A primeira residencia de Galicia para maiores LGTBI estará na Coruña

A Coruña.- O 26 de decembro de 1978, apenas vinte días despois do referendo que aprobou a Constitución, o Consello de Ministros modificou a entón coñecida como Lei de Perigo Social, que castigaba a homosexualidade con penas de cárcere. No que se considerou un fito histórico da liberdade, o Estado español deixou de considerar delito ter unha opción sexual distinta á hetero.

Non hai tanto tempo diso, e de feito son centos de miles as persoas deste país que viviron a súa infancia, adolescencia, mocidade e mesmo o inicio da súa madurez sentíndose criminais polo só feito de ser como eran. Moitos foron detidos e purgados, pasaron por prisión, sufriron vexacións, torturas e crueis tratamentos de rehabilitación, fomentados por un Estado fascista que os consideraba case xenéticamente delincuentes.

Levaron vidas case sempre azarosas e clandestinas e en ocasións desestructuradas, inmersos nunha sociedade que lles ofreceu escasas por non dicir nulas oportunidades laborais, de integración social e de desenvolvemento persoal

Eles, elas e elxs​ están a chegar agora á súa idade de retiro, despois de vidas case sempre azarosas e clandestinas e en ocasións desestructuradas, inmersos nunha sociedade que lles ofreceu escasas por non dicir nulas oportunidades laborais, de integración social e de desenvolvemento persoal cando se lles ocorría saír do armario. E agora, no momento no que senten máis fráxiles e precisan de coidados e contornas amables e seguros, a algúns non queda máis nada que a rúa.

A Fundación 26D, dedicada á atención psicosocial especializada e profesional a persoas maiores lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales (LGTBIQ+) anunciou este martes na Coruña que abrirá na cidade a segunda residencia de España especializada en persoas maiores dese colectivo.

Persoas aínda «armarizadas»

«Os maiores LGTBIQ+ non están a ser ben tratados. Moitas persoas aínda están armarizadas porque viviron con medo toda a súa vida, criáronse a paus, no odio, non puideron aprender o afecto nin a socialización e creceron interiorizando que eran malos ou a malas, interiorizando a homofobia na que se criaron», explica Federico Armenteros, presidente da Fundación. «Tamén teñen interiorizado o que lles dicían e eles sentían desde pequenos, que estaban sós e ían quedar sós. E hoxe empezan a advertir esa soidade non querida», engade.

A residencia é un dúplex de máis de 230 metros cadrados no barrio coruñés dos Rosales, próximo ao mar, cedido pola Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados da cidade e que terá capacidade para albergar a doce inquilinos. Xa o teñen practicamente listo e só están á espera de que a Xunta lles facilite a licenza para poñelo en marcha e que o Concello empece a tramitar a concesión das prazas.

«Non é unha residencia exclusiva para persoas LGTBIQ+, tamén está aberta ás persoas heterosexuais, aínda que estas deben saber que o noso traballo está adaptado ás necesidades das primeiras», detalla Francisco Novo, o traballador social da Fundación que se encargará da xestión do piso e da atención aos seus usuarios. «Tampouco se circunscribe á Coruña, está aberto a todo o ámbito galego», engade Fito Ferreiro, exconcelleiro da Corporación local e delegado da Fundación na cidade.

Un dos principais problemas do colectivo de boomers LGTBIQ+ -os nados no baby bum entre a posguerra e mediados dos anos sesenta do século pasado-, é que a marxinación e exclusión á que foron sometidos impediulles desenvolver carreiras laborais estables, cotizar e garantirse unha vida digna tras a súa xubilación.

Pensións

«O 67% dos maiores LGTBIQ+ teñen unha pensión non contributiva. 480 euros. Como vas ter unha vida digna ou un envellecemento activo con eses ingresos?», pregúntase Armenteros, quen lembra o caso dunha compañeira que se pasou 27 anos de vida vivindo nun albergue para persoas sen teito. «Hoxe por fin ten unha casa que sente como o seu propio fogar, e ela séntese viva e empoderada», engade.

O presidente da Fundación 26D refírese a unha usuaria da residencia Josete Massa, subvencionada pola Comunidad de Madrid e que leva o nome da primeira persoa que foi atendida polo Servizo de Axuda a Domicilio da Fundación, no ano 2013. Foi a primeira residencia do Estado especializada en maiores do colectivo.

Josete, que desde neno quixo ser diplomático pero que non puido selo pola presión homófoba da súa familia, tamén foi a primeira persoa en facer un testamento solidario en nome da Fundación.

«O 67% dos maiores LGTBIQ+ teñen unha pensión non contributiva. Como vas ter unha vellez digna con 480 euros ao mes?»

Armenteros, Novo e Ferreiro subliñan que os proxectos de Madrid e A Coruña non pretenden construír guetos de maiores gais, lesbianas e trans, senón, ao contrario, fomentar a súa integración e ofrecer solucións a problemas tan habituais e inauditos como que unha parella non hetero sexa separada cando solicita praza conxunta nunha residencia convencional.

«Nas residencias tradicionais entenden que a sexualidade non existe, e mesmo hai persoas do colectivo que cando levan un tempo nelas, se rearmarizan», conta Novo.

Armenteros engade que, por esa razón, a Fundación tamén traballa no ámbito formativo, e que está a desenvolver un convenio con Domusvi, unha das maiores empresas de xestión de residencias, públicas e privadas, para a formación do seu persoal en materia de xénero e igualdade.

A Fundación 26D, que leva funcionando desde fai 13 anos, desembarcou hai dous na Coruña abrindo un espazo de encontro para maiores LGTBIQ+ na Coruña que permitiu, segundo explica Fito Ferreiro, tecer unha pequena comunidade que segue ampliándose aos poucos. Reúnense os martes cada 15 días no Espazo Diverso da Fundación, no casco antigo da cidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail