Por que queren morrer?

O suicidio e as lesións autoinflixidas xa son a segunda causa de morte entre a mocidade galega de 15 a 29 anos. Os expertos defenden a necesidade de reforzar os medios dun sistema de saúde que desmontou a atención á poboación infantil e adolescente, e prestar máis atención á psicoterapia para frear o exceso de consumo de psicofármacos.


A Coruña.- As normas básicas de redacción xornalística ditan que non se debe titular unha reportaxe cunha pregunta, xa que o que se espera do reporteiro, precisamente, é que lles faga preguntas ás fontes para logo ofrecerlles respostas aos seus lectores. E non ao revés. Pero sucede que as únicas fontes que poderían responder con certeza a pregunta máis importante desta reportaxe están mortas.

Falar e escribir do suicidio é así de dramático, duro e desagradable. Moito máis que falar da morte ou das mortes en xeral, ou dunha morte en concreto, porque adoitamos entender que calquera morte por suicidio podería evitarse. Que o suicidio representa, como recentemente describiu un experto, «unha solución eterna a un problema temporal». Sucede realmente así? Máis preguntas que probablemente non atopen resposta nestas liñas, que só pretenden ofrecer unha aproximación a un problema que se converteu nunha verdadeira preocupación social no país.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o suicidio e as lesións autoinflixidas son xa a segunda causa de morte entre os mozos de 15 a 29 anos en Galicia, só por baixo dos accidentes de tráfico e doutros medios de transporte. Galicia tamén é a segunda comunidade de España con maior taxa global de suicidios en todas as idades, con Lugo encabezando a listaxe estatal de provincias con peor incidencia. Desculpen de novo as preguntas sen resposta, pero resultan inevitables: os galegos teñen unha predisposición especial ao suicidio? Aféctannos o clima, a orografía, un sentimento tráxico da existencia que se manifesta a idades temperás?

«O suicidio ten que ver co sentido da vida. E a vida non só é biolóxica, tamén é biográfica. A biografía é o que lle dá sentido á vida», sostén Federico Menéndez Osorio, doutor en Psiquiatría, expsiquiatra da Unidade de Saúde Mental Infantil do hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña e membro do padroado da Fundación Paidea. «Cada suicida ten unha causa, singular, persoal. As causas son multifactoriais e pluridimensionais, e hai tantas como suicidios: causas culturais, ideolóxicas, sociais, económicas…», engade.

Na segunda metade dos anos oitenta, o Materno-Infantil da Coruña puxo en marcha a unidade de Psiquiatría Infantil, nunha época na que, segundo Menéndez, se entendía que un neno non podía ter problemas psiquiátricos. «Dábase por feito que se tiña un trastorno de conduta era debido a problemas sociais, relacionais ou neurolóxicos. E non é así. O neno goza e desfruta, pero a súa vida non é de cor de rosa. Tamén padece e sofre, pregúntase sobre o amor, o sexo e a morte. Non filosofa sobre iso, pero o vive».

Nos anos setenta, o psiquiatra madrileño Carlos Cobo Medina compilou as mortes por suicidio en España desde 1906, e concluíu que o número de falecementos por esa causa entre menores de vinte anos en todo o Estado español oscilaba entre cincocentos e mil ao ano, todos os anos, durante decenios. «E iso que se calcula que hai preto dun 50% de mortes que se atribúen a outras causas, como accidentes, e que as tentativas das que non se informa multiplican esas cifras», engade Menéndez.

A finais dos oitenta e principios dos noventa, a súa unidade realizou un estudo sobre a incidencia do suicidio en menores de sete a quince anos e documentou corenta casos en tres anos só na comarca da Coruña, a área de influencia do departamento. O grupo de idade máis afectado era entre os doce e os trece anos. «E iso que quedaron fóra moitos intentos que entón pasaban desapercibidos», lembra.

Desde os oitenta e os noventa tanto a psiquiatría como a farmacopea e os modelos de xestión da saúde pública evolucionaron, e hoxe parece un lugar común que a psicoterapia debe ser parte fundamental do tratamento dos problemas de saúde mental. Pero nalgúns casos, como en Galicia, o sistema sanitario involucionou polos severos recortes de orzamento, recursos humanos e medios técnicos impostos nos últimos anos pola visión neoliberal da falsa austeridade como receita contra a crise.

No caso dos problemas psiquiátricos da infanto-adolescencia, o resultado, segundo Federico Menéndez, debuxa un panorama complicado. «De cando o neno non tiña dereito a que o tomasen en conta polo seu sufrimento psíquico, pasamos a un momento de gran sensibilidade no que todo o mundo ve ao rei espido», laméntase. «A saúde mental estaba espida, e empezamos a patoloxizar calquera conduta ou trastorno infantil. Avalíanse síntomas, diagnostícase e medícase, nun proceso simplista caza-síntomas que non permite ao neno expresar o seu sufrimento e que camufla outras causas económicas, sociais, culturais… Non se mira ao neno, só os seus síntomas».

Os recortes profundaron nese proceso, segundo describe Delia Guitián, especialista en Psicoloxía Clínica no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo. «A maioría dos pacientes que manifestan unha tendencia suicida son atendidos por un médico de atención primaria, que apenas dispón de dez minutos por cada paciente e que, diante dunha queixa emocional, apenas ten tempo para nada máis que para medicalo e citalo para dentro dunhas semanas. Se o problema persiste derívao a un especialista que pode tardar seis meses en atendelo. Para entón, o problema puido cronificarse», resume.

Guitián advirte de que na adolescencia, «cando se está formando o adulto», calquera problema emocional non resolvido «pode hipotecar o futuro dunha persoa». «Se queremos reducir a afección dos problemas de ansiedade e depresión en adultos, debemos intervir na adolescencia. O coidado emocional dos mozos é unha tarefa pendente, que se agrava ademais polo nivel de competitividade ao que os sometemos. Esixímoslles un nivel de perfeccionismo tremendo», advirte.

A psicóloga do HULA coincide con Menéndez en que o suicidio é «un problema silenciado», que ademais conta con esa enorme zona gris das tentativas non declaradas e os suicidios camuflados como accidentes, o que minimiza a envergadura real do problema. «Os forenses saben moito diso», subliña.

Tamén defende a relevancia da psicoterapia, e alerta da necesidade de máis recursos: «Somos un psicólogo clínico por cada dez ou doce psiquiatras, e iso tamén contribúe á sobremedicalización».

Antidepresivos, ansiolíticos, hipnóticos e sedantes, antipsicóticos, psicoestimulantes… Segundo un estudo do Ministerio de Sanidade publicado en decembro do 2020, o consumo de psicofármacos aumentou en España na práctica totalidade das categorías relacionadas coa saúde, o benestar e o equilibrio psicolóxicos.

Segundo algunhas fontes, os galegos incrementaron o consumo un 50% no último lustro. Máis de 230.000 persoas, case un 10% da poboación do país, toma antidepresivos, e unhas 400.000, máis do 15%, recorren a pastillas para poder descansar polas noites. Galicia é a comunidade onde máis antidepresivos se expiden. Este redactor non atopou datos fiables sobre o consumo de psicofármacos entre a poboación infantil e xuvenil galega, pero diante da falta de resposta a esta outra pregunta non se arriscará moito quen aventure que o máis probable é que tamén crecese, especialmente durante e despois do confinamento.

A excesiva medicalización non acompañada dos tempos adecuados de psicoterapia pola precaria situación do sistema confírmaa tamén Natalia (nome suposto), unha enfermeira dun centro de saúde dun pequeno municipio de Galicia que relata casos de pacientes que tamén tiveron que esperar meses para chegar despois á consulta dun especialista para unha sesión de apenas uns minutos.

Natalia prefire aparecer neste texto con nome falso para non ser identificada no centro e a aldea onde traballa, pero asegura que diante desa falta de resposta do sistema, os profesionais como ela son os únicos que se preocupan dos pacientes, citando periodicamente os que máis sofren, aínda que sexa para tomarlles a tensión ou facerlles unha analítica, e poder así comprobar como evolucionan.

«É inaudito que exista un protocolo para o seguimento das persoas infectadas por covid e non para quen manifesta implícita ou explicitamente ideas suicidas. A moitos nin sequera os ingresan», explica. Natalia afirma que se o problema nos centros urbanos afecta os máis novos, quen máis o padecen no ámbito rural son as persoas de maior idade.

No Parlamento de Galicia, a oposición veu denunciando sistematicamente o grave risco que supoñen para a saúde de miles de persoas os recortes no orzamento sanitario. Julio Torrado, portavoz de Sanidade do PSdeG na Cámara galega e doutor en Psicoloxía, sostén que «nos casos de persoas con ideas suicidas ou de autólise, e especialmente nos menores, o dereito á saúde mental en Galicia sinxelamente non existe». «O sistema non está preparado en termos de recursos, e tampouco en termos de modelo», defende.

Para os nenos e as nenas e para os e as adolescentes galegas, enfrontarse sen axuda a un problema emocional grave ou a un trastorno psíquico resulta máis relevante aínda se se ten en conta que na maioría dos casos nin sequera saben o que é. O sistema educativo, na escola e na contorna familiar, parece asumir a necesidade de instruílos sobre hixiene e saúde sexual, sobre o perigoso das drogas e o alcohol, sobre o reprobable do machismo, o racismo, a homofobia e a violencia ligada a eses fenómenos e a outros similares. Pero ninguén lles explica que un de cada catro terán que enfrontarse antes ou despois a síntomas ou episodios de ansiedade, angustia, depresión…

Sumado ao cambio do sistema de valores, á forma de vida e ao sistema de relacións que impuxeron as novas tecnoloxías e as redes sociais, sobre todo por mor da epidemia de covid, iso déixaos nunha situación de absoluta fraxilidade.

Marta é unha muller de 28 anos que hai once comezou a sufrir angustia e ansiedade. «Non o entendía, pero non llo contei a ninguén. Non sabía o que me estaba pasando, pensaba: ‘será cousa miña’. Funo atrasando ata que derivou nunha agorafobia», relata.

Os pais de Marta levárona ao psicólogo, «privado, porque para que te atenda un psicólogo na sanidade pública por un trastorno como ese poden pasar meses». Logo derivárona a un psiquiatra, tamén privado, que lle receitou fárrmacos tras facerlle un test. «Medicarme só por un test? Negueime porque non quería identificar as pastillas co meu benestar».

Volveu ao psicólogo e o tratamento axudouna, aínda que o interrompeu para marchar ao estranxeiro cunha bolsa Erasmus. Puido esquecerse do tema, pero co confinamento do 2020, os síntomas regresaron. «Estiven teletraballando dous anos, e estar pechada na casa, sen saír, sen ter interaccións sociais, afundiume. Agora volvería ao psicólogo, pero non mo podo permitir. Cada sesión son oitenta euros, e entre o alugueiro e as facturas resúltame imposible afrontalo».

Marta, que prefire aparecer sen os seus apelidos neste artigo, reclama «que se visibilice» que a angustia e a ansiedade son trastornos comúns e frecuentes, para que ningún adolescente teña que enfrontarse a eles en soidade, como lle sucedeu a ela. E alerta de que as formas de relación e comunicación que impoñen as redes son un factor engadido de risco. «Non sei como tería eu reaccionado con dezaoito anos se estivera vendo todo o día en Instagram que, fronte á miña angustia, todo o mundo é feliz e ten acceso a todo ao que aspira. Porque en Instagram e nas outras redes todo o mundo aparenta felicidade».

Con dezaoito anos e en segundo de bacharelato, empezou a sufrir Alba. «Choraba de súpeto e tiña pensamentos feos. E non sabía como actuar porque non tiña nin idea do que me estaba pasando. Ninguén me dicía que eran a ansiedade e a angustia». Aquel episodio pasou, pero o verán pasado volveu sentirse mal. «Atribuíno aos efectos da vacina, pero pensei que cando volvese a Santiago (estuda en Ciencias da Comunicación) sentiríame mellor. Non foi así, e en setembro a miña cabeza estalou».

Os médicos diagnosticáronlle unha depresión severa e derivárona ao psicólogo, pero tardou case tres meses en acudir ao psiquiatra, privado. Ao principio, Alba non quería tomar ningunha medicación —«díxenlles que non quería converterme en drogadicta»—, pero convenceuse de que tiña que facelo cando un día sufriu seis crises de ansiedade despois de inxerir un café. Agora toma ansiolíticos —alprazolam— e antidepresivos —escitalopram—. «Desde xaneiro, cando asumín que estaba enferma, sentín certa melloría. E foi grazas a que tiña o meu psiquiata á beira e a que me colleu o teléfono un día que estiven a piques de facer unha bobada. Na sanidade pública iso non sucede», conclúe.

Inés Pesado Castrufo ten 25 anos e empezou a notar que algo non ía ben con quince. «Unha incomodidade vital que ía e viña, algo sobre o que nin sequera me paraba a reflexionar e que tampouco exterioricei porque ninguén falaba diso», conta, e que os seus últimos anos no instituto xa derivara nunha tensa relación coa súa contorna familiar e nun estado «de rabia interna constante».

Tras o instituto foise a Santiago a estudar Farmacia, unha carreira que en realidade non lle gustaba e que a facía sentir a contragusto coa persoa que cría que debía ser. No primeiro ano de carreira empezou a sufrir ataques de ansiedade, e a partir de terceiro, pensamentos intrusivos recorrentes. Pasou por varios psicólogos que a axudaron a ter certa estabilidade con terapias coas que, con todo, non notou «unha melloría tanxible». «O último ano paseino pechada no piso, sen gozar de Santiago, tiña ataques de ansiedade, cansazo físico, non podía durmir… Pero cando toquei fondo foi despois, ao volver á casa para traballar na farmacia da miña nai, xusto cando estalou a pandemia».

Inés admite que algunhas veces tivo pensamentos suicidas. «Aínda que sabía que non era eu a que o pensaba, senón a situación na que me atopaba. Pero asusteime moito». Seguiu con terapia, decidiu tomar a vida con menos presións e dedicarse máis tempo a ela mesma, ao ioga e á meditación. «O que de verdade me axudou foi alcanzar un punto no que puiden ver os meus pensamentos desde fóra», explica.

Agora está en Dublín facendo un máster en inmunoloxía e séntese mellor, aínda que recoñece que se mantén alerta contra as consecuencias do ritmo de vida demasiado esaxerado e opresivo que ás veces impoñen os estudos superiores e a vida profesional. E cre que xa superou «o sentimento constante de culpa que sentía cada vez que gozaba de algo». «Creara unha especie de adicción á dor, de pracer, ao sentirme no papel de vítima, no canto de preocuparme de loitar por saír del», conclúe.

As situacións descritas afectan a mozas que empezaron a ter problemas no tránsito da mocidade á madurez. Pero aos nenos tamén pode ocorrerlles, porque tamén existen riscos externos que lles afectan.

A psicóloga clínica María José Montoya describe esta situación desta maneira: «Hoxe os nenos e nenas están a un click de calquera cousa, hai un exceso de inmediatez na sociedade de consumo que parece ter declarado unha especie de dereito irrenunciable á satisfacción e á felicidade inmediatas. E calquera frustración desas expectativas pode acabar derivando en angustia e ansiedade. Están na corda frouxa, e non teñen onde agarrarse porque tampouco contan con principios sólidos».

Segundo Montoya, a ansiedade e a angustia son «a tarxeta de presentación dun malestar máis profundo». «Son un síntoma detrás do cal está o máis profundo de cada un. Non basta con aliviar eses síntomas, hai que parar a pensar que hai detrás, descubrir o porqué deses sentimentos e pensamentos negativos», mantén

Montoya cre que nenos, nenas, adolescentes, mozas e mozos vense sometidos hoxe a unha enorme presión, a unha velocidade vital excesiva, mesmo a competir entre eles. «Vivimos unha época na que non nos ensinan a perder, só a ser os mellores desde o berce». Por iso ela defende actuar «con calma e prestando atención ás necesidades de cada caso». «A calma tamén ten un efecto ansiolítico», insiste. Como lle sucedeu a Inés.

Entre o 2009 e o 2022, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo reduciu un 20% os orzamentos de atención primaria, desde os 1.717 millóns do 2009 —1.437 millóns dese exercicio actualizados a prezos do 2021— aos 1.389 millóns do 2022. Unha estratexia que aplicou desde o minuto un do seu primeiro mandato e que tamén tivo especial incidencia nos plans e programas de saúde mental que deseñara o Goberno bipartito do PSdeG e o BNG.

Cóntao Víctor Pedreira, doutor en Psiquiatría e ex xefe do servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), quen entre o 2005 e o 2009 ocupou a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodepencias do Executivo de Emilio Pérez Touriño.

Segundo detalla, o bipartito atopouse no 2005 con que non había «nada» na Xunta que se parecese nin de lonxe a unha estratexia de saúde mental. «Tan só algúns documentos e informes de situación e de diagnóstico que facían valoracións sobre como debería organizarse o sistema, pero que non falaban nin establecían ratios de profesionais, nin cantas unidades asistenciais e de hospitalización eran necesarias, nin, en definitiva, que recursos se precisaban nin moito menos cando se prevía implantalos».

Pouco máis dun ano despois de que socialistas e nacionalistas chegasen ao poder, o bipartito aprobou en outubro do 2006 o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011, que contaba cun orzamento de 43 millóns de euros e con investimentos desde o primeiro exercicio, mesmo antes da súa aprobación.

Aquela estratexia contemplaba dotar 155 novas prazas de profesionais —psiquiatras, psicólogos, psicoterapeutas, asistentes sociais e persoal de enfermería—; duplicar o persoal en formación —médicos internos residentes (MIR), psicólogos internos residentes (PIR) e enfermeiros internos residentes (EIR)—, e crear unha unidade ambulatoria de saúde mental infanto-xuvenil en cada unha das áreas sanitarias correspondentes ás sete grandes cidades, que serían dúas na Coruña e Vigo. Esas unidades estarían dotadas cun mínimo de dous psiquiatras, un psicólogo clínico, unha enfermeira, un traballador social e un auxiliar administrativo, pero poderían aumentar o número de especialistas se elaboraban programas sobre trastorno mental severo na adolescencia.

O proxecto contemplaba tamén centros especiais para nenos e nenas con trastornos graves, diferenciados entre os que podían albergar pacientes que contasen con soporte familiar e os que non, e ata cincuenta programas preventivos, asistenciais e de formación e investigación moitos dos cales incidían na educación nos colexios e institutos e na prevención do alcoholismo e as adiccións, actuando nos puntos de consumo xuvenil de alcol e drogas.

Segundo explica Pedreira, só entre o 2006 e o 2008 o bipartito creou 87 novas prazas de profesionais, máis do 50% das prometidas ata o 2011, e sete unidades ambulatorias de saúde mental infanto-xuvenil. Ademais, puxo en marcha na área sanitaria de Ourense un proxecto experimental de prevención do suicidio que, trece anos despois da chegada do PP á Xunta e a pesar dos seus bos resultados, non se estendeu a ningunha outra área sanitaria do país.

«Cando chegou ao poder, Feijóo anulou os orzamentos daquel ano e mandou parar. Nin sequera se molestou en derrogar o plan», conta o psiquiatra, quen lembra que pouco despois, no 2012, o Goberno Rajoy aprobou o Real Decreto-Lei de Medidas Urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde, que lexitimou os recortes e impuxo a xubilación obrigatoria do persoal sanitario aos 65 anos, á vez que establecía unha taxa de resposición de non máis do 10% dos profesionais xubilados. «O sistema quedou sen recursos», conclúe Pedreira.

Falar e escribir do sucidio é dramático, duro e desagradable, porque tendemos a pensar que un suicidio é unha morte que se podería ter evitado. Pero o que arrepía de verdade é constatar que, sabendo o anterior, o sistema teña renunciado a facer o necesario para evitar os suicidios do futuro. A pregunta igual non é por que hai nenos e nenas que queren morrer, senón por que non poñemos os medios para axudalos a que queiran vivir.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail