O parque móbil da Deputación de Ourense conta con berlinas de luxo, medio cento de turismos e 18 todoterreos

A Coruña.- O parque móbil da Deputación de Ourense conta con media ducia de berlinas de luxo e coches de alta gama, potencia e cilindrada, ademais de medio centenar de turismos de todo tipo e máis dunha quincena de todoterreos. Algún deles tamén son de luxo e o seu uso, segundo puido saber Luzes-Público, corresponde en exclusiva a Manuel Baltar, presidente da institución e do PP provincial.

Baltar foi captado a finais de abril pasado circulando a 215 quilómetros por hora cun Volkswagen Passat matrícula 8054CLY de 280 cabalos de potencia, a mesma que teñen un Porsche Boxter ou un BMW 330 iCoupé, e capacidade para alcanzar o 250 km/h. Por esa infracción, Baltar está procesado e pendente de xuízo acusado dun delito contra a seguridade viaria. O coche, que segundo informaron fontes da súa contorna conduce el en exclusiva, está valorado nun mínimo de 46.000 euros, impostos excluídos.

O mesmo día daquela sanción, Baltar fora detectado conducindo o Passat a 173/h só unha hora antes. De feito, o coche acumula outras nove sancións por exceso de velocidade nas que a Deputación non identificou o condutor, razón pola que o organismo tivo que pagar con fondos públicos o triplo da sanción polo menos nun deses casos. Luzes-Público preguntou en varias ocasións ao equipo de Baltar se era o presidente quen conducía e as razóns polas que non se lle identificou diante de Tráfico, pero non recibiu resposta.

Vehículos de alta gama

Tampouco recibiu información sobre outros vehículos de alta gama propiedade do organismo que están a disposición exclusiva do político popular. Como o Jeep Cherokee matrícula 3007JJT con motor de 2,2 litros e case 200 cv de potencia, que o presidente utiliza para as súas excursións e que foi adquirido hai catro anos. Está valorado entre 47.000 e 62.000 euros.

Baltar, con Mariluz Barreiros, presidenta da Fundación á que a Deputación mercou un Dodge 270, no aparcadoiro da institución / Alberte Paz.

Tamén están ao dispor do presidente varios vehículos con chofer -hai cinco oficiais na Deputación-. Baltar acode a moitos actos nun Audi A6 Limousine de 268 cv, matricula 9857 JXL, que custou preto de 60.000 euros en 2017. A Deputación adquiriuno sen concurso público polo procedemento negociado sen publicidade, convidando a dúas empresas a facer ofertas. As dúas sociedades, Automóbiles Perez Rumbao SA (Apersa) e Báltico Automoción Pérez Rumbao SA (Balpersa) pertencen á mesma matriz, o Grupo Pérez Rumbao, que, como era de esperar, levou a adxudicación sen problemas.

Ese Audi tamén foi cazado polos radares da DXT superando os límites de velocidade en polo menos tres ocasiones: o 27 de maio de 2019 a 176 km/h; o 6 de abril de 2021 a 171 km/h; e o 12 de maio de 2022, a 179 km/h. Na primeira ocasión, Tráfico sancionou ao xefe do parque móbil e entón chofer oficial de Baltar, Raúl Domarco Piñeiro, como autor da infracción. Nas outras dúas, con todo, as condutoras identificadas na DXT foron, respectivamente, a súa filla e a súa muller: Laura Domarco Álvarez e María José Álvarez Rodríguez.

«Mala praxe do chofer»

A Deputación atribuíu esas multas á «mala praxe» de Domarco e asegurou hai unha semana que abrira un expediente informativo para pescudar o sucedido, pero aínda non aclarou quen conducía os vehículos nas datas das denuncias e que se corresponden, ademais, cos horarios e emprazamentos das citas oficiais que figuraban na axenda de Baltar. Este tampouco explicou por que Domarco pagou con fondos da Deputación case 4.000 euros en gastos de protocolo atribuídos ao presidente por compras e facturas en restaurantes, bares, supermercados, pastelerías e e tendas de deporte e de agasallos, entre outras.

Ademais do Passat de 280 cv, do Cherokee 2.2 e do A6 Limousine, o presidente ten ao seu servizo outros cinco coches oficiais: outro Volkswagen Passat 2.0 TDI matrícula 4548 HNC, que utilizaba o seu pai, o anterior presidente provincial, antes de pasarlle o cargo; un Audi S4 matrícula 2030 FPF cuxo prezo de serie supera os 70.000 euros; un Peugeot Traveller Allure matrícula 3944 KJK, cuxa versión máis alcanzable non baixa dos 25.000 euros; outro Peugeot 407 matrícula 4025 GPY; e outro Volskswagen Passat adscrito ao Instituto Ourensán de Desenvolvemento, adscrito á súa vez á Deputación e cuxo persoal tamén utiliza habitualmente.

O Jeep Cherokee e o VW Passat oficiais que conduce Baltar, no aparcadoiro reservado ao presidente.

Luzes-Público consultou ás outras tres deputacións provinciais de Galicia e as tres aseguraron que non teñen noticia de que os seus respectivos presidentes e presidentas conducisen nunca os vehículos oficiais, nin que estes estean á súa exclusiva disposición, nin que sexan modelos que alcancen a cilindrada, a potencia e o prezo dos da institución ourensá.

Dous C5 na Deputación da Coruña e tres na de Lugo

Na da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, hai dous Citroën C5 con chofer, un adscrito á presidencia e outro á vicepresidencia do organismo. Na Deputación de Lugo, co tamén socialista José Tomé á fronte, hai outro C5 do ano 2009 e con 400.000 quilómetros para usos protocolarios do presidente, e outros tres do mesmo modelo e unha media de 360.000 quilómetros cuxo uso, sempre con chofer, comparten os deputados de todos os grupos e os funcionarios que o precisan, segundo fontes próximas a Tomé.

A familia Baltar sempre tivo unha afección especial polos coches. En 2013, El País desvelou que José Luis Baltar Pumar, pai de Manuel Baltar Blanco e do seu irmán José Luis, acumulara durante os seus 22 anos á fronte da Deputación -de 1990 a 2012- unha colección dun centenar de coches clásicos de marcas nobres como Triumph, Porsche, Maserati, Jaguar, Rolls&Royce e Mercedes. O seu fillo parece herdar esa afección, e en novembro pasado asinou a compra por 10.743,80 euros dun Dodge Dart 270 dos anos sesenta matrícula M-472570, para empregalo, segundo dixo, en «usos protocolarios e museísticos».

Todas as deputacións provinciais teñen en Galicia un amplo parque móbil que inclúe a maquinaria e os vehículos de servizo necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, desde tractores, escavadoras e quitaneves a furgonetas, camións e niveladoras. A de Pontevedra, por exemplo, que ata o de agora presidía a socialista Carmela Silva e que tras o 28M pasará a mans do PP, é a segunda con maior orzamento do país e ten 107 vehículos, dos que doce son turismos: un Passat 1.9 TDI DE 130 cv; un Citroën C6; oito Citroën C5; un Xsara Picasso; un Citroën Jumper; un Audi A4 e un Mitsubishi Galloper.

Un funcionario lava o coche da exmuller de Baltar no patio da Deputación.

A Deputación de Baltar, con case a metade de orzamento que a de Silva, ten 263 vehículos, moito máis do dobre. Ademais do Jeep Cherokee que usa Baltar hai outros 17 todoterreos: oito Nissan, dous modelos Nivara, Qashqai, Terrano e Pathfinder; seis Suzuki Vitara, Gran Vitara e Santana; dous Toyota Land Cruiser e un Land Rover Defender.

A eles engádense seis furgóns, 38 furgonetas e medio centenar de turismos, varios deles de gama alta. Á marxe do Jeep e dos outros sete automóbiles do parque ao dispor do presidente -os tres Passat, os dous Audi e os dous Peugeot -, así como do Dodge clásico, son once Peugeot dos modelos 206, 208, 306, 307 e 308; nove Seat Ibiza; nove Renault Clío, un Renault Espace, un Grand Espace e un Megane, da mesma marca; cinco Ford Focus; dous Honda Insight e un Opel Astra.

Fontes próximas á contorna de Baltar aseguraron que o líder do PP ourensán non ten ningún vehículo particular ao seu nome, un extremo que Luzes-Público non puido confirmar, pero que é habitual que o persoal da Deputación se encargue do mantemento e limpeza do monovolume que comparte coa súa exmuller, tal e como recolle a fotografía que acompaña a esta información facilitada por un deputado opositor. Baltar cobra un soldo de 72.325,26 euros anuais e leva doce anos á fronte da Deputación.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail