Os traballadores da TVG piden a dimisión do director xeral por manipular noticias sobre a marea plástica

A Coruña.- Traballadores da Corporacion Radio e Television de Galicia (CRTVG) concentráronse este xoves na sede central da empresa e nos seus centros territoriais para protestar pola manipulación que, ao seu xuízo, está a impoñer a dirección do ente nos seus informativos para defender a xestión da Xunta na crise dos pellets.

Os traballadores manifestáronse con pancartas e consignas esixindo a dimisión do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que leva 14 anos ao mando da empresa tras ser nomeado por Alberto Núñez Feijóo en 2009, e a quen acusa de poñer os medios públicos de comunicación ao servizo dos intereses electorais do PP, e agora tamén dos de Alfonso Rueda para as eleccións galegas do 18 de febreiro.

Entre as mensaxes que corearon figuran estas: «Rueda, atende, a tele non se vende»; «Para ou director xeral, xubilación total»; «Sánchez Izquierdo, dimisión»; «Queremos informar e non manipular»; «Sodes peleles vos que agochades os pellets»; «Menos submarinos e máis informativos».

Uno dos exemplos recentes que poñen os traballadores é a mensaxe nas contas de redes da cadea pública que identificaban como «operario» das brigadas de limpeza de pellets ao subdirector xeral de Meteroloxía e Cambio Climático, Isaac Gómez, quen foi entrevistado en directo para un programa da Radio Galega (RG) a pé de praia dun areal de Sada (A Coruña) que, paradoxalmente, non estaba afectado pola vertedura.

«Un erro evidente»

A pesar de que a CRTVG atribuíu o tweet a «un erro evidente» que rectificou na súa seguinte mensaxe na rede X, e a que, de feito, a reporteira que entrevistou a Gómez presentouno como subdirector xeral da Consellería de Medio Ambiente, e non como «operario» nin voluntario, a empresa retirou onte eses posts das súas contas sociais.

Tuit borrado pola CRTVG no que se identificaba como operario entrevistado a pé de praia ao subdirector xeral de Meteroloxía e Cambio Climático da Xunta / Fonte: X

A CRTVG enmendou o erro eliminando o chío A Radio Galega e publicou outros dous pedindo «desculpas aos protagonistas (entrevistado e entrevistadora) e á audiencia», ligándoos á entrevista orixinal «onde queda comprobado que o subdirector xeral de Meteroloxía e Cambio Climático da Xunta está perfectamente identificado como tal».

Luzes-Público tamén se interesou pola valoración que fai a dirección das protestas dos traballadores e da petición de dimisión de Sánchez Izquierdo: a convocatoria «non estaba sequera secundada por toda a parte social e replica a mesma estratexia que nas pasadas eleccións do 28M», di a empresa, que afea ao Comité Intercentros que convocara daquela «seis xornadas de folga, dúas delas coincidindo co arranque de campaña e o propio día das eleccións, escudándose en presuntos abusos laborais que resultaron ser falsos, xa que foron integramente desestimados polos tribunais de xustiza en todas as sentenzas derivadas que se coñecen ata a data».

Parcialidade en favor do PP

Os traballadores, a través tanto do seu Comité Intercentros como do colectivo Defende a Galega, que celebra os venres negros de protesta desde hai máis de cinco anos, acusan o director xeral de vulnerar sistematicamente os principios de neutralidade e imparcialidade política que deben rexer a actividade xornalística, para usar os medios públicos como instrumento de propaganda da Xunta e o PP.

Desde que Sánchez Izquierdo dirixe a CRTVG, tivo que enfrontarse a mais de 400 sentenzas nas que os tribunais consideran probada a violación de dereitos fundamentais e laborais, a persecución ideolóxica de xornalistas críticos ou que se negan a participar na manipulación de noticias, a discriminación laboral e de xénero, entre outras cuestións.

Oito directivos, incluído o director xeral, foron recentemente imputados por un presunto delito de acoso laboral contra unha traballadora. Con todo, a CRTVG gañou en primeira instancia eses tres últimos casos xudiciais abertos por denuncias de traballadores que foron trasladados dos seus postos e que demandaron á empresa ao considerar que foi por motivos ideolóxicos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail