A Coruña.- A menos de catro meses para os comicios municipais e autonómicos, e nun ano que se presenta electoralmente convulso, o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE) foise metendo aos poucos nun xardín deses en forma de labirinto vexetal, polo que os nenos e os namorados corrican divertidos á tardiña ata que se decatan de que se lles fixo de noite, non atopan a saída e, entón, angústianse.
O PSdeG manda agora en 111 dos 315 concellos de Galicia, incluídos cinco dos sete grandes –A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo–, e en tres das catro deputacións provinciais. Son menos que os que ten o PP –147–, pero neles habita máis do 55% da poboación galega. As enquisas auguran unha sensible perda de votos en beneficio, principalmente, do BNG de Ana Pontón, que desde 2020 xa é a segunda forza no Parlamento de Galicia, tras o PP. A caída e o transvasamento de apoios, segundo as sondaxes, repetiríase nas eleccións xerais de outono –nas que a diferenza entre un goberno de PSOE e Unidas Podemos no Estado ou outro de PP e Vox podería medirse nuns poucos escanos–, e nas autonómicas previstas para 2024.
Na desafección que padece o PSOE galego inflúen o enfrontamento interno que partiu en dous o grupo parlamentario autonómico entre afectos e desafectos ao novo secretario xeral, Valentín González Formoso, e ao seu antecesor, Gonzalo Caballero. González Formoso leva no cargo algo máis dun ano e aínda non desvelou se quere ser o candidato á presidencia da Xunta, se prefire tentar repetir como alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, ou se asumirá ambos os retos á vez. Caballero si insinuou que estuda enfrontarse de novo a el nas primarias das autonómicas.
Á marxe de Pontevedra, onde o alcalde de Vigo, Abel Caballero, se permite funcionar como un verso libre, presumindo de xestión luminosa e de amplas maiorías absolutas, a militancia do PSdeG agarda entre atónica e expectante, e observa como o goteo de pequenos escándalos a nivel municipal, unidos ás renuncias de edís con importantes competencias e mesmo alcaldes nalgunhas cidades e vilas clave, poñen en risco a posibilidade de que os socialistas manteñan o seu poder provincial a partir de maio, axuden a soster o Goberno de Pedro Sánchez nas xerais e asalten o autonómico cando Alfonso Rueda convoque eleccións á Xunta.
«É unha imprudencia manter esta situación», alerta un militante socialista que non pertence a ningunha das dúas faccións, pero que advirte contra «o desencanto» que, ao seu xuízo, están a sementar nos militantes e os votantes socialistas «a desunión, a falta de liderado e a constatación de que as diferenzas empeoran e impiden que os mesmos compañeiros de partido poidan compartir proxecto» de goberno ou oposición.
«É unha imprudencia manter esta situación», alerta un militante socialista que non pertence a ningunha das dúas faccións
O pasado martes, a segunda tenente de alcalde de Ferrol, María Teresa Deus, responsable dunha macroconcellería con amplas competencias na área económica, de emprego, recursos humanos, turismo e urbanismo, deixou o seu cargo nun contexto de discrepancias co alcalde, Ángel Mato. Ao día seguinte abandonou o seu o xefe de Deportes do Concello da Coruña, seguindo a outros membros do equipo de Mónica Martínez, a exconcelleira de Ciudadanos fichada a media lexislatura pola alcaldesa, Inés Rey, e cuxo nomeamento como concelleira do equipo de goberno anularon hai pouco os tribunais.
A semana pasada, un xuíz de Vigo ordenou sentar no banco ao rexedor de Baiona, Carlos Gómez, por prevaricar e falsear documentos para quitarse a si mesmo varias multas de aparcamento. A mediados de mes, o concelleiro de Parques e Xardíns de Santiago, José Manuel Pichel, tivo que dimitir despois de que se soubese que o seu departamento alugara un inmoble a unha empresa vinculada a el e a outros altos cargos do PSOE e da UXT, próximos tamén a González Formoso, unha firma que, ademais, debe máis de 170.000 euros ao Concello compostelán. Só dous meses antes, en novembro de 2022, ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, tamén lle dimitía o seu concelleiro de Obras, Javier Fernández, quen non aceptou o cambio de funcións que o primeiro lle encomendara.
Na Coruña, o goberno de Inés Rey e da súa man dereita, José Manuel Lage Tuñas, á súa vez número dous e secretario de Organización na executiva de González Formoso, tamén foi sufrindo baixas. Primeiro foi a concelleira de Emprego e secretaria local da Coruña, Eva Martínez Acón, que apoiara a Caballero nas primarias e á que a alcaldesa despediu agriamente en novembro de 2020, coa súa contorna acusándoa de absentismo e de non gañarse o soldo.
Hai menos dun ano, o 8 de marzo de 2022, foise o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, exdeputado autonómico e exaspirante a secretario xeral, enfrontado tamén co equipo da alcaldesa e o seu tenente de alcalde. Só dous días despois, outra edila caballerista, Esther Fontán, concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, ingresou en urxencias nun hospital da cidade por un ataque de ansiedade tras unha tensa reunión na que, segundo a prensa local, Inés Rey e Lage Tuñas «reprenderon» e «agrediron verbalmente» a Martínez Acón e a ela.
O pasado outubro sóubose que un asesor de González Formoso na Deputación da Coruña pagara a varias redes sociais para difundir noticias do seu xornal local que promocionaban a Vox e ao BNG e prexudicaban a Caballero. Os partidarios deste tamén acusan o secretario de Organización de estar detrás dalgunhas decisións polémicas, como despedir persoal do grupo parlamentario e abrir expediente e pedir á dirección estatal a expulsión do deputado caballerista Martín Seco, alegando unha suposta afronta nunha intervención parlamentaria da que a maioría dos seus compañeiros non cren que poida deducirse tal extremo. Ferraz aínda non se pronunciou, pero Seco si advertiu que recorrerá á xustiza ordinaria se o expulsan ou o sancionan de calquera modo.
Suspendidas as primarias en Ourense
Os afíns a Caballero afirman que Lage Tuñas tamén está detrás da decisión de suspender as primarias socialistas para elixir candidato á alcaldía de Ourense e designar a Francisco Rodríguez, que xa foi alcalde da cidade entre 2007 e 2012, e que foi primeiro condenado a sete anos de inhabilitación e logo absolto por varias adxudicacións ilegais.
Co nomeamento a dedo de Rodríguez, que, segundo un alto cargo socialista, aínda está imputado en varias causas por prevaricación, Lage Tuñas e González Formoso desfixéronse do actual portavoz municipal, Rafael Rodríguez Villarino, quen gañara as eleccións municipais en 2019, pero que non puido gobernar polo pacto entre o actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, e o PP de Alberto Núñez Feijóo e do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
Precisamente, Baltar contratou hai dez anos sen concurso público a empresa de Lage Tuñas, Mapa Global Consulting, para que asesorara a Deputación en materia de «transparencia e bo goberno» a cambio duns honorarios de 21.500 euros máis IVE. «Dubido que [Lage] sexa tan torpe como para pactar [con Baltar], poñer un candidato sen opcións á alcaldía para evitar así que o PP perda a Deputación, aínda que, de fronte ao exterior, si pode dar esa impresión», asegura outro militante socialista coñecedor do caso. O certo é que, desde a chegada da nova dirección, o grupo parlamentario practicamente non tramita ningunha iniciativa crítica co polémico mandato de Baltar.
Luzes-Público tentou sen éxito obter unha valoración de persoas próximas a Lage Tuñas. Fontes da directiva de González Formoso negan esas acusacións contra el, pero recoñecen que o exalcalde é un candidato «con poucas posibilidades» de acabar co tándem Jácome-Baltar, e lembran que as imaxes de telexornal nas que a policía o leva esposado do seu domicilio, e as informacións que afirmaban que na súa casa se acharan documentos nos que figuraban os nomes e vínculos familiares das persoas ás que tería enchufado, «poden ser unha lastra» para as expectativas dos socialistas ourensáns nas municipais.
González Formoso: «A cidadanía galega sabe distinguir o importante do anecdótico»
Preguntado pola fuga de concelleiros, González Formoso evitou este xoves meterse en máis xardíns e quitou importancia ao asunto, destacou que non lle preocupa e asegurou que a cidadanía galega «sabe distinguir perfectamente o importante do anecdótico, [sabe] quen ten compromiso e altura de miras e quen prioriza o interese dos seus veciños e veciñas por riba das siglas partidistas». «Esa forma de pensar que se identifica coa sociedade galega, claramente ten as siglas e o nome do Partido Socialista de Galicia», engadiu.
Na rolda de prensa na que fixo esas declaracións, González Formoso tamén eludiu confirmar se finalmente vai ser candidato á presidencia da Xunta ou se se centrará en repetir como alcalde das Pontes e presidente provincial na Coruña. «Pronto se saberá», limitouse a dicir.
No transfondo desa sensación de indecisión que transmite desde hai meses o secretario xeral está a sombra doutro dos seus antecesores, o lucense José Ramón Gómez Besteiro, quen liderou o partido entre 2013 e 2016 e dimitiu tras ser imputado en varias causas por corrupción que acaban de ser arquivadas ao non acharse indicios de veracidade nas acusacións que recaían sobre el. O propio Lage Tuñas puxo nun apuro a González Formoso a finais de decembro, cando, tras coñecer a desimputación de Besteiro, insinuou que este podería ser o candidato á Xunta e comparouno con Messi. O aludido non respondeu, o que dá a entender que non está disposto a asumir ese papel.
«Besteiro sería un gran candidato, pero dar por feito que aceptaría sen acordalo antes con el é unha insensatez», sinala unha fonte próxima ao PSOE lucense, quen define a Lage como «un tipo intelixente, pero ao que as cuestións orgánicas lle veñen grandes».
«Apatía» en Lugo
En Lugo, a dirección socialista está ao mando de José Tomé, alcalde de Monforte e presidente da Deputación, quen se aliou nas primarias con González Formoso. Na súa provincia tamén existen problemas nalgunhas das vilas onde goberna o seu partido, segundo varias fontes que aluden á «apatía» da xestión da alcaldesa da capital, Lara Méndez, e dos rexedores socialistas doutras localidades, e que lembran que o mes pasado o alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou que abandonaba a política sen que exista un recambio visible con garantías de repetir a súa maioría absoluta, a máis avultada do PSOE na provincia.
Hai unha semana, Tomé sufriu un accidente no que o seu vehículo foi declarado en sinistro total. Segundo as fontes consultadas para este artigo, volvía de Chantada, outra das vilas que poden resultar clave para que o PSOE manteña a Deputación lucense, e onde, ao parecer, tamén está a custar atopar candidato e armar listas. E non é que o presidente provincial socialista se metera nese labiríntico e metafórico xardín que abriu estas liñas, pero a licenza literaria, se se permite, aínda se mantén: o seu coche, que conducía só, atravesaba un bosque e saíu da vía tras impactar cun xabaril.