Feijóo ignora os tribunais e segue rebentando folgas con servizos mínimos do 100%

A Xunta, que volveu ser condenada por tentar privar de repercusión as xornadas de protesta do 8M, mantén a súa táctica de privar do dereito á folga os traballadores ditando garantías abusivas nos paros con criterios inxustos e desproporcionados.

A Coruña.- En boa parte da progresía española e do seu ecosistema mediático tense instalado un mantra que ten que ver coa falsa consideración de Alberto Núñez Feijóo como un político moderado, representante desa presunta facción moderna, aberta e conciliadora que supostamente existe no conservadurismo patrio. Coma se as boas familias de esquerda mirasen o presidente da Xunta de Galicia cunha mestura de envexa e tenrura ao comparalo coa súa parentela política. «Este é o xenro de dereitas que todos e todas quereríamos ter», veñen dicir.

Pois non. Lonxe desa instrumentalizada imaxe, a realidade é que onde de verdade se sitúa Feijóo é na á máis radical desa dereita ultraliberal que non ve no público máis nada que un obstáculo ao negocio privado, e que non cre que a democracia consista noutra cousa que en utilizar con acerto os resortes do poder para instalar e manter ad aeternum, desde o clientelismo e condutas caciquís, situacións de dominio político e económico ao seu servizo.

Quizáis consista niso esa visión tan de moda da Galicia profunda, que non vén ser outra cousa que un país enterrado tan fondo no desmonte da súa sanidade, a súa educación e os seus servizos públicos que nin sequera se distingue desde a autoestima. Porque non é só iso. Galicia tamén está soterrada baixo a desconsideración e a vulneración dos dereitos civís máis elementais.

Imaxe dunha manifestación do 8M en Vigo / Foto: CIG.

Nos últimos anos, os tribunais de Xustiza fallaron en reiteradas ocasións contra esa práctica habitual que consiste en rebentar folgas e mobilizacións cidadás ao estilo dos cuñados da dereita máis linguateiras. No caso de Feijóo, establecendo sen xustificación e a golpe de decreto servizos mínimos abusivos, para así invisibilizar, desestabilizar e desinflar as lexítimas protestas cidadás. A última, a folga feminista do 8M deste mesmo ano.

O pasado 22 de outubro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou, a pedimento da Confederación Intersindical Galega (CIG), o decreto da Xunta que establecía servizos mínimos en numerosos servizos e organismos publicos e dependentes da Administración autonómica, como as residencias de anciáns e centros de menores dependentes da súa Consellería de Política Social, o persoal de coidados, de limpeza e de comedores de colexios e institutos e o da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), entre outros. Os xuíces deron por probado que a decisión da Xunta violentou o dereito fundamental de moitas mulleres a participar na folga.

Non se trataba da primeira vez que os xuíces condenaban a Xunta por tentar rebentar o 8M. Hai tres anos, a sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal galego –o máximo organo xudicial para dirimir conflitos de competencia autonómica– condenou o Goberno de Feijóo por actuar «con vontade de privar de repercusión apreciable» as reivindicacións do 8M de 2018, con servizos mínimos inflados a base de criterios «desproporcionados e inxustos».

As condicións esaxeradas que a Xunta puxo á folga feminista afectaban institucións onde o seu impacto podería ter obtido eco, como a CRTVG. Pero tamén mesmo aos servizos de persoal adscritos ao propio presidente autonómico. Feijóo non ía secundar a folga e esixiu por lei –un decreto éo– a garantía de que habería á súa disposición ese día, ademais do seu equipo político, polo menos un chofer, unha secretaria e un porteiro.

Susana Méndez, secretaria de organización da CIG / Foto: CIG.

«Nas folgas de mulleres o que fan habitualmente é establecer servizos mínimos abusivos en sectores con maior porcentaxe de emprego feminino», advirte Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG e encargada de negociar co Executivo galego as condicións da folga nos organismos dependentes da Administración autonómica. «Negociacións? Non hai tales negociacións, eles limítanse a establecer o que consideran máis daniño para a folga sen que exista posibilidade de discusion», engade.

A Constitución española recoñece á folga o status de dereito fundamental, e de feito está recollido no capítulo segundo do seu título I, dedicado ás liberdades e dereitos esenciais que as administracións públicas están obrigadas a protexer con celo, como o dereito á vida e as liberdades de pensamento, expresión e información. Pero o certo é que á Xunta pouco lle importan os fallos xudiciais que demostran que non só non protexe o dereito á folga, senón que o vulnera. Porque esas sentenzas non van acompañadas de máis castigo que o dunha condena abstracta emitida nunha confusa linguaxe xudicial, que sempre chega con atraso e cando o dereito fundamental xa foi danado. Entón, a noticia xa case nin o é.

O certo é que á Xunta pouco lle importan as decisións en contra dos tribunais, porque non obrigan a asumir responsabilidade persoal nin colectiva algunha, nin lle reportan máis dores de cabeza que algún titular solto en breves de páxina par. E, ao contrario, permítenlle seguir co mesmo sistema que vén funcionándolle tan ben: o Goberno autonómico establece servizos mínimos poucos días antes ou mesmo a véspera dunha folga, deixando apenas tempo a traballadores e servizos xurídicos dos sindicatos para armar unha defensa con garantías para recorrer a decisión. E non pasa nada se os tribunais fallan en contra, porque fano meses ou mesmo anos despois. Inspectores de farmacia, ambulancias e servizos de emerxencia, axentes forestais, persoal de empresas públicas, xornalistas da CRTVG… Nalgúns deses casos os servizos mínimos foron do 100% . É dicir, que o que fixo a Xunta na práctica foi prohibir a folga. Sen máis.

«A desvergoña é tal que en ocasións fudamentan a súa decisión cun simple ‘curta e pega’ do preámbulo do decreto de servizos mínimos da anterior, como sucedeu nas dos servizos de atención e urxencias sanitarias», explica Méndez. «Onde un ano os xustificaban dicindo que o luns, o día da folga, era o de máis traballo, ao ano seguinte repetían a mesma redacción pero cambiando o luns polo xoves, o día que correspondía ao da nova xornada de protesta».

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta / Foto: Xunta.

Nalgúns casos os servizos mínimos abusivos anulados polos tribunais establécense sobre organismos onde mesmo cabería pensar que a Administración de Feijóo se limitou a actuar de boa fe seguindo o principio, tamén constitucional, de que as folgas deben respectar «o mantemento dos servizos esenciais da comunidade». Foi o caso dos decretados o pasado 8M para o Servizo de Epidemioloxía e Enfermidades Transmisibles. Pero, están xustificados en Meteogalicia, a axencia meteorolóxica autonómica? Ou no persoal de gardas do Parque Nacional da Illas Atlánticas? Os da Axencia Tributaria de Galicia?

No organigrama autonómico, o asunto compete á Vicepresidencia Segunda da Xunta, que dirixe o exsecretario xeral do PP galego Alfonso Rueda, tamén conselleiro de Presidencia. Público dirixiuse a el para coñecer a súa opinión sobre o tema, para saber se asumiu algún tipo de responsabilidade ou realizou algunha análise do contido crítico das sentenzas e se prevé facer algo para reparar, na medida dos posible, os danos causados aos traballadores e traballadoras que viron vulnerado o seu dereito fundamental á folga. Sobre todo ás mulleres, Pero non obtivo resposta, e os feitos indican que a sistemática vai seguir sendo a mesma.

Poucos días despois da sentenza sobre o 8M de 2021, o departamento de Rueda publicou o seu decreto coas normas a seguir nos servizos esenciais pola folga de funcionarios e empregados públicos convocada para o pasado xoves en todo o Estado por varios sindicatos. E de novo prohibiuna de feito en varios sectores, impoñendo servizos mínimos do 100% do persoal. Nalgúns, coma nos servizos sanitarios, poderían parecer xustificados. Pero noutros, como os do do persoal auxiliar, de cociña e de limpeza de colexios e institutos, onde o persoal son maioritariamente mulleres, hai que ser moi cuñado de esquerdas para non pensar que están destinados, sinxelamente, a rebentar a folga.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail