O western de Javier Nogueira

Custaría non catalogalo como un indíxena máis. Roupa de traballo ancha, look descoidado, gorra, porro de marihuana e un aire de poucas preocupacións, por moito que estas sexan abundantes. Anda, como el di, á súa bóla. Serán como as nove ou dez da noite dun martes de marzo, pero a temperatura é propia dunha velada de verán nestas latitudes. É por iso que aínda está fóra, xunto á fogueira. Últimas caladas, últimos tragos a unha cervexa IPA das que se estilan por aquí. O lume queda prendido; o fantasma dos incendios non chega a esta parte do norte de California.

A autocaravana de Javier Nogueira, a carón dos cimentos da casa que está a construír.

Canso, bota unha última ollada aos planos da súa próxima casa, esa que xa ten os cimentos aló a un metro del. Queda moito traballo por diante para converter unha base de cemento nunca casa de dúas plantas, pero o seu futuro ten base. Arquitectónica, polo menos. Pecha os planos, despídese doutro día máis e marcha durmir á autocaravana. Esa que, aparcada fronte aos cimentos e do lado das súas dúas pickups, leva facendo de fogar nos últimos tempos.

É unha escena totalmente normal en Arcata, vila duns 18.000 habitantes no Condado de Humboldt, unhas cinco horas en coche ao norte de San Francisco, California. Unha zona de realidades remotas entre o Océano Pacífico e as montañas das Cascadas, onde o Far West se mesturou co hippie. E se non fose porque o protagonista, Javier Nogueira, naceu fai 45 anos a máis de 8.000 quilómetros de aquí, na moi coruñesa Praza de Vigo, a historia tería pouco de excepcional.

Os trens

Antes de facer as Américas, Javier foi outro rapaz máis na desenfreada Coruña dos anos 90. Naquela época, as súas afeccións eran poucas, segundo conta, máis aló de saír polas noites e pasalo ben cos colegas. Era máis proclive a probar as diferentes experiencias que ofrecía a noite que a explorar o mundo laboral, polo que os prospectos vitais de Javier eran mellorables. Polo menos, así era á vista dos seus pais.

Xa que podían permitilo, confiaron no recurso de enviar o seu fillo a acabar a educación secundaria lonxe da Coruña, a onde os trens para deixarse ir non pasasen tan habitualmente. A parada máis afastada que atoparon foi o estado norteamericano de Illinois, xunto a uns curmáns que, cousas de galegos, tiñan por aquel estado do Midwest.

Sentoulle ben o novo destino a Javier que, malia compartir internado con «elementos» chegados doutras partes de España —deses que subían ao avión todos os malos costumes que fixeran que os seus pais os puxesen nel—, foi atopando algo así coma unha vocación. Interesouse pola bioloxía e marchou cara a San Diego, a un community college. E cando no sur de California confirmou que o seu ía ter que ver coa natureza, puxo rumbo a unha universidade remota no norte de California: a Universidade de Humboldt, en Arcata.

Coa súa voz pausada, tranquila, Javier conta que o namoramento ca súa nova casa foi instantáneo: «Recordábame moito a Galicia, tío; era un lugar pequeno, o clima e a paisaxe son moi similares, e a xente era moi amable, fixen amigos dende o primeiro momento». Corría o ano 1995 e, daquela, o norte de California xa mesturara no seu cóctel case todos os ingredientes que a converteron no lugar que é hoxe.

O Oeste

A mediados do século XIX, poderíase dicir que o Far West norteamericano comezaba na liña que forman as fronteiras occidentais de Minnesota, Iowa, Missouri, Arkansas e Luisiana e chegaba ata o Océano Pacífico. Era unha terra salvaxe para o mundo occidental, habitada polos seus verdadeiros nativos e onde existía todo o espazo que comezaba a escasear nos vellos estados do leste. O superávit de espazo era tentador per se, mais cando chegou a febre do ouro de 1849, a cousa acabou por rebentar.

Arcata, no extremo norte de California, fundouse en 1850 coma o primeiro asentamento americano na Baía de Humboldt. E malia que naceu coa idea de servir de base para os mineiros que chegaran a esta zona, o pobo acabou tomado por unha nova industria igual de caníbal que a do ouro: a madeireira. As xigantescas sequoias, redwoods e pinos que poboan a rexión convertéronse nunha verdadeira mina a ceo aberto, lista para ser explotada sen contemplacións.

Ao fin, iso era a cultura pioneira do oeste norteamericano: a expansión sen límites, a aniquilación sen miramentos dos recursos naturais e humanos daquel novo mundo. O capitalismo salvaxe foi o que tomou o Far West e no caso do Condado de Humboldt, esta onda invasora —individualista, fronteiriza e cun forte sentimento antiestatal— fíxoo ca forma de cultura de leñadores. Unha que, ao contrario que as poboacións nativas, simplemente vía naquel mundo de árbores xigantes moita leña que cortar. E así foi, de feito, durante décadas.

Mais aconteceu que un século despois, só uns 500 quilómetros ao sur de Arcata, a influencia dos beatniks, a Universidade de Berkeley e o movemento hippie do Haight-Ashbury de 1967 deixaran a San Francisco como o centro da contracultura norteamericana. Precisamente, a amalgama de pensamentos que reaccionara fronte a moitas das convencións sobre as que se crearan e expandiran os Estados Unidos cara o oeste.

Cando algúns dos hippies que non morreron física, social ou psicoloxicamente no intento acabaron por fartarse de San Francisco e das cidades en xeral, buscaron novos lugares onde asentarse. Moitos escaparon cara á natureza, onde poder crear as súas propias comunas e granxas. E alá que foron a expandirse polas inhóspitas extensións de California, onde o oeste aínda non foi conquistado de todo. Repartíronse pola costa pacífica, polas montañas do Big Sur, ou por condados do norte de California coma Mendocino, Marin e, por suposto, Humboldt. Moitos, claro, chegaron ata Arcata.

Unha rúa de Arcata.

Esta consecución de feitos fixo que a mediados dos anos 90, cando Javier Nogueira puxo un pé na Universidade de Humboldt, esa mestura única do norte de California xa levara anos con pouso en Arcata. Granxeiros con canuto e rastas, as cafeterías hípster atendidas por un tipo con aspecto de leñador e, por riba de todo, o Concello de Arcata: o primeiro dos Estados Unidos no que o Partido Verde conseguiu unha maioría.

A carreira

Dobre graduado en bioloxía e en xestión de fauna e cun grao menor en botánica, Javier ficou en Arcata. Non podía ter escollido mellor sitio e, pese a isto, fíxoo máis por falta de decisión que por ela. Tal e como acontecen moitas veces os eventos cruciais da vida: sen esperalo, sen moita planificación. Simplemente pasan. E aí que segue el, vinte anos despois.

Ao permanecer na vila californiana, a súa traxectoria profesional estivo marcada pola unión das dúas realidades que conforman o mundo do norte de California: a herdanza daquel expansionismo caníbal mesturado co hippie. Ou, neste caso, pola mestura dunha industria madeireira que ofrece traballos a esgalla así coma polas regulacións dun dos concellos e estados máis progresistas de Estados Unidos, que fan especial fincapé en recuperar os bosques nativos que as madeireiras aniquilaron.

Así, o coruñés comezou recoñecendo árbores autóctonas ou identificando mouchos polos montes do condado para as empresas do sector da madeira, ao que estaban obrigadas polas regulamentacións. Logo, cos anos, pasou a traballar directamente para o concello da vila, planeando e coidando os bosques da cidade, así como sendo parte activa nalgúns dos proxectos máis avanzados do país no seu momento, coma a recuperación da marisma de Arcata.

Finalmente, esta evolución profesional levouno ao que el considera a súa obra definitiva: a recuperación e a creación de sendeiros do Arcata Community Forest. Unha extensión de máis de 300.000 hectáreas, propiedade do concello, na que se intenta recuperar os bosques endémicos e primitivos de sequoias, redwoods e piñeiros, previos ao impacto da industria madeireira.

Hoxe, ao pasear por estes camiños que foron a culminación da súa obra en Arcata, Javier conta a historia detrás de case cada metro. Pouco acostumado a falar tanto, chega a pedir perdón despois de narrar o coidado que levaron a cabo con cada árbore, os cálculos que se tiveron que facer para darlle certo peralte a unha curva e que fose harmónica co terreo, a súa loita coa propagación de certo fieito que non é endémico.

Logo, tamén, vai recordando diferentes anécdotas desta zona que, como non podía ser doutra forma nun lugar de pioneiros e hippies, ten moitas: unha cabana dun escritor eremita que atoparon no bosque e que nunca souberon a quen pertencía; a vez que tiveron que desaloxar a un grupo de mozos que estableceran o seu campamento ácrata no medio do bosque; os problemas con movementos ecoloxistas pola corta de árbores —aínda que estas fosen para protexer o crecemento do bosque—.

Entre estas árbores xigantes e camiños e pontes de madeira, está o traballo dunha vida. Ese que lle permite, coma el mesmo di, «ser un tipo respectado en Arcata». Ese que fai que, camiñar por eles, sexa para Javier coma abrir un álbum de fotografías.

A súa película

Hai uns anos, Javier decidiu dar varios pasos máis na súa vinculación con Arcata. Por un lado, gañou unha das prazas fixas para traballar no mantemento do concello, principalmente coma carpinteiro. Por outro, e mediante a inversión dunha das súas tías, propietaria dun negocio inmobiliario en España, mercou unha terra en Arcata co proxecto de construír unha casa. Os cimentos son eses que hoxe están colocados diante da súa autocaravana. Unha casa que el está construíndo, case que por si mesmo.

Pola súa finca, chea de árbores endémicas do norte de California, pasea Javier Nogueira igual que o fai polo Community Forest de Arcata. Orgulloso dos carreiros que está a crear, da recuperación que está levando a cabo no seu terreo das árbores que nunca deberan marchar desta terra. Tamén, recordando anécdotas propias deste lugar no mundo, como a dos ponteareáns que chegan cada setembro para acampar na súa finca. O motivo? A temporada de trimmeo de finais do verán, na que moitas das granxas de marihuana do norte de California buscan a traballadores temporais para pelar os cogollos do cannabis. Unha nova industria, case máis caníbal que a da madeira, que tamén é produto directo desa herdanza híbrida entre o capitalismo salvaxe e a contracultura.

Imaxe dun trimmer en Humboldt County.

Case que sen querelo, Javier acabou por verse no centro da historia dun dos pobos que mellor explica a particular cultura do norte de California. Mais agora, solteiro aos seus 46 anos; coa súa fillastra nesta terra e cunha familia na Coruña; sen ter moi claro a onde pertence o seu sentimento de pertenza; atópase nun lugar que nin el mesmo sabe moi ben onde queda. Quizais volva algún día á súa terra. Quizais non.

Javier no soportal da casa.

A súa vida é coma un western moderno: sen parella, vive sobre rodas e vai á súa bola, deixa a fogueira prendida polas noites e, antes de ir durmir, consulta os planos da súa futura casa porque, probablemente, é o único lugar onde se lle di claramente cara a onde se dirixen as cousas. Neste western non se asaltan trens, nin se pegan tiros, nin nada polo estilo. É un novo formato máis humilde, e sobre todo máis pacífico. Mantense, iso si, o concepto básico: a historia dun protagonista solitario que narra a vida dunha parte do oeste norteamericano. O de 2020, neste caso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail