Protestóns

Cando era unha nena fun parte do movemento anti-vacina. Cada vez que o ancián doutor Gerardo chegaba a casa, eu protestaba escondida detrás da porta da cociña, entre chourizos e mandís. Despois de buscarme durante cinco segundos, sacábanme do meu escondedoiro chorando desesperadamente. O culpable daquel drama, o doutor Gerardo, tiña un maletín de médico rural do século XIX, onde levaba un estoxo de metal prateado. Alí gardaba unhas agullas tan grandes que só con velas me sufocaba. Tampouco axudaba a temperar os meus nervios mirar o meu irmán pequeno rascando as nádegas cos ollos arroibados. O doutor, que era un cacho de pan e que debía sufrir moito xogando o papel de ogro come-pícaros, non cambiaba nunca esas agullas. Poñíanos as inxeccións co mesmo instrumento afiado, aos meus irmáns, a min e seguramente a todo o barrio. Eran virus doutros tempos. Como os de hai case cen anos, cando en Berlín algúns se xogaban a vida resistindo contra o nazismo. Daquela os berlineses, sempre moi peleóns, non pararon de gritar contra os esbirros do réxime pro-soviético pedindo liberdade, ata que derribaron o muro. Viñeron despois uns anos moi cabareteiros de trafego punk e ocupación de pisos e edificios que, trala reunificación, de súpeto non eran de ninguén. Cun pouco de tempo, chegaron máis drogas, o tecno, os neoyorquinos, os mafiosos rusos e os magnates inmobiliarios de todo o planeta comezaron a prestar atención á nova capital da nova Alemaña. Mentres tanto, a cidade aínda continuaba arruinada, o que tamén fixo que artistas e visionarios de todos os lugares peregrinasen á antiga capital do MAL. Así estabamos convivindo felices, ata que ao alcalde daquela, Klaus Wowereit, ocorréuselle lanzar unha frase publicitaria para promover a cidade. Maldita a hora en que dixo aquilo de «Berlin ist arm, aber sexy» (Berlín é pobre, pero sexy). A mafia inmobiliaria namorou do eslogan e xuntos tiveron tanto éxito que, en menos de dúas décadas, conseguiron que a cidade pasase de Cincenta queer, kinky e sucia, a Princesa pastilleira arrogante. Uns meses antes da pandemia, o metro cadrado de alugueiro subira tanto que, grazas ás protestas cidadás, o goberno da cidade tivo que intervir para conxelalos por uns cantos anos. Os berlineses sempre foron gruñóns. Aquí as batallas gañáronse a gritos, pedradas e a base de referendo. Con todo, dun tempo para acó, as protestas recórdanme a eses suicidas que se matan de puro aburrimento. Parecemos suízos. Ou peor aínda, parecemos españolitos abandeirados: rabietas de nenos malcriados. Ai, se Rosa Luxemburgo levantase a cabeza que lle cortaron os nazis. En fin. As teorías anti-vacinación desta nova esquerda de rebeldes sen causa e vellos «nostálxicos» (os supervivientes da DDR, do Ost, do Leste, que botan de menos o seu país) van tan a un extremo que, na area política deste circo, case tropezan coas teorías de extrema dereita do AfD (Alternative für Deutschland, o VOX alemán). De tanto achegarse aos extremos, rózanse en metade do círculo. Os anti-vacina protestan contra algo que nin sequera existe. Maniféstanse contra a idea de que a Big Brother Merkel (esa doutora Frankenstein, mala malísima!) lles faga baixar os pantalóns para inxectarlles unha vacina que pode salvarlles as vida. Protestan contra a posibilidade de que o goberno decida sobre os seus corpos. Así mo dixo hai uns días un mozo inglés que obviamente nunca foi muller.

Vacinarse ou non vacinarse? Velaquí o dilema da nova esquerda ou a extrema dereita. Estamos apañados! Supoño que se algún día chegamos a ter a posibilidade de vacinarnos contra a covid-19, farao quen queira. O mesmo que agora. Aquí, polo menos, vacinarse non é unha lei. As vacinas contra o sarampelo, por exemplo, recoméndanse pero non se impoñen. Igualmente como vivimos nunha democracia, tampouco podemos obrigar a todo o mundo a ter sentido común. Hai semanas que os «alternativos» organizan protestas contra algo que nin sequera existe. Pero que se existise, podería salvar a milleiros. Quéixanse baixo a premisa de que isto se está convertendo nunha ditadura, aínda que non me cabe dúbida de que algúns lanzan pedras cunha man, mentres que coa outra depositan os sabrosos cheques, que o goberno da supervillana Frau Doktor Merkel, regalou aos autónomos. Con todo, este movemento populista que mama da Universidade Youtube e que se cre a «resistencia» ante un goberno pseudofascista, aparentemente vai tomando forza a nivel mundial. Esta ignorancia trumpista/populista Made in USA instalouse nas rúas de Berlín, cando aquí nin nos decatamos da pandemia. Non tivemos confinamiento obrigado. A penas houbo mortos. E talvez por iso, pola ausencia dun inimigo tanxible, pasamos de ser un lugar que historicamente sempre pelexou por algunha razón de peso, a pelexar por pelexar (como os chochos rojigualdos do barrio de Salamanca). A soñar con paxaros preñados e teorías Farenheit, cando nin temos unha solución para tanta morte. Coma se o movemento político alternativo desta cidade pensadora, de súpeto sexa «anti-» por puro aburrimento, porque vivir nun Estado de tanto benestar terminou por idiotizarnos. Contaxiáronnos coa tontería dos protestóns. Mágoa que contra o privilexio e a ignorancia, nin inxectando as agullas do doutor Gerardo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail