Meirás enfronta ao Goberno coas asociacións galegas de memoria

A Subdelegación do Goberno na Coruña negouse a abrir o Pazo para que puidese concluír nel a marcha cidadá convocada hoxe para reclamar que o inmoble se destine a honrar a memoria das vítimas do franquismo

Unhas 1.500 persoas manifestáronse este mediodía nos arredores do Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), para reclamar que o inmoble que serviu de residencia estival a Francisco Franco durante case corenta anos, e que foi recuperado para o patrimonio público, se destine a honrar a memoria dos represaliados polo fascismo e de quen combateron a ditadura. Trátase da manifestación máis concorrida en Meirás nos últimos 15 anos, segundo os organizadores do acto.

A plataforma convocante da marcha, Inciativa Galega pola Memoria, que agrupa a cidadáns a título individual e a preto de setenta colectivos da sociedade civil organizada, pretendía que esta terminase nos xardíns interiores do pazo para que se lese un manifesto no soportal de entrada. Pero a Subdelegación do Goberno na Coruña denegou esa posibilidade mediante un email enviado a última hora da tarde de onte -a petición realizouse hai meses-. Así que ninguén os esperaba en Sada para abrirlles as portas do pazo.

Cartaces coas fotos dos represaliados galegos do franquismo, no portalón de entrada ao Pazo de Meirás / Foto: Xoán Blanco

«Desde a última marcha Meirás cambiou algo moi significativo. O pazo é agora patrimonio do Estado. Pero o que non cambiou é o lado do muro no que temos que manifestarnos», dixo o historiador Carlo Babío, portavoz da Iniciativa Galega pola Memoria e quen foi denunciado polos Franco por, supostamente, difamar a figura do tirano. «Seguimos sen poder entrar no pazo. O Estado español non nolo permite. Nunha democracia normal, as portas de Meirás estarían hoxe abertas», subliñou.

Fontes da Subdelegación do Goberno na Coruña recoñeceron onte que non se autorizou a entrada dos manifestantes no pazo, aínda que non ofreceron explicación sobre os motivos desa decisión.

As asociacións memorialistas reclaman que Meirás se converta nun centro para a recuperación da memoria democrática, aínda que a Xunta insinuou que prefire dedicalo a lembrar a figura da súa primeira propietaria, a escritora e intelectual Emilia Pardo Bazán. O Goberno aínda non se pronunciou con claridade sobre cal das dúas opcións prefire.

Imaxe da manifestación en Meirás / Foto: Xoán Blanco

O Estado fíxose co inmoble o pasado 10 de decembro, despois de que un xulgado da Coruña sentenciase que fora expoliado ilegalmente. E organizou un acto de entrega de chaves ao que as asociacións de memoria histórica non foron convidadas. Os Franco reclamaron poder retirar os obxectos, antigüidades e obras de arte que se atopan no seu interior, aínda que a mudanza está paralizada ata que se realice un inventario que permita distinguir que bens lles pertencen e cales obtivo o ditador como xefe do Estado e deben reintegrarse ao patrimonio nacional.

Iniciativa Galega pola Memoria leva meses reclamando que o pazo se abra ao público, tal e como recolle a normativa que regula a xestión dos bens de interese cultural (BIC). Meirás foi declarado BIC no 2008 pola Xunta de Galicia baixo o mandato do Goberno de coalición de PSOE e BNG. Durante algúns anos puido visitarse algúns días ao mes baixo a vixilancia da Fundación Francisco Franco, cuxo persoal xestionaba e guiaba as visitas facendo apoloxía explícita da ditadura. A familia incumpriu en numerosas ocasións o réxime de visitas e mesmo chegou a ser multada pola Xunta. Fai dous veráns suspendeunas, e desde entón o inmoble permanece pechado ao público.

Os manifestantes que onte reclamaron a súa inmediata reapertura portaban carteis coas fotos e nomes de represaliados galegos, que depositaron no portalón de ferro da entrada exterior. Marcharon polas estradas contiguas, xunto a algunhas das urbanizacións e chalés de Meirás que, segundo varios historiadores, se construíron sobre terreos expropiados a veciños e veciñas da parroquia e cos que os herdeiros de Franco fixeron logo negocio vendéndollos a inmobiliarias, bancos e construtoras.

Manifestantes cunha pancarta con nomes dos represaliados e represaliadas galegas do franquismo / Foto: Xoán Blanco

«Estamos aquí porque a batalla por Meirás non terminou», reza o manifesto que se leu ao final do acto, que reclama que o inmoble debe servir «para honrar a memoria das vítimas». «Sen menoscabo doutras funcións e valores que atesoura, o pazo ten que ser no futuro un espazo referente de memoria democrática, pois foi o epicentro do poder do franquismo».

Meirás foi construído a finais do século XIX por Emilia Pardo Bazán. Franco fíxose con el en 1938, mediante unha operación de compra fraudulenta que financiou con doazóns forzadas a veciños e funcionarios da Coruña. Durante decenios usou os recursos do Estado para mantelo e amplialo, e ao redor del montou a estrutura financeira que lle permitiu engordar o seu patrimonio persoal, do que hoxe seguen gozando os seus descendentes.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail