Os alcaldes de municipios e cidades do PSOE e o BNG denuncian as argalladas da Xunta para discriminalos e favorecer os concellos afíns ao Partido Popular
A Coruña.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, emprendeu a súa particular batalla contra o Goberno polo que considera unha distribución «discriminatoria» dos fondos Next Generation da Unión Europea para coas comunidades gobernadas polo PP. E seguindo o argumentario ideado polo PP estatal, ameazou mesmo con levar esa repartición aos tribunais.
O certo é que en Galicia son decenas os concellos non gobernados polo Partido Popular que se queixan, precisamente, das estratexias da Xunta para estrangulalos financeiramente á vez que prima os concellos afíns. Desde obrigalos a asumir a prestación de servizos de competencia autonómica polos que a Xunta paga por baixo dos custos reais, ata negarlles convenios que si subscribe cos alcaldes populares, pasando por proporcionar a estes información privilexiada para que poidan acceder a subvencións e axudas que non chegan aos municipios con alcaldes do PSOE, do BNG e de formacións independentes.
«A Xunta recibiu do Estado 1.500 millóns de euros máis para facer fronte aos efectos da pandamia en Galicia. Na súa repartición discrecional de fondos, non destinou nin un euro a este Concello», sostén a alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, quen asegura que o seu concello tivo que «asumir en solitario gastos superiores aos trinta millóns de euros pola non asunción das súas competencias» por parte do Goberno de Feijóo. «É máis», engade Rey, «os investimentos da Xunta para a cidade no 2022 son inferiores ás do 2019».
A Coruña -245.000 habitantes- é a segunda urbe máis poboada de Galicia. Na primeira, Vigo -294.000 persoas-, o seu alcalde, o tamén socialista Abel Caballero, acusou igualmente ao presidente da Xunta de discriminar á súa cidade. Di que Feijóo «tenlle tirria política» e que «non soporta que a Vigo lle vaia ben».
Caballero, quen tamén preside a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), subliña que Feijóo «minte clamorosamente» cando acusa ao Goberno central de desatender os concellos: «Desde a FEMP conseguimos, e o Goberno de España atendeuno, superar o obxectivo de participación en fondos europeos que nós expuñamos hai un ano. Falabamos dun 14% e ímolo a superar con fartura. O noso recoñecemento ao Goberno de España», mantén o rexedor.
Só entre A Coruña e Vigo suman máis de medio millón longo de habitantes. Case tantos como todos os galegos que viven en concellos gobernados polo PP, que non ostenta ningunha das alcaldías das grandes cidades. O poder local de Feijóo sostense sobre todo nos pequenos do interior da comunidade -o municipio máis grande cun alcalde do PP é Arteixo (A Coruña), con 33.000 habitantes-.
Os concellos medianos e pequenos onde o Partido Popular non ten a alcaldía tamén se queixan desde hai anos de que a Xunta os asfixia obrigándoos a asumir competencias propias do Goberno autonómico, como os servizos de antención no fogar (SAF) para persoas maiores e dependentes , sen o respaldo financeiro suficiente.
En Moaña (Pontevedra), onde goberna Leticia Santos (BNG), o concelleiro de Facenda, Aldán Santamarina, explica que a Xunta vén de actualizar os prezos do SAF: once euros a hora para o 2021 e o 2022; 11,5 euros para o 2023 e doce para o 2024. Cantidades que non cobren nin de lonxe o que xa custa agora o servizo. «A Xunta abónanos 610.000 euros cando os custos son de máis dun millón ao ano. Un déficit de 425.000 euros anuais», explica Santamarina. En Moaña viven 20.000 persoas, e case un 25% teñen máis de 65 anos. Cada ano o Concello asume máis de 55.000 horas de atención no fogar a dependentes.
O concelleiro engade outros dous exemplos. As dúas traballadoras sociais do Concello, que exercen competencias que corresponden á Xunta, supoñen custos salariais -soldos máis cotizacións- de 103.000 euros ao ano. O Goberno de Feijóo só paga por ambos os 33.000 euros. É dicir outros 70.000 euros de déficit.
E o outro exemplo: o protocolo covid da Xunta obriga ao Concello a limpar e desinfectar os centros escolares da vila, cuxa titularidade corresponde á Xunta, durante as horas lectivas. Iso representa un custo engadido de 90.000 euros por curso, que Moaña asume sen que o Goberno de Feijóo poña nin un só euro.
Só esas tres partidas, SAF, traballadoras sociais e desinfección de centros escolares, representan máis de medio millón de euros de déficit polos servizos de competencia autonómica prestados polo seu Concello, que ten un orzamento anual de once millóns. «É un escándalo», cualifica Odilo Barreiro, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente de Moaña.
