Alma de mariscadora

Con temporal ou calma chicha, as 198 mulleres que hai quince anos formaron a Agrupación de Mariscadoras de Cambados convertéronse nun modelo de produción responsable das especies que crían e logo venden cunhas cotas diarias moi restrinxidas. Son o referente de sustentabilidade do sector marisqueiro que se vende coma un reclamo turístico engadido das Rías Baixas.

Traballan duro ao vaivén das mareas para defender o medio do que tamén viviron os seus antepasados, só que hoxe teñen que facer fronte aos furtivos que xurdiron en Galicia cando o oficio se profesionalizou, para poñerlle límites á actividade extractiva do mar ante uns alarmantes síntomas de esgotamento dalgunhas especies mariñas como a ameixa ou o berberecho. Elas lideraron esta difícil tarefa de administrar a nosa despensa mariña, cada vez máis vulnerable ás pragas de novos parasitos e aos efectos do cambio climático.

Esta mañá, o espertador soou antes da alba. Neste traballo, a rutina só a rompe a marea que cada catro ou cinco días atrasa ou adianta o reloxo uns 45 minutos, ata que se pecha o ciclo e comeza outro. Con este horario medio nocturno hoxe toca levar lanterna para cavar na seca e recoller uns poucos quilos de ameixas. Con sorte regresarán á casa cuns 60 euros de xornal, sen contar impostos nin cotizacións.

Un café e algo sólido entoa ás mulleres para abrir a marcha cara á praia do Sarrido —diante do típico barrio cambadés de San Tomé— onde se van concentrando envoltas pola escuridade. A maioría vive en parroquias próximas nun radio de cinco quilómetros. Só uns cantos coches aparcan na praza. A moto ou a bicicleta son os medios preferidos de transporte.

Enfundadas nos seus vadeadores de neopreno —a indumentaria típica deste traballo—, o pelotón feminino chega case de vez ao encontro de todos os días. Saúdase e divídese en pequenos grupos mentres aos poucos vaise afastando cara á praia, ata que só se divisan os feixes de luz de ducias de lanternas. A zona é moi extensa e percorre de punta a punta os terreos asignados á Confraría de Cambados: Tragove, San Miguel de Deiro, Saco de Fefiñáns e O Sarrido.

Foto: Miguel Riopa

Entre esas mans castigadas polo esforzo e os anos que obrigan a poñer luvas de goma para evitar que o frío as deixe insensibles, as mulleres levan ao lombo os aparellos habituais de traballo: o anciño para remover a area e o bañeirón onde trasladarán os bivalvos, un medidor de plástico para controlar o peso das capturas e as redes para envolvelas por lotes.

Vai frío e o bo tempo resístese a finais de abril. «E isto non é nada, o peor xa pasou, porque este ano con tanta cicloxénese explosiva os nosos corpos notárono e o noso peto tamén», di Teresa, que o día’’ que entrou Petra, unha das tormentas máis bravas deste inverno, mancouse nun nocello subindo a rampla de acceso a esta praia. «Estamos afeitas a traballar de día, de noite, con temporais e sen eles, o que queremos é traballar e poder sacar un diñeiro, pero non sempre nolo permite o tempo», lamenta a mariscadora.

Teresa Bugallo ten 55 anos —a idade media das mariscadores desta agrupación— e é unha das veteranas na entidade que se creou en 1999. Algunhas delas xa chegaron aos 65 pero sen ter os anos de cotización para percibir unha pensión. Para estes casos, a agrupación logrou que a Xunta lles permita a estas mulleres seguir traballando ata compensar a xubilación. «É duro ver algunhas mulleres desa idade agacharse e cavar durante varias horas, pero é o que hai e polo menos poderán vivir logo, aínda que sexa da pensión mínima», apunta esta mariscadora.

Falando do futuro, Teresa transpórtase aos tempos da súa nenez e recorda cando baixaba mariscar co seu pai á mesma praia onde hoxe traballa, só que entón eran centos as persoas que baixaban ao areal para coller algún molusco para comer. Era un oficio de tradición na súa familia e do que ela vive desde entón, aínda que fixo un par de parénteses na súa vida traballando nunha fábrica de conservas e na hostalaría.

Conta que houbo un tempo en que todo o mundo vivía do mar. «Nada che impedía baixar á praia e levar os quilos de marisco que quixeses para a casa. Un taxista, un labrador ou un ministro, por dicir algo, calquera podía ter un medio de supervivencia a maiores. Pero un día isto acabou, porque se non eu creo que xa non nos quedaba nada que mariscar. Aínda que coas prohibicións chegaron os furtivos, que agora están a volver con tanta crise, e esa é a outra cara do noso oficio».

De feito, facerlle a guerra ao furtivo ou á furtiva —e algún bañista «despistado» en pleno verán— é unha das tarefas reservadas ás mariscadoras. Pola súa conta e risco montan a vixilancia e coidan dos seus viveiros como patrullas de acompañamento aos gardas contratados pola confraría. De noite e de día, as mulleres vanse intercambiando para formar os controis segundo os horarios e grupos de traballo previamente establecidos.

Ademais, a agrupación organiza outras tarefas e asigna os labores de marisqueo a uns grupos, mentres outros teñen que dedicarse a sementar as especies que van recoller. É o que elas chaman «o mantemento das especies», que se intensifica no verán, pero que forma parte dun ciclo anual constante, explica a presidenta da agrupación, Isabel Pérez.

As especies principais de extracción en Cambados son a ameixa fina e a xapónica. De cada especie, o tope é de dous quilos por persoa e día. Con mareas secas como a destes días, cunha xornada de traballo de tres ou catro horas, cun breve descanso no medio para tomar un bocado, cada mariscadora pode obter unha media de 50 euros en marisco.

O problema que ten a agrupación desde hai máis dun ano é que as chamadas especies acompañantes non axudan. O berberecho común e máis cotizado desapareceu por mor dun parasito que provocou en 2013 unha mortandade masiva na Ría de Arousa, onde este molusco representa a metade de toda a produción marisqueira de Galicia. A este desastre que tratan de frear os biólogos, hai que engadirlle os escasos recursos económicos que lle sacan as mariscadoras a outras capturas moi limitadas, como a ameixa babosa e a navalla, tamén escasas nos bancos.

Foto: Miguel Riopa

A principios da pasada década os topes eran de case o dobre, pero baixo o asesoramento dos biólogos, as capturas fóronse facendo máis restritivas e na agrupación todos están de acordo en que a produción sostible do medio é vital. Só en épocas puntuais, coma o Nadal ou a Semana Santa, poden subir un pouco as capturas porque hai máis demanda, o que compensa cun extra os petos das mariscadoras.

A xornada achégase ao seu fin. Cada muller diríxese ao momento do control cos bañeiróns e de alí á lonxa, onde recollen o tícket de entrega. Se os exemplares son de boa calidade, poderán gañar 25 ou 30 euros por un quilo, dependendo do tamaño e a variedade. Se capturaron algo máis das especies acompañantes, poderán sacar un xornal de 60 euros ou un pouco máis. «Son uns cartos bonitos, pero hai que botar contas do total, porque o mes para nós é curto, doce ou trece días hábiles, co cal non é para tirar foguetes, e máis aínda se non houbo boas mareas ou o mal tempo non che permitiu baixar».

As inclemencias meteorolóxicas e as oscilacións do mercado son danos colaterais á crise, que se notou especialmente no sector marisqueiro. Se hai unha década esta profesión era secundaria, a depauperada economía actual alterou os patróns laborais e hoxe é unha das máis demandadas. Na última convocatoria da confraría para cubrir 25 prazas de mariscador presentáronse 200 solicitudes.

Son as nove da mañá e no Sarrido a xornada para as mariscadoras está a piques de rematar. É un día máis para estas mulleres fortes fisicamente pero que acaban a súa vida laboral cheas de achaques no corpo pola constante humidade do medio no que traballan. Artrose, lumbago, problemas nos xeonllos, nas cervicais e nos ósos carpianos das mans son os principais inimigos dunha profesión onde o esforzo dá paso lentamente á enfermidade crónica. «Os anos pasan e os síntomas van aparecendo de xeito irreversible. Hai que ter alma de mariscadora para soportar este oficio e querelo», salienta Teresa.

Aínda que no marisqueo non hai diferenza de sexos, o certo é que as mulleres representan o sustento das praias e levan o protagonismo do marisqueo a pé, mentres os homes quedan co marisqueo á boia. Así foi e así será durante moito tempo, aínda que agrupacións coma a de Cambados xa lle deu entrada a algún mariscador. Unha representación meramente simbólica, polo menos por agora.

O número de traballadores na agrupación non variou en anos, en función dos recursos mariños e os cupos que dependen das restricións de capturas. A medida que se van xubilando unhas incorpóranse outras, pero entre as que acaban de chegar ningunha baixa dos 30 anos de idade. Hoxe son 80 as veteranas que viron nacer este proxecto e continúan a pé de praia ata que chegue a pensión.

Entre estas curtidas fundadoras da agrupación tamén está a presidenta. Isabel cre que «a clave do éxito está na produción responsable das tallas, nos topes e na sementeira, pero tamén na vixilancia, porque aquí non só se trata de gañar diñeiro, hai que traballar varias horas ao día en grupos de cinco mulleres para repartir as tarefas», di.

A organización e a permanente dedicación ao medio do que viven forman parte desta profesión cada día máis valorada malia a dureza física que esixe. «Isto ten que gustarche, aínda que para a maioría foi unha saída porque non había outra cousa. Por iso os mozos buscan algo mellor e máis rendible», incide Teresa.

As condicións laborais non son doadas e tamén hai que contribuír cunha parte dos honorarios ao colectivo social. O 10% das vendas retéñense para a confraría, en cuxa administración e xestión tamén participan. Outra porcentaxe equivalente é para a lonxa e a agrupación, e logo terán que aboar uns 100 euros anuais para a compra de semente das especies que crían.

Chámanlles as «nenas consentidas» da Consellería do Mar e admíteno, aínda que teñen algunhas reclamacións que facerlle á Administración. «Como en todos os colectivos, non sempre estamos de acordo co sistema imposto e creo que hai cuestións criticables, como o que a Xunta peche todas as hatchery [as eclosionadoras, instalacións nas que se chocan as ovas en condicións artificiais], e teñamos que comprar a semente en Italia ou traela da Ría de Tina Menor, en Cantabria. Creo que sería máis rendible ter un viveiro para todas as confrarías», reprocha Teresa Bugallo como portavoz dalgunhas mariscadoras que tamén esixen maior transparencia na xestión económica das confrarías e a convocatoria de eleccións, que xa levan máis de tres anos de atraso.

Da produción responsable, a agrupación deu un salto á fama en 2004 cando se creou a Asociación Cultural de Mulleres do Mar (Guimatur) para dar, por primeira vez, unha proxección turística ao oficio de mariscadora. A idea naceu ao abeiro duns cursos de formación subvencionados con fondos europeos (Plan Equal) que se celebraron no Concello de Cambados en colaboración coa confraría.

O proxecto deseñouse para que 19 mariscadoras da agrupación guiasen os turistas que a través de axencias de viaxes e oficinas de información quixesen coñecer no campo de batalla como se recolle o marisco nas praias, explicando cada detalle da contorna mariña na que desenvolven o seu traballo, a indumentaria e os aparellos que empregan.

Da man de Turgalicia, Guimatur véndese como a «produción sustentable e responsable» e «está aberta a todas as mulleres que traballan no sector marítimo e pesqueiro de Cambados, desde bateeiras a armadoras e mariñeiras», insiste a presidenta. Ademais, a idea naceu para promocionar Guimatur en feiras de turismo nacional e internacional co obxectivo de potenciar ao máximo a cultura marisqueira. A asociación xa puxo en marcha o chamado plan O Sarrido para introducir esta cultura nos colexios de escolares de 6 a 12 anos e con actividades programadas en compañía das mariscadoras. «Mostramos o que facemos e ensinamos como se fai porque forma parte da nosa cultura máis arraigada, o marisqueo», conclúe Isabel.

Foto: Miguel Riopa

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail