As acusacións pola inacción de Rueda diante da marea de pellets toman a campaña das eleccións

A Coruña.- As praias da costa galega volveron encher este domingo de voluntarios que acudiron espontaneamente ás zonas contaminadas pola marea de pellets ou nurdles vertidos polo buque Tocano a mediados do mes pasado, para limpar os areais coas súas propias mans ou armados con utensilios domésticos.

Entre acusacións de inacción e desidia cara á Xunta de Alfonso Rueda cando quedan seis semanas para as eleccións autonómicas, a oposición ao PP empeza a comparar o episodio coa catástrofe provocada hai 22 anos polo petroleiro Prestige, tanto polas consecuencias ambientais da vertedura como polas súas derivadas políticas pola errática xestión que do sinistro fixeron das autoridades.

O pasado día 8, o mercante Tocano, abanderado en Liberia, perdeu varios contedores mentres navegaba fronte á costa norte de Portugal. Polo menos un deles estaba cargado de bolsas con miles de millóns de pellets da empresa polaca Bedeko Europe, dedicada á fabricación dese tipo de materiais.

Unha nena sostén na mán ‘pellets’ recollidos na praia de Mera (A Coruña) / J. O.

As boliñas brancas, do tamaño dun gran de arroz, empezaron a chegar cinco días despois á ría de Muros e Noia. A Xunta tivo constancia do incidente ese mesmo día grazas ás chamadas cidadás ao teléfono de emerxencias 112, que xestiona a Administración autonómica.

Pero non foi ata o pasado venres, case un mes despois, cando decidiu activar un plan de continxencias para determinar a toxicidade dos pellets e mapear os puntos da costa onde estaban a chegar.

Para entón, a marea de plásticos, que o domingo alcanzou ao litoral de Cantabria, xa se estendeu cara ao sur ata ás rías baixas galegas e cara ao norte ata as praias da baía da Coruña e da Mariña, en Lugo.

Sen axuda do Goberno autonómico, asociacións ecoloxistas e de mariñeiros e mariscadores xa puxeran en marcha os seus propios plans de limpeza con voluntarios, como ocorreu co chapapote do Prestige, e anunciado unha querela por un delito ambiental contra a empresa armadora do barco.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, acusou ao presidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, de «ocultar información» sobre a vertedura e de non actuar contra o que cualificou de «traxedia ambiental».

A pé de praia en Muros, onde acudiu a comprobar os efectos da vertedura, Pontón anunciou o sábado que reclamaría este luns a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para esixir explicacións a Rueda.

A portavoz nacional do BNG e candidata á Xunta, Ana Pontón o pasado sábado en Muros (A Coruña) con varios voluntarios / Foto: BNG

O candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén acusou á Xunta de actuar «tarde, mal e arrastro«», e advertiu das consecuencias de retardar a resposta á vertedura. «Parece que non lembran o pasado, Rueda está a tirar do manual do Prestige», dixo Besteiro.

A candidata de Sumar Galicia, Marta Lois, asegurou pola súa banda que as siglas PP lle lembran ao «partido dos plásticos», mentres a de Podemos, Isabel Faraldo, reclamou a dimisión do conselleiro de Mar en funcións, Alfonso Villares.

De momento, Alfonso Rueda non se referiu á vertedura, aínda que si o fixo Villares, para culpar ao Goberno central de non advertir á Xunta da gravidade do accidente ata o pasado 3 de xaneiro.

O candidato socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no centro, nunha praia da costa lucense o pasado sábado / Foto: PSdeG

A Delegacion do Goberno en Galicia desmentiu esa versión, e a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, asegurou o domingo que telefonara a Rueda para ofrecerlle «a colaboración e axuda que considere necesaria».

O Goberno ten trasladado nun comunicado que está á espera de que a Xunta “exerza a súa competencia” e declare o nivel 2 de emerxencia -mantén o 1, o mínimo, polo momento- co fin de poder brindarlle “apoio efectivo” na recollida dos plásticos e a limpeza das praias.

Ademais das críticas pola inacción da Xunta, o colectivo Defende a Galega, formado por traballadores da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) que levan cinco anos mobilizándose contra o uso partidista dos medios públicos de comunicación en favor do PP, alertou de que o tratamento informativo da vertedura pretende ocultar tanto o seu impacto como a discutida resposta da Xunta.

«O Telexornal Serán relega a cobertura do problema ambiental que están a provocar os pellets de plástico no litoral galego ao minuto 31 dun informativo que dura 35 !! para nin sequera darlle voz ao sector pesqueiro, o Goberno ou as entidades ecoloxistas», posteou Defende a Galega na súa conta de X.

As acusacións cara a Rueda incrementáronse o mesmo día en que se publicaba o primeiro gran sondaxe electoral sobre as autonómicas galegas, que augura un incremento dos apoios da esquerda e o nacionalismo e un descenso do PP que pon en risco a súa maioría absoluta.

Segundo a enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, o PP perdería tres escanos e quedaría con 39, un escano por encima da maioría absoluta de 38; o BNG e o PSdeG subirían un cada un, ata 20 e 15, respectivamente, e Sumar Galicia lograría entrar no Parlamento galego con outro escano. Podemos e Democracia Ourensana quedarían fóra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail