ao alumno problemático, entendendo problemático como un obstáculo para un funcionamento moi áxil do grupo. É apartar as necesidades especiais; tamén as económicas, que de aí veñen. Iso descarga aos docentes, pero condena ao rapaz», advirte a profesora.
Para paliar a desigualdade de base, cada un ten a súa receita. Rodrigo Gil, activista pola Renda Básica, xulga que unha prestación universal, incondicional, regular e suficiente axudaría a quitar o pé do pescozo das economías precarias. «A renda básica eliminaría moitos factores estresores nas familias con menos recursos, co que poderían mirar máis polo desempeño educativo dos seus fillos. A Renda Básica non é a panacea, habería que complementala con outras medidas, pero ten a potencialidade de quitar esa mochila de pais, nais e crianzas», propón.
Esa mesma «mochila» que apuntala as dificultades de moitas familias para acceder a clases de apoio escolar ou outras actividades extraescolares, onde os rapaces traballan relacións sociais fóra de cadansúas burbullas. A rede de contactos que unha persoa tece ao longo do seu período formativo é o outro ascensor social, invisible e tácito, do que as clases populares, decote, fican fóra. E aquí entra en xogo outra peza no taboleiro da meritocracia: a escola concertada.
O filtro da concertada e a competitividade como ferramenta
A situación de partida non sempre é semellante para os que comparten pupitre na pública, mais cada vez éo menos para os que o fan na concertada, unha opción, co paso do tempo, máis estendida, tamén, entre as familias de estratos populares. Estas teñen a opción de «fuxir» das eivas propias do ensino público a través dunha cota accesible para as economías domésticas máis humildes, onde a concertada ten cada vez máis implantación. Hoxe, os centros de ensino en sistema de concerto repártense en distintos circuítos: uns, reservados ás elites, outros, máis low cost, nos que collen os que poden. Todo, ata conformar unha concepción individualista do ascenso social que redunda nun proceso de individualización no que a educación obrigatoria se entende como unha loita competitivo.
Sálvese quen poida. «O discurso meritocrático sempre foi un discurso neoliberal, que negou as desigualdades de partida. Iso non quere dicir que a educación non sexa un elemento favorable para situarte na escala social, pero hai unha desigualdade de oportunidades educativas moi forte entre homes e mulleres, entre xeracións ou entre situacións económicas diferentes», ilustra a exdecana da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, a socióloga Raquel Martínez Buján.
O obxectivo, deste xeito, xa non é acabar coas elites, é formar parte de elas: a idea de mobilidade horizontal, na que o fillo do médico e o do marroquí que non fala español poidan estudar enxeñería en igualdade de condicións, confúndese hoxe cunha sorte de lexitimación do elitismo, do que todos aspiran a formar parte. «A educación serviu para estimular esa visión da igualdade moi limitada, que non pon límites ás recompensas, que xustifica os privilexios dos que máis teñen, pero que tamén xerou dinámicas moi elitistas dentro da propia educación», analiza César Rendueles. As notas de corte para acceder a universidade pública ou os arduos requisitos do exame MIR, que fomentan a competitividade entre os futuros profesionais dende antes da súa entrada no mundo académico son exemplos disto. O resultado son dinámicas fortemente autodestrutivas que transforman o ensino nun espazo competitivo onde a única intervención en favor da igualdade está no punto de partida.
«A inmensa maioría dos postos de traballo de elite son ocupados por persoas cuxos pais teñen postos de traballo de elite»
Un marco de acción asimilado polas forzas progresistas e promovido polas conservadoras, ideólogas dunha visión da educación onde a única intervención «igualitaria» é presumir que se ofrecen as «armas suficientes», na pelexa pola prosperidade social e económica. Pero o mundo laboral, e mesmo o académico, non vén sempre determinado polas cualificacións, o esforzo ou os talentos individuais, senón, e en grande medida, tamén polas relacións sociais de partida, que regulan as entradas e saídas nas elites laborais. Esas relacións nas que o ente público non ten aínda competencias reguladoras, e que son herdadas de pais a fillos, e con elas, tamén a posición que estes ocupan na sociedade. Un escenario que non cambiou coa consolidación do acceso a estudos superiores por parte das clases populares. O fillo do carpinteiro vai á universidade, pero segue a quedar fóra dos circuítos nos que o fillo do empresario entra por dereito. «Seguimos tendo educacións desiguais en universidades privadas e públicas nese contexto de competencia educativa, no que estudar un bo mestrado, ir ao estranxeiro, aprender idiomas, segue a formar parte dunha elite. Ese nivel, que se demanda moito, segue formando parte dun grupo social moi concreto, que o pode asumir economicamente, e pode entender que iso é relevante para colocarse na estrutura social», engade Martínez Buján.
«A inmensa maioría dos postos de traballo de elite son ocupados por persoas cuxos pais teñen postos de traballo de elite. A meirande parte deles non saen nunca á luz pública, non os atopas en Infojobs. Circulan por redes informais ás que só teñen acceso círculos moi restrinxidos. A educación é unha máquina de reprodución social, un xeito de lexitimación da herdanza que non cambiou en séculos, agravouse», alerta o César Rendueles, que anima a «rebelarse» contra o endurecemento das dinámicas educativas e a recrudescencia das esixencias do ensino público como filtro. «Endurecendo a educación non vas conseguir armar ás clases populares para competir nun campo de batalla trucado, pensado para reproducir as condicións de partida», engade.
Un sistema de bolsas «cotroso»
Os discursos reaccionarios adoitan medrar como contraposición a contextos de avance de dereitos. Nun momento no que a prioridade foi fornecer os escudos sociais para paliar as consecuencias da desigualdade na poboación vulnerable, o sistema de prestacións e axudas sociais está máis fiscalizado e censurado que nunca no debate público. Demandar ferramentas como bolsas ou axudas para mitigar as disparidades de partida no ensino público semella unha tarefa cun engadido de penosidade, tendo en conta a oposición frontal que suscita en determinadas forzas que axitan a bandeira da meritocracia case como elemento programático. Profesionais do ámbito educativo avogan por fornecer e outorgar un lugar prioritario ao sistema de axudas ao estudantado, a revisar os criterios e a empregalo como ferramenta útil para mitigar as desvantaxes previas.
«O sistema de bolsas e axudas en España é tan incriblemente cotroso que roza a indixencia»
«O sistema de bolsas e axudas en España é tan incriblemente cotroso que roza a indixencia. Precisaríamos un sistema infinitamente máis xeneroso porque a educación obrigatoria é precisamente un lugar onde a xente debería ter dereito a experimentar, a trabucarse, a volver empezar», propón Rendueles. Un sistema de bolsas que non se limite a un tramo educativo, e que acolla todas as posibles necesidades que poidan xurdir durante a etapa formativa; de bolsas comedor a axudas para asistir a actividades extraescolares, e mesmo ata salarios complementarios á educación universitaria.
«Non só falamos de cubrir as matrículas, senón de poder facer estancias no estranxeiro, ter contacto con outras linguas, facer viaxes culturais. Eses son os niveis que che poden permitir atopar unha posición. Eu medrei nunha familia precaria, a bolsa foi fundamental para facer a tese de doutoramento. Nos 90, cando eu accedín á universidade, promovíase a política de igualdade a través de subvencións a estudantes, penso que esa inversión debe continuar», demanda Raquel Martínez Buján. Porén, non só cómpre intervir nas dinámicas socioeconómicas, senón tamén no xeito no que concibimos os espazos educativos, hoxe entendidos como campos de batalla darwiniana no que un grupo desfavorecido pelexa polos recursos escasos coa mesma promesa de prosperidade. «Deben deixar de ser espazos competitivos. Iso implica facer cousas que parecen radicais, como que non haxa cualificacións en Secundaria. Por que ten que habelas, se é obrigatoria?», engade Rendueles.
«Non só falamos de cubrir as matrículas, senón de poder facer estancias no estranxeiro, ter contacto con outras linguas, facer viaxes culturais. Iso é o que che poden permitir atopar unha posición» (Raquel Martínez)
Alterar as realidades materiais que tanto condicionan as perspectivas, mudar as correlacións e as dinámicas socioeconómicas, cambiar o paradigma de xeito radical son posibles enmendas a un sistema que fomenta o individualismo: o de coller un ascensor para fuxir, sós, cara un futuro mellor, aínda que pase por ollar dende arriba aos que antes eran iguais. Curiosa trampa.