É certo que a racanería no financiamento de servizos como os SAF afecta a todos os municipios, incluídos os gobernados polo PP, que se ven obrigados a detraer partidas dos seus investimentos para palialo. Pero Barreiro explica que a Xunta compensa aos concellos do PP con convenios bilaterais que non subscribe cos doutras cores políticas, e que mesmo son impropios do departamento que os subscribe. «Alguén pode explicar que a Consellería de Medio Ambiente financie con dous millóns de euros a construción dun auditorio en Marín?», pregúntase Barreiro.
Marín, a quince quilómetros de Moaña, ten 25.000 habitantes, e está gobernada por María Ramallo, ex deputada polo PP no Congreso e no Parlamento autonómico. A obra do auditorio custa catro millóns, e ademais dos dous millons que achegará a Consellería de Medio Ambiente, outros dous virán, precisamente, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional grazas á mediación do Goberno de Feijóo.
Mentres en Marín a Consellería de Medio Ambiente levanta un auditorio, 250 quilómetros ao norte a Xunta nega obras como unha depuradora de augas residuais ao Concello de Barreiros, unha localidade de 3.000 habitantes na Mariña Oriental lucense cuxa alcaldesa, Ana Ermida, do BNG, tamén asegura sufrir a discriminación do Executivo autonómico.
O Concello leva años reclamando unha depuradora, co proxecto xa redactado e cuxos custos representan uns 3,5 millóns de euros. «A Xunta pretende pagar só un terzo, que a Deputación asuma outro e que nós nos fagamos cargo do terzo restante, o que resulta literalmente imposible porque temos un orzamento de catro millóns de euros», relata Ermida, quen coincide en que a Xunta, en cambio, si asina convenios de colaboración con outros concellos do PP para asumir a construción de depuradoras, potabilizadoras e sistemas de saneamento.
Barreiros, con algunhas das praias máis fermosas do norte de Lugo, necesita unha depuradora porque no verán duplica a súa poboación, algo que tamén lle sucede a Pontedeume, na Coruña, que de menos de 8.000 habitantes no inverno pasa a albergar a preto de 20.000 nos meses de vacacións.
O seu alcalde, Bernardo Fernández, recentemente nomeado ademais secretario provincial do PSOE da Coruña, comparte as denuncias dos seus colegas sobre as competencias impropias sen respaldo financeiro suficiente que lles fai asumir a Xunta, como a limpeza e desinfección anti- covid dos colexios de titularidade autonómica, os salarios dos conserxes dos centros escolares e servizos como a axuda a domicilio a persoas dependentes.
E engade un elemento máis. Desde hai anos, o Goberno de Feijóo adoita promover axudas varias aos concellos polo sistema de concorrencia non competitiva. É dicir, que as axudas se conceden por orde de chegada ata que a partida orzamentada, sempre limitada, se esgotae. E quen leva sempre os cartos son os concellos do PP.
«Os prazos para pedilas ábrense ás doce da noite dun sábado, e antes do luns xa están esgotadas, porque os concellos do PP, que xa coñecen de antemán as condicións e a documentación que deben presentar, solicítanas ao instante e lévanas. O resto, quedamos sen elas. É evidente que teñen información privilexiada», sostén o rexedor de Pontedeume.
A alcaldesa de Barreiros e os dous concelleiros de Moaña citados neste artigo coinciden con el en que esa táctica da Xunta de conceder esas axudas por orde de chegada, sen criterios obxectivos de ningún tipo e sen ter en conta a calidade dos proxectos presentados, nin as necesidades da poboación nin a capacidade financeira de cada concello, compoñen un sistema inxusto de repartición das subvencións públicas que favorece só aos concellos do PP e prexudica ao resto.
En Galicia hai 315 municipios. O PP goberna en 146, a maioría pequenos e medianos que suman menos de 600.000 persoas, e non ten alcalde en ningunha gran cidade -A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo están en mans do PSOE, Pontevedra nas do BNG e Ourense nas da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome-. É dicir, que case o 78% da poboación de Galicia vive en concellos gobernados por outros partidos, que non cren a Feijóo cando enarbora o argumento da suposta discriminación do Goberno na repartición de fondos europeos.
«Está ben que Feijóo fale de financiamento en Madrid, pero a Galicia hai que defendela defendendo aos galegos, é dicir dándolles o financiamento que merecen os seus concellos con independencia de que vivan en municipios dunha cor política distinta ao do PP», resume Bernardo Fernández.