O Senado recibe o suplicatorio do Tribunal Supremo para xulgar a Baltar por circular a 215 km/h

A Coruña.- A Presidencia do Senado recibiu o suplicatorio do Tribunal Supremo para que levante a inmunidade ao senador do PP e expresidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, para poder xulgarlle como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir o coche oficial da institución provincial a 215 km/h.

Segundo puido saber Luzes-Público, e tal e como confirmaron fontes da Cámara Alta, o seu presidente, Pedro Rollán, recibiu a comunicación do Supremo este luns pola mañá.

Baltar foi detectado o pasado abril por un radar da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) a 215 km/h, 95 km/h por riba do límite permitido na autovía A-52, e identificado posteriormente polos axentes. Menos dunha hora despois, outro radar detectou ao mesmo vehículo a 173 km/h.

Baltar deixou a Deputación pouco despois de que transcendesen eses feitos e de que se soubese que o organismo se negara a identificar na DXT ao condutor do seu coche noutros tantos expedientes por exceso de velocidade, polo que a Deputación tivo que pagar o triplo da multa inicial.

A muller e á filla do chofer asignado ao presidente

Tamén se soubo que en polo menos outros dous casos identificaronse como pilotos de vehículos oficiais á muller e á filla do chofer asignado ao presidente, antes de que a segunda obtivese unha praza fixa de funcionaria na Deputación.

A causa penal contra Baltar foi iniciada por un xulgado de Zamora, que a trasladou ao Supremo despois de que o PP o nomease senador por designación autonómica o pasado xullo, dotándoo así da condición de aforado. O PP nomeouno tamén presidente da Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico da institución.

Unha vez recibida a petición do Senado, o presidente deberá convocar á Comisión de Suplicatorios, que preside Alfonso Serrano, portavoz do PP de Madrid. Esta dará audiencia ao afectado e deberá emitir un ditame nun prazo máximo de 30 días. Ese informe, recomendando ou non levantarlle a inmunidade para que Baltar sexa xulgado, debaterase e votarase en sesión secreta do pleno.

O regulamento do Senado tamén contempla que se lle poida retirar temporalmente a condición de senador e o salario que ten asignado -67.633 euros anuais sen contar dietas e desprazamentos-.

Maioría absoluta do PP

O Partido Popular ten maioría absoluta na Cámara Alta. Luzes-Público tentou obter do Grupo Popular unha valoración oficial dos feitos e se os seus senadores teñen intención de votar a favor de que se xulgue ao seu compañeiro, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

O regulamento do Senado deixa aberta a porta a que o PP poida bloquear o suplicatorio sen votalo, xa que este se considerará denegado se no prazo de 60 días naturais desde o día seguinte á súa recepción o pleno non se pronunciou sobre o asunto.

Os Estatutos do PP consideran como unha infracción moi grave susceptible de derivar na expulsión do partido aos militantes e altos cargos sobre os que recaia «a condena por un delito doloso que pola súa natureza ou polas circunstancias nas que se cometeu se considere incompatible coas obrigas e deberes éticos» que se lles supón.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail