Boliñas veñen e van

Unha parte da historia de Galicia non se entende sen facer referencia aos naufraxios e desastres que veñen do mar. Pero tamén Galicia é a que é grazas ao seu mar e a toda a riqueza cultural, económica e paisaxística que vén del. E nesas idas e vindas das ondas, de novo a contaminación nas nosas costas, esta vez provocada pola marea de pellets. A casualidade quixo que estivésemos en tempo de eleccións. Algúns se preguntan se a crise fose tal se non coincidise en tempo electoral, outros pensan que precisamente por estar en época de eleccións, a resposta do Goberno galego estivo condicionada por esa circunstancia.

Sexa como sexa, e máis aló das consecuencias ambientais para a costa e a pesca, a crise dos pellets volveu a mostrar un grao notable de improvisación, incompetencia e dilación na toma de decisións por parte do goberno galego. É nese sentido onde atopamos un déjà vu en relación con outras crises anteriores, como a do Prestige. A tardanza en recoñecer os feitos, a ausencia de coordinación con outras administracións, ou a falta de dilixencia e transparencia na resposta, foron elementos que volveron repetirse por parte do goberno autonómico, e que son contrarios ao manual da boa xestión en calquera crise.

Sorprende igualmente que, nun territorio como Galicia, a comunidade autónoma non conte cun plan de continxencia para este tipo de sinistros. No canto dun plan, atopámonos cunha política de comunicación á defensiva, atacando a quen denunciaba a crise, e botando balóns fóra.

É hora de que a administración que ten as competencias as exerza. Tamén, que dea unha resposta clara, seria e convincente aos galegos e galegas do que vai facer, como vai facelo, e que se pode esperar como resultado da súa actuación. O goberno autonómico non fixo nada diso e creo que iso resume a esencia da crise dos pellets, engano, dilación, ausencia de colaboración e medias verdades.

Alguén podería pensar que os galegos somos xente tranquila, que fuxe dos extremos e que en xeral lles gusta a temperanza e o acougo fronte á crispación. Pode ser. Outra cousa é gobernar Galicia sen unha estratexia de prevención ante os desastres, sen unha verdadeira rendición de contas da acción de goberno, e cunha resposta retardada e á defensiva ante a opinión pública.

A crise dos pellets pon de manifesto una certa sensación de fin de ciclo. Quero pensar que Galicia pode mirar cara ao seu futuro con máis ambición, con máis ganas de cambio, e con políticas que a leven á seguinte onda de modernización. Galicia merece máis. Desta volta caeron boliñas na area, agora é tempo de pensar no futuro, para que como dicía Peret, o que non caia sexan bágoas, e aínda menos, bágoas negras.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail