España segue entre as grandes economías europeas con menor presión fiscal

Impostos, taxas e cotizacións sociais representan segundo Eurostat un 39% do produto interior bruto, é dicir 2,7 puntos menos que a media da UE e a distancia de Francia (47,5%), de Italia (43,6%) e Alemaña (42%).

A Coruña.- En pleno debate en Europa sobre a conveniencia de subir ou baixar impostos para financiar as medidas contra as crises da enerxía e a inflación derivadas da guerra de Ucraína, Eurostat acaba de confirmar que España segue entre os grandes países da UE con menores índices de presión fiscal.

Segundo os datos publicados a principios desta semana pola oficina estatística da Comisión Europea, os ingresos do Estado por taxas, impostos e cotizacións sociais representaron o ano pasado o 39% do produto interior bruto (PIB).

Esa cifra está 2,7 puntos por baixo da media da Unión (41,7%) e 3,2 puntos por baixo da media da Eurozona (42,2%). España, a cuarta gran economía da UE tras o Brexit, é o duodécimo socio comunitario con menor presión fiscal, a gran distancia de Francia (47,5%), de Italia (43,6%) e Alemaña (42%), países que durante o exercicio ao que se refiren as cifras de Eurostat estaban dirixidos por gobernos de tendencia liberal e/o conservadora.

España tamén está a moita distancia nese parámetro doutras economías europeas con maiores niveis de renda por habitante e elevados estándares de protección social, como Dinamarca -o socio coa presión fiscal máis alta (48,8%)-, Bélxica, Suecia, Austria, Finlandia, Países Baixos e Luxemburgo.

Por detrás de España, por esta orde, figuran Portugal, Croacia, Polonia, Hungría, República Checa, Eslovaquia, Chipre, Estonia, Letonia, Lituania, Bulgaria, Malta, Romanía e Irlanda. De entre os países da UE con menor renda por habitante que España, só Grecia, co 41,3%, ten unha maior taxa de presión fiscal.

A vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, en Bruxelas.

Os ingresos fiscais dos estados da Unión, que representan o 90% do seu financiamento, aumentaron en 520.000 millóns de euros entre 2020 e 2021. Un incremento que Eurostat atribúe á recuperación económica tras a crise sanitaria e a que «as medidas activas de redución de impostos introducidas en 2020 para mitigar a recesión económica causada pola pandemia de covid revertéronse parcialmente en 2021».

«Case todos os Estados membros introduciron medidas para o aprazamento dos pagos de impostos e cotizacións sociais en 2020. Iso significa que os impostos se devengaron como ingresos en 2020, pero só se pagarán nos períodos seguintes, o que dará lugar a un aumento das débedas por cobrar das administracións públicas», engade Eurostat.

No caso de España, a presión fiscal elevouse 1,3 puntos en 2021 con respecto a 2020. É dicir a quinta maior subida da UE, que pode ser atribuída en parte a que, a pesar da redución do PIB provocada polo confinamento e a paralización da economía en 2020, o Estado seguiu pagando as cotizacións sociais das traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego.

Desde 2018, cando se formou o goberno de coalición entre PSOE e Unidas Podemos, a brecha fiscal de España coa Unión Europea reduciuse en 3,6 puntos.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail