Antonio de Chiqué. Un tango porta por porta

Nun lugar querido e central do meu bosque de cromosomas fica a memoria amorosa do «veciño porta con porta». Quen viviu ou vive nun pequeno lugar entenderá a profundidade emocional desta expresión, que aproxima simbolicamente na sintaxe o que na realidade convive tan de preto. Porta con porta pasaba o lévedo do pan para a coza, pasaba unha cunquiña de aceite que se acabara, o préstamo dunha presada de sal, axudar a tirar por un becerro, a transacción dos afectos día tras día, ano tras ano, ata o final da vida porta con porta.

A comezos do século XX, o meu avó e o seu veciño, tamén chamado Antonio, emigraron a Arxentina. Descoñezo a data exacta da súa partida, se viaxaron no mesmo «aleve negreiro vapor», e desde que porto embarcaron rumbo a Bos Aires co soño común da fortuna. No barrio de Temperley houbo unha importante comunidade de emigrados oriúndos das terras de Brollón, e alí o meu avó conseguiu traballo repartindo pan e facendo poucos cartos. Sempre o imaxino envolto nun ar de fariña e de nostalxia, fascinado pola vida na urbe, polo cosmopolitismo impensado na súa pequena aldea de Lamaigrexa, a onde finalmente retornou.

Pola contra, parece que o seu veciño gañou mellor a vida correndo. Si, correndo. A velocidade ensaiada nos lameiros de Vilarmao, alancando por riba dos valados e dos soños na extensión do agro, valéronlle medallas en carreiras de atletismo. E cos cartiños gañados nas carreiras regresou e fixo unha casa nova. A casa do Chiqué. Desde pequena o nome da casa veciña resultoume un enigma, sonoro e rítmico, estraño e lúdico coma un desafío á curiosidade infantil.

O caso é que no buque de regreso, entre as maletas de terceira clase, viaxaban tesouros exóticos acadados na emigración. Os dous Antonios, que ían devir veciños porta con porta, traían de Bos Aires un obxecto fascinante que aínda resoa na memoria do pequeno lugar: cadansúa gramola.

Imaxinar o estremecemento dos carballos e das ovellas ao son do tango, pensar o impacto nos tímpanos das anciás ouvindo saír a voz por un aparello de metal brillante ao caer da tarde, sentir a emoción dun neno vendo xirar o disco de pizarra que canta en lunfardo… é algo do outro mundo, de outro mundo.

Nos anos 20 e 30 do século pasado ouviuse, pois, o tango polos carreiros e campazos de Vilarmao, bailouse nos comedores e nos patios das humildes casas campesiñas, fixo soñar co mar a quen nunca saíra da terra.

Sen dúbida, un daqueles discos de pizarra que trouxo o noso señor Antonio, veciño porta con porta, foi o que contiña a composición, estreada en 1920 polo famoso pianista, bandoneonista e compositor Ricardo Luis Brignolo, o tango Chiqué, voz lunfarda que para min terá sempre unha profunda connotación poética. Bailaría a miña avoa o tango Chiqué? Verían os ollos do meu bisavó o xiro do disco na gramola vociferante con agulla diamantina?

Partitura do tango«Chiqué»

En todo caso, o tango arxentino que soaría desde o altofalante da gramola do señor Antonio deu nome á súa casa nunha pequena aldea do interior de Lugo, coma se o eco da música se formase tal unha onda concéntrica do son na auga do regato de Lamelas, a onde alguén tirou unha pequena pedra. O tango deu nome ao alcume do señor Antonio e a súa descendencia, de xeito que no seu ADN permanece a vida correndo velozmente polas rúas de Bos Aires. Porque así actúa a poesía do pasado no presente. Ás veces pregúntome se o señor Antonio bautizou co nome de Ricardo un dos seus fillos na honra de Ricardo Luis Brignolo, quen por certo asinara a composición do seu célebre tango co pseudónimo «Ricardo C. De León», trobador normando… Ricardo de Chiqué, o único da súa caste que chegou a estudar e foi mestre, e segue sendo un delicado ser humano, fermoso e afable.

No meu 40 aniversario recibín o amoroso regalo dun gramófono, que me permitiu, nos derradeiros meses de vida do meu pai, devolverlle o son da gramola da súa infancia. Había, naquela escoita final, un silencio que brillaba na emoción dos ollos dun ancián, algo non dito que regresa da alegría primeira, un fío de oitenta anos que esvara cara ás augas do Atlántico na procura da aventura paterna. Teríame gustado devolverlle aquel son ao Antonio de Chiqué, fillo do Señor Antonio, queridísimo veciño noso porta con porta, que conservou sempre un porte elegante, fillo quizais do pasional movemento do tango.

Cada vez que acariño a súa portada para poñer a miña man onde el a puxo, cada vez que aperto a súa muller ou os seus fillos, regresa a min a súa forza lunfarda de labrego que canta con acento arxentino no corazón mesmo do meu bosque de cromosomas. Antonio de Chiqué, veciño meu para sempre porta con porta.

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail