Unha xuíza de Pontevedra considera delito tocarlle o cu a unha muller sen o seu consentimento

A maxistrada explica que a sobar que sufriu a vítima nun bar da cidade foi «un acto inequívoco de carácter sexual idóneo para menoscabar a liberdade e indemnidade sexual da vítima»

A Coruña.- O xulgado do Penal número 3 de Pontevedra acaba de condenar a un home que lle tocou o cu a unha muller sen o seu consentimento nun bar da cidade, ao considerar que o seu comportamento supón un delito de abuso sexual. O home deberá pagar unha multa de 6 euros diarios durante dezaoito meses, o equivalente a uns 3.300 euros, aínda que poderá recorrer a sentenza na Audiencia Provincial.

Os feitos, que foron gravados polas cámaras de seguridade do local, ocorreron o pasado mes de marzo nun establecemento da Praza do Teucro, cando a muller, axente da garda civil que vestía de paisano e que estaba cunhas amigas no pub, notou que o home agora condenado lle manoseaba os glúteos ao pasar ao seu lado. Cando ela lle recriminou a súa acción e esixiu explicacións ao grupo no que se atopaba o mozo, tanto este como os seus amigos comezaron a burlarse dela, sen que ninguén fixese nada no seu favor.

Dáse a circunstancia de que nese grupo, formado por quince homes que viñan dunha cea, había outro garda civil, tamén de paisano. A vítima e el non se coñecían e non o souberon ata que llo fixeron saber o un ao outro durante a discusión.

A relatora da sentenza, a maxistrada Julia Monteagudo, considera que o manoseo foi constitutivo dun delito de abuso sexual do artigo 181.1 do Código penal, «que tipifica unha conduta na que o atentado á liberdade sexual prodúcese pola mera falta de consentimento da vítima, sen concorrer violencia ou intimidación».

Os xulgados de Pontevedra

O home sabía que a muller non prestara o seu consentimento porque a sobou «atopándose a denunciante de costas», di a sentenza. «E tendo as nádegas culturalmente a consideración de partes íntimas» de acordo á xurisprudencia do Tribunal Supremo, «o tocamento das mesmas é un acto inequívoco de carácter sexual idóneo para menoscabar a liberdade e indemnidade sexual da vítima, é dicir o seu dereito a non verse involucrada nun contexto sexual non consentido», conclúe a xuíza.

A sentenza prodúcese contra o criterio do fiscal, quen solicitara o arquivo das dilixencias de instrución ao considerar que non había delito e quen se negou a formular acusación ningunha contra os denunciados durante a vista oral. A acusación particular, pola súa banda, reclamaba para o acusado dous anos de prisión.

A xuíza non ten atendido á demanda da acusación particular de condenar tamén por coaccións ou por ameazas a outro mozo que estaba no grupo de amigos do agresor e para quen a acusación pedía un ano de cárcere. A maxistrada estima que «todas as visicitudes posteriores acerca da colaboración ou falta de colaboración dos presentes no lugar para identificar o autor entrarían no terreo das consideracións persoais de cada un deles acerca de se nese momento debían, querían ou podían axudar á denunciante, pero sempre nun terreo alleo ao dereito penal».

Pola seu banda, a representación legal da vítima pediu á xuíza unha aclaración do fallo, xa que considera que a sentenza non atende á súa petición de imputar outro delito de falso testemuño ao outro garda civil, que declarou como testemuña na vista oral.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail