A central nacionalista, que anunciou a súa oposición á reforma laboral de Yolanda Díaz, converteuse na primeira central do país con máis afiliados e representantes que CCOO e UGT
A Coruña.- O rexeitamento que tivo en Galicia a proposta de reforma laboral do Goberno ten moito que ver co auxe da Confederación Intersindical Galega (CIG), a central nacionalista que se converteu desde hai anos na primeira do país cunha estratexia de sindicalismo combativo e contrapoder que non deixa espazo ás concesións á patronal.
A CIG, fundada en 1994 pola fusión dos sindicatos nacionalistas xurdidos a principios dos anos setenta e desenvolvidos durante os primeiros anos da democracia, conta hoxe con máis de 75.000 afiliados en Galicia, máis que CCOO e UGT xuntos. Ten máis de 4.500 delegados e delegadas en empresas e administracións públicas -CCOO e UGT están por baixo dos 4.000-, é maioritaria en moitos sectores e nas dúas provincias máis poboadas, A Coruña e Pontevedra, e dispón dunha enorme capacidade de mobilización pola súa participación directa en decenas de loitas da sociedade civil organizada. Non só laborais, senón tamén veciñais, sociais e ambientalistas .
Se a CIG pon en marcha todo o seu potencial mobilizador contra a lexislación aboral que propuxo Yolanda Díaz, o Goberno vai atopar un serio rival na terra de orixe social e político da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social. E será xusto no momento en que as enquisas alertan de que o auxe da ultradereita ameaza a maioría parlamentaria do Goberno e a súa continuidade no poder.
«O fascismo nace polo fracaso da esquerda», alerta Paulo Carril, de 48 anos, secretario xeral do sindicato desde o ano 2017. «O seu caldo de cultivo xérase cando os poderes públicos non resolven nun sentido positivo o desencanto social que provoca a crise, que pode facer que os sectores desposuídos da clase obreira e de certa clase media entendan que as políticas de esquerda non funcionan», engade.
En Galicia non existe unidade de acción sindical. Desde hai anos a CIG acode separadamente ás manifestacións do 1 de maio, con marchas alternativas ás que celebran CCOO e UGT. Os dous históricos sindicatos acusan os nacionalistas de desprezar os acordos e o diálogo e de debilitar a capacidade de negociación dos traballadores. A CIG responde que o que fan CCOO e UXT é negociar desde as cúpulas e para as cúpulas á marxe destes, de achandarse diante dos intereses da patronal, como sucedeu coa reforma laboral, e de minar así a capacidade de resposta da cidadanía fronte a inxustiza e a desigualdade.
«O motor do cambio sempre é a mobilización social, e o sindicalismo ten un papel fundamental non só como reserva ideolóxica», di Carril, «senón como demostración de que as posicións de clase, e no noso caso tamén nacionais, son as únicas capaces de dar solucións nun momento crítico no que o modelo neoliberal se esá convertendo en ultraneoliberal».
A CIG é defínese como un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galicia, herdeiro das loitas sociais dos anos setenta e especialmente das xurdidas ao redor dos sucesos do 10 de mazo de 1972, cando a policía franquista asasinou a tiros en Ferrol a dous obreiros, Amador Rey e Daniel Niebla, que participaban nunha manifestación. Entón celebráronse multitudinarias protestas en toda Galicia, con centenares de detidos, torturados e represaliados, e desde entón, cada ano, o 10 de marzo conmemórase como o Día da Clase Obreira galega.
A estratexia sindical da CIG e o seu auxe nos últimos tempos ten moito que ver con aquel modelo, tal e como explica Susana Méndez, secretaria de Organzación: «Se somos a primeira forza sindical de Galicia é porque somos unha forza combativa que entende o conflito como ferramenta para acadar dereitos e conquistas sociais». «E iso está nas antípodas do pactismo de CCOO e UGT», engade.
Méndez tamén critica o ostracismo ao que se ve sometida a CIG, non só polo ecosistema mediático de Galicia senón polos poderes públicos e especialmente o Goberno, que non lles tivo en conta en ningunha negociación. «Somos o sindicato máis representativo do país, pero o Goberno inventouse o diálogo social, que non é unha institución nin un organismo de representación, para negociar só con quen quere e deixando á marxe a miles de traballadoras».
A actividade da CIG non se recolle nos medios públicos e privados de Galicia nin sequera de maneira remotamente proporcional á influencia nas relacións laborais que lle dan os seus delegados e delegadas e á capacidade para abrir e conducir debates públicos que lle dan os seus militantes. Pero o sindicato atopou nas redes sunha alternativa propia e eficaz para chegar á sociedade. O seu diario dixital Avantar, lonxe de ser un órgano de comunicación interno, é a mellor ferramenta informativa para quen queira manterse ao día da actualidade sociolaboral do país.
Desde as loitas das asociacións de sanitarios, pacientes, pais e profesores contra os recortes en sanidade e educación, ata as das plataformas ecoloxistas e veciñais que defenden o medio ambiente e se opoñen a daniños proxectos eólicos e mineiros, pasando polos movementos feminista e LGTBI e o os colectivos cidadáns que se enfrontan á banca, aos fondos voitre ou ás corruptelas do Goberno de Feijóo. A CIG non deixa sen cubrir oco ningún da resposta social á explotación, a desigualdade e as privatizacións de bens e servizos públicos. E o seu maior mérito reside en que sempre consegue vincular esas loitas á estrutura dun sistema de relacións laborais inxusto, discriminatorio e moi pouco democrático.
«Quen conta neste sindicato son as bases, non as cúpulas», afirma Roberto Pérez, delegado da central en Inditex, a multinacional por antonomasia do país e sobre a que resulta practicamente imposible atopar posicionamentos críticos en Galicia a pesar da enorme conflitividade social na que derivan as condicións laborais da maioría dos seus traballadores e, sobre todo, traballadoras.
«Non somos un complemento do departamento de recursos humanos da empresa», apunta o representante da CIG na compañía de Amancio Ortega e a súa filla Marta. «Os traballadores saben que o noso sindicato significa compromiso e eficacia, que non nos dedicamos ao politiqueo e que nunca asinamos acordos que non supoñan beneficios para eles».
A CIG é maioritaria en moitos departamentos de Inditex, especialmente os máis precarizados e feminizados, como o das dependentas das tendas das distintas marcas da compañía. Tamén no sector do automóbil, o outro gran referente industrial da economía galega, e en parte da industria naval, onde tomaron forma aquelas loitas sindicais dos últimos anos do franquismo.
Francisco González Sío, secretario de Negociación Colectiva do sindicato e o seu delegado en GKN, a principal auxiliar da planta de Citroën en Vigo, asegura que esa estratexia combativa da que a CIG di ser herdeira funciona, ao seu xuízo, mellor que a política pactista que CCOO e UGT desenvolveron nas últimas décadas. «Somos o sindicato que máis convenios colectivos asinou e o que máis acode aos organismos de mediación. Pero os acordos que alcanzamos nunca son claudicacións diante da patronal», sostén.
González Sío explica que ten «a mesma forma de entender o conflito e a mobilización social» que tiñan aqueles traballadores dos anos setenta, como os seus pais. «O activismo entendido non como vandalismo senón como ferramenta de solidariedade de clase e de reivindicación para a mellora das nosas condicións de vida». «Ser da CIG significa iso: estar preocupado polos teus compañeiros e disposto a loitar por eles», conclúe.