Cando xa nos esqueceramos da Galicia que arde, a vaga de lumes de outubro do ano 2017 volveu colocar os incendios forestais nos medios, nas redes e mais nas conversas de boa parte da cidadanía. Aquela vaga arrasou máis de 50.000 hectáreas, fixo saír veciños e veciñas das súas casas para salvar o que se podía salvar e meteu as chamas nos núcleos urbanos, que pouco sabían do cheiro do fume. Aí estiveron os traballadores do lume, que fixeron o que mellor saben facer: coidar de nós. Metéronse onde non se mete ninguén máis, deron contralumes e puxeron o ollo nos focos secundarios que tanto complican a extinción.
As reaccións políticas e as mensaxes de milleiros de usuarios conmocionados non tardaron en inundar as redes sociais. Os vídeos dos bosques ardendo, con casas e veciños próximos, deixaron claro que se debía actuar para non repetir algo así no futuro. Pasados uns meses, xusto antes da temporada de risco, moitas fincas –boa parte delas de titularidade pública- estaban sen rozar, un gran número de propietarios seguían sen cumprir coas distancias de seguridade e algúns dos problemas estruturais que viñan denunciando os profesionais da loita contra o lume aínda non se resolveran. Daqueles bosques queimados tan só nos quedou unha memoria fráxil, cando o que precisamos é xustamente o contrario: unha memoria activa que nos recorde que os problemas non acaban cando xa non hai brasas.
A crise sanitaria provocada polo Coronavirus está a poñer a proba moitas cousas: os sistemas de saúde de todo o mundo, os mecanismos de protección social do Estado, a responsabilidade cidadá, a solidariedade cos que peor o están a pasar… E cando todo acabe, tamén porá en cuestión a nosa memoria. Como no caso dos lumes, non podemos esquecer ese fortalecemento do público que tanto se bota agora en falta. Ningún sistema está preparado para enfrontar unha crise como esta, sen precedentes nos últimos cen anos, mais os recortes continuados da última década non nos deixan en bo lugar fronte a unha epidemia como a da COVID-19.
As decisións valentes, en moitos casos, son as que a xente tarda tempo en ver. Ou as que directamente non ven nunca. Investir na saúde ou na prevención contra os incendios non loce tanto como as grandes obras públicas, moitas delas sen outro uso que o que se lle deu o día da inauguración. Distintos gobernos autonómicos ignoraron durante anos as demandas das mareas brancas, as grandes defensoras da sanidade pública fronte ás políticas de privatización e desmantelamento do sistema. O difícil tería sido escoitar e facer caso. Sacar cartos de onde non se sacan para fortalecer unha Sanidade que hoxe debe dar resposta a unha crise de primeiro nivel.
Como no caso dos lumes, non podemos esquecer ese fortalecemento do público que tanto se bota agora en falta. Ningún sistema está preparado para enfrontar unha crise como esta, mais os recortes continuados da última década non nos deixan en bo lugar fronte á epidemia
Anticiparse aos problemas, tanto na saúde pública como nos lumes, resulta fundamental. Os bombeiros forestais din que os incendios hai que apagalos no inverno, con medidas de prevención encamiñadas a facer do monte un lugar máis seguro. Eses mesmos bombeiros, xunto ao resto da xente do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), levan semanas desinfectando residencias e centros de saúde, e tamén prestando axuda a anciáns que viven confinados no rural. É un traballo voluntario, que fan, segundo din, porque non van quedar na casa se poden axudar. Moitos deles preguntaranse estes días que pasará se collen o virus –tendo en conta o estado dos seus pulmóns, afectados durante anos polo fume– ou que pensarán os seus familiares e amigos se se infectaran. Tamén é posible que reparen nas miradas dos veciños, non vaia ser que alguén se moleste e coloque unha nota na porta para pedir que cambien de domicilio ata pasar o virus, por medo ao contaxio, como xa aconteceu en certos casos con xente que traballa en hospitais ou supermercados.
O resto, que non queremos practicar ningunha clase de apartheid cos que están en primeira liña, teremos que loitar contra a desmemoria cando todo pase. E poñer en valor o traballo dos que sempre están dispostos a botar unha man. E defender os nosos servizos públicos. Cómpre facelo porque é necesario, mais tamén porque é xusto. É a única forma de coidar de quen coida de nós.
*Na foto da apertura, traballador dunha UVI durante a epidemia. Foto: Óscar Corral.