Jácome adquiriu con cartos municipais ordenadores e cámaras no Corte Inglés de Vigo por 8.700 euros

O alcalde de Ourense terá que declarar ante o xuíz o 28 de decembro como investigado por una querela da Fiscalía, que o acusa de malversación de fondos públicos por desviar cerca de 100.000 euros das contas do seu partido.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, adquiriu «persoalmente» material informático e de fotografía no Corte Inglés de Vigo por valor de 8.698 euros con cargo aos fondos do Concello, sen seguir o procedemento regulamentario de licitación e adxudicación de contratos públicos e sen informar de a que departamentos ou traballadores do Concello foron destinados os equipos.

Así o denunciaron excompañeiros de Jácome en Democracia Ourensana (DO), o partido do rexedor, que os expulsou do mesmo o pasado outono despois de que o acusasen de malversar fondos da formación.

Segundo a documentación á que tivo acceso este medio, e que acompaña a este artigo, Jácome encargou en xuño do ano pasado ao Corte Inglés de Vigo dous computadores portátiles HP, dous computadores de mesa da mesma marca e un disco duro de memoria, por un valor conxunto de 4.625 euros, así como dúas cámaras fotográficas por 3.946 euros.

Así figura no albará de autorización da venda da empresa, datado o 3 de xuño do 2020, e no correo electrónico de confirmación remitido o día 1 dese mes á citada tenda desde a dirección electrónica da Alcaldía.

Nos apartado «Datos cliente», o albará recolle «Concello de Ourense; Dpto/Sección: alcaldeorense; Nome empregado: Gonzalo», e un DNI do concelleiro afín ao alcalde que recolleu en persoa a compra en Vigo.

O pasado 23 de marzo, Manuel Álvarez, un dos concelleiros expulsados de DO e hoxe no grupo municipal dos non adscritos, rexistrou unha pregunta escrita na que reclamaba ao Concello que explicase en que data abonou a factura do Corte Inglés, e en base a que expediente se realizou a compra do material «efectuada persoalmente polo alcalde».

Case ano e medio despois da operación e oito meses despois de rexistrada a pregunta de Álvarez, Jácome aínda non ofreceu explicacións.

Luzes-Público púxose en contacto con el para interesarse polo caso e para preguntarlle se era certo que efectuara a adquisición obviando o preceptivo procedemento de adxudicación, pero nin o rexedor nin o seu persoal de prensa ofreceron resposta ás preguntas deste medio. De feito, o alcalde anunciou que presentará unha denuncia «por penal» contra Público e o xornalista, e ameazou a este último con denunciarlo tamén «por acoso» se volvía dirixirse a el.

A lei de contratos do sector público, que transpuxo ao ordenamento xurídico español a lexislación europea en materia de contratación das administracións públicas, considera que deben ser considerados contratos de subministración, entre outros, «os que teñan por obxecto a adquisición e o arrendamento de equipos e sistemas de telecomunicacións ou para o tratamento da información».

No caso de que o seu valor non supere os 15.000 euros, como sucede coa compra de Jácome no Corte Inglés, considéranse contratos menores, o que non é óbice para que a súa adxudicación deba estar suxeita á aprobación previa do gasto e a un informe do órgano de contratación que conteña unha xustificación «motivada» da necesidade da operación.

Ademais, a lei obriga a que eses contratos sexan publicados polo menos con información sobre o seu obxecto, duración e importe incluíndo o IVE.

Jácome, o pasado dia 22 na estación de tren de Ourense / Foto: Concello de Ourense.

Está previsto que o vindeiro venres o pleno da corporación debata unha moción dos non adscritos que reclama ao alcalde que renuncie ao seu salario municipal –ao redor de 69.000 euros anuais– ao considerar que resulta incompatible coa súa actividade privada.

Os excompañeiros de Jácome acúsano nesa moción de apropiarse o ano pasado de 259.000 euros das subvencións da Deputación Provincial e do Concello de Ourense para o seu partido, que el extraería mediante talóns, transferencias bancarias e adiantos de facturas cargadas na conta do grupo municipal, á que só el tiña acceso como único titular autorizado, por supostos servizos prestados pola canle de televisión da que é propietario.

Nesa conta corrente tamén se ingresaron durante anos as doazóns de ata o 60% do salario de varios asesores contratados polo rexedor con cargo ao orzamento da Deputación e o Concello, aínda que polo menos outros tres colaboradores de Jácome confesaron á policía que lle entregaban as mordidas en man, en metálico e sen declarar a Facenda.

Recentemente, o grupo municipal socialista no Concello de Ourense denunciou que Jácome prepara un gasto próximo aos 40.000 euros para adquirir, con cargo ao erario municipal, outros dezaoito ordenadores portátiles, catorce teléfonos móbiles de alta gama, de entre 734 e 815 euros cada un, e catro reloxos de 370 euros cada un, destinados aos seus asesores, ademáis dunha escúter de 6.000 euros.

A Fiscalía Provincial de Ourense presentou o mes pasado unha querela contra o alcalde por un presunto delito de malversación de fondos públicos, ao considerar que existen indicios de que entre os anos 2015 e 2018 desviou preto de 100.000 euros das contas do seu partido. Jácome recurríu a admisión a trámite da querela, pero terá que declarar como investigado o próximo 28 de decembro no Xulgado de Instrución número 2 de Ourense.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail