A Coruña.- O senador e expresidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar rexeitou onte comparecer diante da maxistrada do Tribunal Supremo que instrúe contra el a causa por un delito contra a seguridade viaria, tras ser denunciado pola Garda Civil de Tráfico a principios deste ano por conducir pola autovía o vehículo oficial da Deputación a 215 km/h.
Antes de ser designado senador o verán pasado, Baltar xa tentara aprazar en dúas ocasións a súa declaración no xulgado de Instrución. Nesta ocasión alegou diante da maxistrada da Sala do Penal, Ana Ferrer, que o seu avogado se atopaba indisposto, informa Ana María Pascual. A xuíza aceptou aprazar a súa comparecencia, que ten carácter voluntario, ao próximo día 19.
O Partido Popular nomeou senador por designación autonómica a Baltar o pasado agosto tras a súa renuncia á presidencia da Deputación, forzada polos numerosos escándalos que transcenderon tras a denuncia da Garda Civil.
Entre eles, que tanto o vehículo oficial que el mesmo conducía en exclusiva como o do extenso parque móbil do que dotou á Deputación durante os seus case 12 anos de mandato acumulaban moitas máis multas, que se aboaban con diñeiro público porque o organismo evitaba identificar as persoas que os conducían e que deberían ser sancionadas.
Mordidas
A súa dimisión tamén estivo forzada polos audios e mensaxes publicadas por Luzes-Público nas que o seu irmán admitía que ambos cobraban mordidas de empresas adxudicatarias de obras da institución, e que a Fiscalía de Ourense investiga por se delas puidesen derivarse indicios de delito.
O aforamento co que Feijóo o premiou nomeándoo senador permitiu a Baltar eludir ata o de agora o banco de acusados
A pesar desa investigación e da súa imputación por un delito contra a seguridade viaria, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, non só protexeu a Baltar dotándoo a dedo da proteccion que lle proporciona o aforamento -foi elixido pola maioría popular no Parlamento de Galicia-, senón que o ascendeu e promocionou no grupo parlamentario na Cámara Alta.
Desde outubro, o que tamén foi ata o mes pasado presidente do PP ourensán forma parte da Deputación Permanente do Senado, e desde a semana pasada é presidente da súa Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico.
Unha decisión sorprendente se se ten en conta que durante a súa etapa á fronte da Deputación a súa provincia se converteu na que máis poboación perdeu de todo o Estado.
A condición sobrevinda de senador coa que Feijóo o premiou permitiu a Baltar eludir o banco dun xulgado convencional, no que si tería sentado hai meses calquera outro cidadán que fose acusado do mesmo delito que se lle imputa a el.
Suplicatorio
Desa forma, a xuíza tivo que trasladar o expediente ao Tribunal Supremo, onde a maxistrada Ferrer decidiu seguir co proceso tras estudar o preceptivo informe que encargou á Fiscalía, e que, se así o considera tras a súa declaración, enviará ao Senado o suplicatorio para poder xulgalo.
O Código penal español castiga con penas de entre tres e seis meses de cárcere; multas de entre seis e doce meses; retirada de carné entre un e catro anos, e cumprimento de servizos á comunidade entre un e tres meses, a quen conduza a máis de 200 km/h en tramos limitados a 120, o máximo permitido en autovías e autoestradas.
Baltar alega «un descoido», pero segundo Tráfico conduciu a 160 km/h de media durante polo menos 143 quilómetros
Aínda que Baltar atribuíu a súa infracción a «un descoido», o certo é que menos dunha hora antes de cazalo a 215 km/h, Tráfico detectárao circulando a 173 km/h a 143 quilómetros de alí. É dicir, que sen ter en conta as paradas que puidese realizar durante ese traxecto e que no mesmo hai varias zonas limitadas a 100 km/h e a 80 km/h, conduciu por ese tramo a case 160 km/h de media.
Se fose acusado de condución temeraria ou se a xuíza considerase que a súa pilotaxe puxo en perigo a vida ou a integridade doutras persoas, Baltar enfrontaríase a penas de entre seis meses e dous anos de cárcere e ata seis anos de retirada de carné.
«Falta de exemplaridade»
O artigo 51 dos estatutos do Partido Popular establece que os seus órganos directivos están obrigados a investigar e no seu caso abrir expediente cando teñan «coñecemento da falta de exemplaridade no comportamento dun afiliado ou cargo de representación institucional do partido».
A partir dese expediente, engade o texto, o Comité de Garantías pode decidir a suspensión de funcións do afectado, a súa suspensión cautelar de militancia e mesmo a súa expulsión.
Segundo fontes do PP consultadas por Luzes-Público, no caso de Baltar e a pesar da transcendencia pública dos feitos polos que está a ser procesado polo Supremo, non se procedeu a ningunha investigación.