A Xunta gastou 17 millóns en convenios a dedo e publicidade nos medios nos meses previos á campaña do 28M

A Coruña.- A Xunta de Galicia, que preside o popular Alfonso Rueda, investiu preto de 17 millóns de euros en publicidade institucional e convenios a dedo con empresas de comunicación e axencias os cinco meses previos ao comezo da campaña electoral do 28M.

Esas cantidades, tramitadas a través de varias consellerías, secretarías, axencias e empresas públicas autonómicas, únense aos máis de 45 millóns de euros cos que a Xunta regou aos medios durante os 13 anos de mandato de Alberto Núñez Feijóo. Da listaxe están excluídos os patrocinios publicitarios de eventos culturais, concertos e actividades deportivas.

En total son 16,63 millóns, unha cifra pouco por baixo, por exemplo, do investimento de 17,3 millóns que Rueda acaba de anunciar hai catro días para os grupos investigadores de elite para o período 2024-2027; e equivalente aos 16 millóns de euros ofrecidos por Feijóo en plena crise sanitaria para axudas ás familias usuarias de centros de día para maiores e dependentes; ou os 16 millóns que destinou aos autónomos e pemes para que puidesen financiar a compra de medios para evitar o contaxio do covid-19.

Feijóo e Nava Castro / Ana Varela-Xunta

6,9 millóns para promocionar a cultura e a gastronomía

A maior cantidade do gasto dos últimos meses en publicidade institucional sobre a actividade da Xunta corresponde a un contrato de 6,915 millóns para unha «campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia» adxudicado o pasado 26 de decembro a tres consultorías de publicidade a través da Axencia Turismo de Galicia. A mesma entidade a través da cal Feijóo achandou o ano pasado a súa aterraxe en Madrid con axudas de máis de 1,2 millóns concedidas a varios medios estatais con sede na capital de España, algunhas delas outorgadas cando xa dimitira da Xunta o seu Goberno estaba, por tanto, en funcións.

A memoria xustificativa do contrato ofrecida pola ATG, que preside a exalcaldesa de Ponteareas e exdiputada do PP Nava Castro, prevé insercións publicitarias en televisións, radios, prensa xeneralista de Galicia e do resto do Estado, así como diarios e publicacións dixitais e revistas, entre outros medios. O obxectivo do gasto é a «execución e implementación dun plan de medios de ámbito galego e nacional» dun ano de duración -é dicir, xusto ata as eleccións xerais previstas para decembro de 2023-, para «promocionar entre a poboación» os citados recursos turísticos.

3,95 millóns para «resaltar as medidas da Xunta»

A esa adxudicación séguelle en volume outra de 3,95 millóns licitada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que dirixe Francisco Conde. Ten por obxecto «resaltar as medidas económicas e sociais que está a impulsar a Administración autonómica e as propostas» coas que Galicia «quere optar aos fondos europeos». Contempla anuncios durante dous anos nos medios galegos por valor de case 3,2 millóns, gastos de persoal aparte – 140.000 euros-, unha comisión de 20.000 euros para a axencia adxudicataria e o IVE correspondente ata contemplar a cantidade licitada.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado 3 de abril nun acto de El Correo Gallego tras a adquisición do diario polo Grupo Moll, con Mercedes e Javier Moll / Foto: Xunta

1,2 millóns para informar sobre fondos europeos

Ese contrato tramitouse o pasado 27 marzo. Só unha semana antes, a Consellería de Facenda, que dirixe Miguel Corgos López-Prado, sacou a concurso outra campaña de 1,2 millóns para «promoción dos servizos públicos galegos e información pública e publicidade» dos fondos europeos. Apenas sete días antes, a Axencia Turismo de Galicia licitara outro millón de euros nunha campaña idéntica á anterior – «promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia»- pero esta vez «durante a primavera».

753.000 euros para «fomentar a lectura en datas sinaladas»

Xa no mes de abril, a Secretaría Xeral de Medios, que depende directamente da Presidencia de Alfonso Rueda e que dirixe Silvia Valdés Díaz de Freijo, adxudicou outros 753.134 euros para «campañas institucionais para o fomento da lectura en datas sinaladas» e para a «promoción do Día dás Letras Galegas», que se celebra, precisamente, este mércores, 17 de maio.

605.000 euros para difundir a actividade de Retegal

A empresa pública Retegal, 100% propiedade da Xunta e encargada da xestión das infraestruturas públicas de telecomunicacións, investiu o pasado 24 de marzo outros 605.000 euros en anuncios de televisión, cuñas de radio, anuncios de xornal e banners de publicidade en medios de dixitais destinados a «trasladar aos cidadáns o coñecemento das actividades e das iniciativas que está a desenvolver Retegal e/o a Xunta de Galicia en materia de telecomunicacións». Retegal está presidida por Julio Cerviño Iglesias, pero a súa vicepresidenta é, precisamente, a secretaria de Medios, Silvia Valdés, nomeada por Rueda para estar no Consello de Administración da empresa pública.

O presidente da Xunta, o pasado 19 de abril nun acto na sede de El Progreso de Lugo / Foto: Xunta

900.000 euros en dúas campañas da mesma Consellería

O 10 de abril de leste mesmo ano, a Secretaría Xeral de Igualdade, a cuxa cabeza está Susana López Abella, promoveu outro contrato de medio millón de euros para unha campaña publicitaria en medios para a prevención da violencia de xénero, apenas un mes despois de que a Consellería de Emprego e Igualdade, á que está adscrito ese departamento e que encabeza María Jesús Lorenzana Somoza, licitase outros 400.000 euros para «produción e plan de medios das campañas de promoción dos ámbitos competenciais atribuídos» a esa consellería.

Promoción do Camiño de Santiago e doazón de sangue

En febreiro, o Servizo Galego de Saúde, baixo mando do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, impulsou outra campaña de publicidade en prensa por 363.000 euros para animar á doazón de sangue. En abril, de novo a Axencia Turismo de Galicia de Nava Castro volveu investir en insercións de publicidade outros 242.000 euros para promocionar o Camiño de Santiago, que se unen aos 50.000 que entregou ao ultra Javier Negre para que subise á súa web vídeos selfie del mesmo facendo algúns tramos do roteiro.

Vídeos do Xacobeo

A mesma axencia gastou outros 121.000 euros en senllos vídeos promocionais do «Xacobeo ciclista» e da «esencia do Xacobeo». Finalmente, a Secretaría Xeral de Medios tamén contratou unha campaña de 172.749 euros para senllas campañas institucionais sobre dous asuntos sobre os que en principio non parece ter competencias: «Sensibilización en materia de emprego» e «Promoción e prevención da saúde».

406.000 euros en convenios a dedo coa prensa galega

As adxudicacións citadas supuxeron un gasto de 16,62 millóns de euros en apenas cinco meses. No últimos tres meses, practicamente en precampaña, son máis de 9,2 millóns de euros.

Todas foron licitadas polo procedemento aberto, con publicidade e concorrencia, pero non sucede o mesmo con outros 406.000 euros tramitados e adxudicados directamente a empresas xornalísticas entre xaneiro e maio deste ano mediante convenios a dedo subscritos por varios departamentos do Goberno de Rueda. Nesta ocasión non se trata de custear anuncios senón de pagos para asegurarse informacións afíns aos intereses e políticas do Executivo autonómico.

Feijóo e Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia.

O maior beneficiario é La Voz de Galicia, o diario do editor coruñés Santiago Rey, que obtivo 289.952 euros -o 71% do total- a través de dous convenios con obxectivos xenéricos. Un deles, da Consellería de Educación, Cultura e Universidades, a cuxo mando está Román Rodriguez, por valor de 149.952 euros para a «difusión de información cultural, educativa e/o social entre o alumnado» de colexios e institutos públicos; e outro da Axencia Turismo de Galicia para publicar «contidos que potencien o turismo».

O resto, 116.000 euros, repartíronllo as empresas editoras de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña -o Grupo Moll, que acaba de adquirir El Correo Gallego de Santiago-; El Progreso, de Lugo, e Diario de Pontevedra -Grupo Progreso-; La Región, de Ourense, e Atlántico Diario, de Vigo -La Región-; e Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego, propiedade do empresario do xogo José Collazo, dono de Editorial La Capital.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail