A convocatoria de eleccións en Nadal, máis ou menos, funcionoulles. Na oposición son días movidos, uns polas coalicións e outros por comandar o segundo tripartito. Uns reivindicando traballo feito e outros voto útil e ortodoxia sen máis proxecto. O relato opositor disolvíase entre o son de ruxerruxe das internas, polvoróns, panxoliñas e copas de fin de ano. No PP gañaban tempo. A resolución sería entre mecos, peliqueiros e felos –veremos unha cobertura en medios deste noso entroido como nunca antes–. Todo controlado. Rueda cumpría, entre cañas, coa penitencia de ir facer o ridículo necesario a un programa nesa canle de radiotelevisión tan deteriorada que algúns xa nos preguntamos se aquilo ten solución sen refundala. Viralizaban un anuncio que ía, sospeitosamente, na mesma liña artística, temática e argumental que a grella da secuestrada tele pública, mesmo con orquestras que saen alí máis do que é decente, e tirando de Ayusismo de Hacendado. Os novos aparatchis populares, logo de solucionar o affaire Baltar, fixeran os deberes: convocar no momento propicio para que o noso particular PRI seguira no goberno ad aeternum. Mais do mesmo xeito que aquel novembro de 2002 alguén subestimou uns “hilillos de plastilina”, vinte e un anos e un mes despois, como se fora unha condena, alguén menosprezou o valor dunhas boliñas de plástico e o de dicir a verdade. Unha vez máis! Quen contaba co Toconao, o Prestige millenial!
O mar trouxo para a costa unha marea branca de pellets de plástico e volveron a axitarse as pantasmas do desastre. Manual de crise: ocultación. Mentiras. Minimización. Cruce de acusacións. Máis mentiras. Repartir culpas. Aínda máis mentiras. Activar a plataforma mediática. Moitas máis mentiras. Supoño que no remate deste arco da vella tamén haberá un caldeiro de cartos para regar a costa.
Non é sorprendente a indisimulada unanimidade na opinión pública maioritaria galega sobre a non toxicidade e a interpretación das normativas sobre as competencias da limpeza. Científicas a soldo da radio pública, o Alcazar de Sabón coa rotativa a todo filispín, a televisión pública galega montando un teatro de dez minutos nunha praia para facer unha peza sobre a solvencia da xestión da Xunta. Toda a maquinaria da mentira co turbo posto! Non sorprende, sobre todo, porque coincide co argumentario da Xunta. Quen contaba!
Para isto serve ter secuestrados os medios públicos, para controlar o relato, para poder manipular a quen ten ese medio como principal fonte de información e entretemento, que é moita xente no país. Para impedir que quen nos informa exerza o seu traballo con dignidade e para poder dobrar a curva da opinión pública desfavorábel a través de expertos e opinadores a soldo e regar de cartos a medios privados a través das produtoras, das participacións e en debates, Bordieu dixit, falsamente verdadeiros ou verdadeiramente falsos.
O problema é que a mentira ten as patas curtas e a realidade é teimosa. Nas praias non hai alfombras para agochar a merda!
Pode que estes plásticos non sexan velenosos, mais a palabra tóxico non só se refire á pezoña, xa que logo, tamén define o que é nocivo ou pernicioso. É de primeiro de polisemia. Son tóxicos para o medio ambiente, porén tamén para nós. Punto.
Só agardo dúas cousas. Que, como daquela, perdan estas eleccións e que, seguindo o exemplo de Don Manuel en Palomares, para demostrar a non toxicidade, Rueda e os seus golfos apandadores mediáticos dean exemplo e fagan unha paparota-degustación, desas que tanto lle prestan, retransmitida en prime time pola telerober, pellets con mel da Ulla, queixo de Arzúa e pan de Cea. As cañas, sen alcol, ponas Alfonso. Que lles aproveite!