Feijóo pónse de perfil na batalla de Casado e Ayuso

A contorna do presidente galego, que hai mes e medio considerou «normal» que a súa homóloga quixese liderar o partido en Madrid, lamenta que a dirección nacional lanzase a mensaxe de que pode haber bicefalias nas organizacións rexionais do partido

A Coruña.- Alberto Núñez Feijóo segue mantendo unha neutral equidistancia no conflito entre Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso. Pero fontes da contorna do presidente da Xunta admiten que, a pesar das escasas simpatías que esperta a presidenta madrileña no PPdeG, resulta difícil de entender que Génova estea a complicarlle tanto a posibilidade de liderar o partido nunha comunidade na que acaba de obter uns resultados electorais «abafadores».

Feijóo e Ayuso comparten poucas cousas. Non son amigos, o primeiro recela do españolismo recalcitrante do que fai gala a segunda e, sobre todo, da súa proximidade cara a Vox. Xáctase de manter á ultradereita en Galicia nunha situación residual, e aínda que iso é probablemente porque convive con ela no seu propio partido, distánciase periodicamente en público e con displicencia da formación de Abascal cando lle convén facer gala de falsa moderación.

O que si comparten os presidentes de Galicia e Madrid son éxitos electorais. Son os únicos presidentes autonómicos do PP que poden presumir de sumar nas súas respectivas comunidades máis apoios nas urnas que os cultivados conxuntamente polo seguintes tres formacións máis votadas.

Ayuso, nunha reunión do Consello de Goberno da Comunidade de Madrid / Foto: Comunidade de Madrid

Feijóo obtivo un 48% de sufraxios nas autonómicas o 2020, máis que a suma de PSOE, BNG e Unidas Podemos. Ayuso, case un 45% no 2021, máis que PSOE, Más Madrid e Vox xuntos. Fronte a eles, López Miras non chegou ao 33% en Murcia, nin Fernandez Mañueco pasou do 32% en Castela e León. Vivas Lara goberna en Ceuta co 32%, e Moreno Bonilla en Andalucía con pouco máis do 21%. Os catro son presidentes do PP nas súas respectivas comunidades -cidade autónoma no caso do ceutí-.

«O poder territorial real nun partido dáncho os votos. No PP sempre foi así e non ten sentido cuestionar o modelo e amosar agora bicefalias. Impedir que quen sacou un millón e medio de votos en Madrid [en realidade Ayuso obtivo máis de 1,6 millóns de votos] presida o partido nesa comunidade vai contra natura», indican.

No PPdeG non entenden que Casado abrise unha nova fronte interna intervindo no territorio de Ayuso nun momento en que podía recuperar certa imaxe de líder de Estado, garante de estabilidade tras o pacto co PSOE para a renovación de varios órganos constitucionais, e de unidade fronte ás disputas internas no Goberno polas diferenzas entre o PSOE e Unidas Podemos pola reforma laboral.

Pablo Casado e Teodoro García Egea, secretario xeral do PP / Foto: PP

Máis aló do «perigoso», recalcan, que poida resultar lanzar a mensaxe de que o presidente autonómico e o presidente do partido na súa comunidade poidan ser persoas distintas, no PPdeG non gustan as formas con que Génova administrou o conflito. E lembran que desde a dimisión de Cristina Cifuentes hai tres anos o PP madrileño diríxeo unha xestora, que preside o expresidente do Senado Pío García Escudero.

«Ao final é só un pulso para frear o poder de Ayuso e forzala a chegar a un acordo, que se acabará alcanzando. Pero podían aforrarse o balbordo e non deixar ao pobre de Almeida [o alcalde de Madrid, a quen Casado quere de presidente do partido na comunidade] con cara de ‘eu só pasaba por aquí’», explican.

José Luis Martínez Almeida / Foto: PP

Non é a primeira vez que Feijóo se pon de perfil cando afloran os problemas de Casado e Ayuso. Hai mes e medio, cando a presidenta madrileña empezou a presionar ao líder do PP para poñer data canto antes ao congreso de Madrid, afirmou que non vía «enfrontamento» algún entre eles e que era «normal» que quixese presidir tamén o partido na súa comunidade. «Sorprenderíame se fose ao contrario», dixo entón.

As fontes do PPdeG consultadas por Luzes-Público non descartan que Feijóo poida pronunciarse de novo sobre a disputa se lle preguntan por ela, pero dubidan de que vaia abandonar voluntariamente a súa cómoda posición de equidistancia, que non de indiferenza. E aínda que negan que o presidente da Xunta aspire aínda a asaltar Génova, o certo é que esa posibilidade non se pechou. Nin sequera despois de que renunciase no 2018 a competir pola presidencia nacional co propio Casado, con Dolores de Cospedal e con Soraya Sáenz de Santamaría.

Feijóo, Ayuso e Casado, con outros cargos do PP durante a última convención do partido / Foto: PP

Desde que se iniciou en política da man de José Manuel Romay Beccaría, cando traballaba como avogado nos servizos xurídicos da Xunta, Feijóo labrou a súa carreira esperando pacientemente para ser o home oportuno situado no momento exacto no lugar que convén. É o que sempre lle deu resultado. Case nunca abandonou esa posición, e cando cometeu erros, como a amizade co narco Marcial Dorado e os paseos conxuntos en iate, aínda era un político bisoño de apenas trinta anos sen máis poder que o que outorga unha secretaría xeral dunha consellería autonómica.

Hoxe ten territorio propio e toda unha organización rexional aos seus pés tras catro maiorías absolutas, e tamén ascendente sobre boa parte do electorado popular de todo o Estado que o ve como unha garantía de éxito. E sobre todo ten experiencia, olfacto e un equipo de expertos ao seu ao redor que saben que Feijóo é un produto político de primeira orde, cuxo futuro se amplía moito máis manténdose á marxe das disputas alleas que tomando parte nelas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail