A outra cara da transición ecolóxica: sobrevivir sen central térmica

A falta de planificación estatal na estratexia contra o cambio climático complica o futuro dos municipios que albergaban grandes instalacións emisoras de CO2

A Coruña.- Os municipios que contaban con centrais térmicas están a sufrir un apagamento a ritmo de vertixe co peche de instalacións obrigado polos compromisos de España coa loita contra o cambio climático. Unha abrupta transición ecolóxica que os está obrigando a asumir consecuencias socioeconómicas a unha velocidade que non esperaban.

Galicia contaba con tres centrais térmicas situadas en tres municipios da provincia da Coruña nun radio de apenas cen quilómetros ao redor das minas de carbón e os portos que as nutrían de combustible. Ningunha delas segue xa en funcionamento. Daban emprego directo e indirecto, pagaban un diñeiral en impostos a concellos modestos con poboacións pequenas e eran a referencia económica de moitas vilas que ata a súa chegada vivían do sector primario. As centrais tamén deixaron neses municipios unha pegada de contaminación e unha imaxe de feísmo industrial das que non teñen fácil recuperarse.

«A transición foi moi disruptiva e fan falta medidas disruptivas para enfrontala. É verdade que psicoloxicamente estamos vinculados a grandes proxectos industriais, pero temos que afacernos a un modelo de desenvolvemento con proxectos non tan enormes. Aínda que aquí xa diversificamos e somos optimistas», sinala Valentín González Formoso. É alcalde das Pontes de García Rodríguez e presidente da Deputación provincial da Coruña polo PSOE.

Nas Pontes estaba a maior central de ciclo combinado -queimaba gas natural e carbón- de Endesa en España. Chegou a ser a número un en emisións de CO2 a nivel español e a décimo sétima máis contaminante da Unión Europa. Pechou definitivamente o mes pasado.

«O lago tivo un impacto positivo, tamén a nivel psicolóxico, tanto para os veciños como para a xente de fóra. Ninguén quere veranear en Springfield»

Desde principios dos anos setenta, a economía das Pontes (10.000 habitantes) vertebrouse ao redor da central e da enorme mina de lignito ao descuberto que alimentaba os seus fornos. Hai dez anos Endesa reconverteu a mina nunha inmensa lagoa de cinco quilómetros de lonxitude e máis de douscentos metros de profundidade que serve hoxe de atractivo turístico para un municipio que no resto de Galicia sempre identificaron coas molestias e incomodidades da súa actividade industrial. En poucos anos, As Pontes pasou de ter a central térmica máis contaminante de España a gozar do maior lago artificial de Europa.

«O lago tivo un impacto positivo, tamén a nivel psicolóxico, tanto para os veciños como para a xente de fóra. Ninguén quere veranear en Springfield», comenta o alcalde, quen reclama «armas» para enfrontar agora a transición dunhas Pontes sen central: «Armas, e non me refiro só ao diñeiro, que vai haber diñeiro, senón a iniciativas, a que se conte connosco para deseñalas e levalas a cabo, e sobre todo, a reducir a burocracia. Creouse un Instituto de Transición Xusta, que está moi ben, pero rodeado de moitísima burocracia», di.

González Formoso asegura que As Pontes leva desde os anos noventa desenvolvendo un modelo económico independente da central. «Temos 2.000 postos de traballo fóra do sector industrial. E ademais exportamos alimentos procesados, equipos electrónicos, fabricamos muíños eólicos, hai empresas auxiliares do automóbil…».

Aínda que cun modelo completamente diferente, tamén soubo diversificarse Arteixo, que albergaba a central de Sabón, no extremo norte do polígono industrial onde se sitúan tamén as sedes administrativas e as principais fábrica de Inditex. A central térmica foi unha das súas primeiras instalacións, e quince anos despois chegou ao polígono a compañía de Amancio Ortega. Desde entón Arteixo converteuse nun dos concellos máis dinámicos de Galicia.

Central térmica de Sabón, en Arteixo / Foto: J.O.

O certo é que, como lembra o presidente da Deputación provincial da Coruña, a falta de previsión fronte ás medidas contra o cambio climático foron un obstáculo para os municipios con centrais á hora de deseñar unha adecuada estratexia post-carbón. Pero resulta difícil que un Concello poida facelo en solitario se o propio Goberno e o seu presidente poñen en dúbida que o cambio climático sexa «un problema mundial». Fíxoo Mariano Rajoy no ano 2007, amparándose entre chanzas no que lle dicía na intimidade un primo seu negacionista: se é imposible saber con exactitude que tempo fará mañá en Sevilla, como aventurar a temperatura que terá o Planeta dentro de 300 anos?

«Co do cambio climático houbo dúas etapas», sinala González Formoso. «O Protocolo de Kioto estableceu a estratexia de pagar por contaminar, e o certo é que ninguén acabou crendo do todo que a loita ía en serio. Pero logo chegou o Acordo de París, e aí é cando debía empezar a transición enerxética. Rajoy estivo no Goberno oito anos dando sinais de que os peches de centrais íanse aprazar ata o 2050».

Finalmente non foi así e os peches producíronse un cuarto de século antes. En España quedan catro centrais en funcionamento das vinte e unha que había no 2011. Nos últimos dous anos pecharon unha ducia. Unha delas a de Meirama, en Cerceda, a trinta e oitenta quilómetros, respectivamente, ao sur das de Sabón e As Pontes.

«Da transición enerxética sabíase desde hai décadas. Cando eu era neno, no colexio xa nos falaban dela cando nos dicían que a central tiña data de caducidade», di Juan Manuel Rodríguez. É licenciado en Socioloxía e con apenas 30 anos cumpridos, alcalde de Cerceda (5.000 habitantes), tamén polo PSOE.

O seu municipio é o que menos desemprego ten da comarca -por baixo do 8% en plena crise do covid-19 – e caracterizouse desde hai décadas por eses grandes proxectos vinculados á mina de carbón, que tamén foi reconvertida en lago, e á central térmica á que abastecía, e que pechou o ano pasado. Entre o Imposto sobre a Actividade Económica e o Imposto sobre os Bens Inmobles de Especiais Características, a central representaba ao redor de 1,3 millóns de euros para o orzamento municipal. En torno ao 15%.

«Desde os anos noventa fomos conseguindo que a actividade da central revertese en servizos públicos e infraestruturas», relata o alcalde, quen sostén que o peche da planta debe ser compensado polos fondos de transición xusta, deseñados pola UE para asistir aos territorios que asumen en primeira persoa os custos de desenvolver unha economía de cero emisións.

«Reclamamos tres cosas: ingresos públicos, sustentabilidade e que se salde a débeda histórica contraída con Cerceda polos fondos Miner», pide Rodríguez, en referencia ás axudas públicas que no seu día beneficiaron ás zonas mineiras. Tamén reclama que calquera estratexia sobre o tema teña en conta a opinión do Concello: «Que conten connosco. Hai que respectar o territorio».

Vivenda xunto á central de Meirama en Cerceda

Desde os noventa, Cerceda tamén acolle outro proxecto industrial de grandes dimensións: a planta de incineración e reciclaxe que a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), propiedade da Xunta, ten na localidade, e que recibe cada ano 800.000 toneladas de lixo de toda Galicia. Tamén conta con varios parques eólicos, e existen varios proxectos para instalar máis muíños. Algo sobre o que o rexedor advirte que non pode supoñer a única alternativa ao desenvolvemento da localidade.

«Non se nos poden vender os proxectos eólicos como proxectos de reindustrialización, porque só xeran emprego de maneira residual no ámbito local. Ademais o plan sectorial eólico galego está obsoleto. Hai que reconsiderar a distancia ás casas e as particularidades de cada espazo. Con respecto á enerxía eólica, non se pode permitir que o interese público estea sometido a intereses particulares que só ven no territorio unha oportunidade de beneficio», di.

«Por riba diso ten que estar o benestar dos veciños, a sustentabilidade e a responsabilidade social. Non é nada revolucionario, sen ir máis lonxe os países nórdicos foron exemplo ao vincular dun modo moi especial a política económica e a social. Esa é a altura de miras que esperamos. Entendemos o transcendente papel da enerxía eólica, pero ten que ter unha orde e unha concepción organizada do territorio».

«Nós somos o epicentro do coidado do medio ambiente en Galicia», conclúe o alcalde. «Contribuímos a coidar de Galicia, así que Galicia tamén debe contribuír a coidar de nós».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail