Desde que se decretou o estado de alarma e de maneira voluntaria as traballadoras do mar decidiron quedarse na casa. Pertencen a un sector no que se vive día a día, de maneira que non perciben ingresos desde hai semanas e esperan confinadas a que o Goberno declare o cesamento da súa actividade.
É a ameixa un produto de primeira necesidade? É a pregunta que formulan as mariscadoras galegas -un sector que dá traballo a 3.800 persoas na comunidade- aos gobernos. Decidiron deixar de faenar pola imposibilidade de cumprir coas medidas sanitarias que ordenaba o Ministerio de Agricultura e Pesca, xa que, no mar, as distancias de seguridade son complicadas. Optaron por permanecer nos seus fogares para evitar contaxios posto que case en exclusividade superan os 50 anos e entre elas moitas sofren patoloxías previas derivadas da dureza do seu traballo, convivindo con persoas maiores ao seu cargo.
Todo se traduce nun parón nos seus ingresos porque non hai demanda desde que a crise da covid-19 empezou a golpear á restauración, e por iso as extractoras de bivalvos instan a un cesamento da actividade. Polo momento poden solicitar medidas compensatorias para facer fronte ao impacto económico do estado de alarma, pero non todas van ter acceso a el. Para poder acollerse ás prestacións extraordinarias deben acreditar a redución da súa facturación nunha 75% fronte ao semestre anterior, algo ao que non chegan de momento porque saíron as dúas primeiras semanas de marzo ao mar. Ademais, o presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, explica que moitas destas mulleres van quedar fora porque «hai cultivos que son estacionais», e por iso debería terse en conta «a mesma época do ano pasado» e non os seis meses anteriores.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
«Vinte días sen cobrar», alega María Vales, patroa da Confraría de Vilanova da Ría de Arousa, cuxa poboación conforma o 40% dos afiliados ao Réxime do Mar en Galicia onde os traballos están feminizados. Para ela, a actual dificultade de colocar os seus produtos no mercado como consecuencia da baixa demanda polo peche da hostalería estenderase cando termine o confinamento. «Hai que ser realistas, se saímos a faenar seremos 380 persoas e a lonxa é toda de aceiro inoxidable»-referíndose ao elevado tempo de supervivencia do coronavirus nesta superficie-. «A saída do marisco non vai ser a mesma, non creo que a xente queira ir a un restaurante para comer despois de todo isto», declara a patroa.
A partir de Semana Santa iniciábase a mellor época para elas, pero agora, que non vaian ao mar supón que algunhas non computen os días para o Permex (Permiso de explotación), documento que teñen que renovar cada ano, excluíndo ás que teñen ao seu cargo infantes e maiores, así como ás que están embarazadas ou sofren patoloxías previas. A situación que vive o país azouta a un sector que xa de seu é complicado, composto principalmente por autónomas, de maneira que non poden optar a un ERTE ou a outros permisos incluídos no Real Decreto-Lei de suspensión de actividades publicado o 29 de marzo.
Pola súa banda, a Consellería do Mar apoia ás traballadoras respecto ao cesamento e remitiron unha carta ao Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, onde a titular, Rosa Quintana, pide que aclaren se a actividade marisqueira é esencial para a subministración de alimentos á poboación tendo en canta a situación actual e que «simplifique» o acceso ás axudas compensatorias fixadas. Segundo datos da Xunta, desde a declaración do estado de alarma produciuse un descenso da facturación do sector de máis do 96% en relación co mesmo período do ano pasado, e un descenso das vendas en máis dun 77%.
O Executivo galego tamén sostén que o mantemento da actividade «dificultaría a reactivación económica do mercado no futuro», danado pola «saturación do mercado, a ausencia de demanda prevista» e levaría á «extracción dun recurso finito que reduciría as existencias en detrimento da recuperación da actividade». A Consellería do Mar non ten as competencias para aplicar a suspensión, xa que a actuación debe basearse no Real Decreto 463/2020 que regula as actividades suspendidas polo estado de alarma, pero, aínda así, as mariscadoras piden «máis» e máis «loita polo sector».
«Mar apóiase moito nas confrarías e nas federacións, pero a Administración ten que ir soa»
«Mar apóiase moito nas confrarías e nas federacións, pero a Administración ten que ir soa», postula a patroa de Vilanova de Arousa. «Contéstannos os escritos que lles enviamos e dinnos que protestemos a Madrid, pero Madrid quédanos lonxe e para algo temos unha Xunta preto», engade. Desde o Parlamento Europeo, os eurodeputados españois defenderon a apertura das axudas ao marisqueo, pero o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, ditou que estas profesionais non padecen un «distanciamento social obrigatorio de seguridade e non contan con grandes custos de infraestrutura».
Pola súa banda, a oposición galega tamén se manifestou respecto diso. O portavoz e candidato á Xunta de Galicia En Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou ao Executivo de Feijóo a aplicación dunha estratexia política en defensa das 80.000 familias que viven do sector primario, entre elas as mariscadoras a pé e á boia, con «establecemento de axudas directas ás confrarías de pescadores e mariscadoras dirixidas a paliar a falta de actividade». Así mesmo, lembrou que o sector primario representa o 5% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, e que a crise da pesca e marisqueo xa «deixaron a moitos produtores ao bordo da subsistencia».
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) tamén pediu ao Goberno central xunto co Executivo autonómico decretar a suspensión provisional da actividade do marisqueo e o deputado Néstor Rego, trasladou as demandas a través dunha Proposición non de lei: «o produto ten que ser devolto ao mar ou no mellor dos supostos e en casos excepcionais, mal vendelo, pois nestes momentos non existe unha demanda deste tipo de produtos por non tratarse dun produto de primeira necesidade».
Mari Carmen Vázquez, responsable da Confraría de Lourizán (Pontevedra) conta que actualmente «hai familias que non reciben ningún salario» e que «van pasalo mal porque o seguro vén igual». Ademais, cre que continúa existindo un descoñecemento en torno ao oficio da actividade mariscadora e para ela hai administracións que dan a atender que non coñecen a realidade do produto que extraen da area.
Ademais, ante os inconvenientes do Parlamento Europeo para o cesamento da súa actividade, pide o apoio das persoas que as escoitaron e defenderon en febreiro «a forza da muller do mar en Galicia», xa que as mariscadoras de Arousa viaxaron a Bruxelas, pero, para Vázquez «nestes momentos duros vese a realidade». «Hai 15 anos ninguén sabía o que era o marisqueo a pé en Galicia e penso que 15 anos despois tampouco saben como traballamos. Somos pesca, pero non un alimento de primeira necesidade», aclara.