O paradoxo dos éxitos nacionalistas

Segunda parada do Galeusca electoral. Quenda para Euskadi e novo triunfo para o bipartidismo nacionalista. Dous de cada tres votos vascos son nacionalistas. Récord paradoxal nun país que non ten a independencia na axenda. E xa van catro eleccións consecutivas desde 2012 nas que PNV e Bildu medran e estruturan o sistema de partidos vasco como un bipartidismo nacionalista.

Para dar cuns resultados así habería que remontar á Transición; e nen por esas. Entre 1980 e 1990 os nacionalistas movéronse nunhas porcentaxes entre o 70 e o 66%. Logo viviron un período de adversidade coa consolidación do réxime no que a esquerda abertzale chegou a estar ilegalizada. Baixaron daquela do 55% de 1994 ao 46% de 2009. Desde 2012, porén, o bipartidismo de PNV e Bildu medrou ata bater este domingo todos os récords (67,72%).

Estes resultados reflicten todo un paradoxo do noso tempo histórico. As aspiracións ideolóxicas ao Estado-nación contrastan coa maior potencia de autogoberno que se pode conquistar fora do «axioma herderiano» (unha nación, un Estado). O caso vasco é un exemplo claro. O soberanismo moderno –baseado no «poder de morte que instancia o dominio da vida» (vitae necisque potestas)– foi levado por ETA ata as súas últimas consecuencias. Fracasou.

Agora, as estratexias de BNG e Bildu reflicten –intencionais ou non– unha máis atinada comprensión do mundo contemporáneo. Confirman o pulo ascendente dun paradoxal nacionalismo de esquerdas: gañar pasa por adiar sine die a realización do axioma herderiano. O incentivo non é menor: nunca antes se concentrara tanto poder en maos nacionalistas.

Atrás quedan os tempos nos que PSOE ou PP ocupaban a segunda pata nun sistema de triplo bipartidismo combinado (en Euskadi, PNV/PSE ou PP; en Catalunya, CiU/PSC; e para o resto PSOE/PP). O pasado domingo confirmouse a emerxencia dun bipartidismo distinto ao do 78. Maior poder de decisión para a cidadanía vasca; moi en especial se temos en conta que Sánchez precisa dos seus votos en Madrid.

En Euskadi, como na Galiza, os socialistas non pasaron de terceira forza. En Catalunya, porén, é onde o paradoxo nacionalista vaise facer máis evidente. Logo do Procés, o independentismo chega ás eleccións sen folgos e cunha disputa interna que beneficia a PSC e Junts na estratexia de restauración dos socialistas.

Tal é, de feito, a principal función que ten a lei de amnistía: restituír o vello bipartidismo que un día estragou Artur Mas ao pactar con Oriol Junqueras o irrealizábel obxectivo dunha independencia sen fundamento na constitución material. O paradoxo evidénciase co método comparado: onde nacionalismos de esquerda galego e vasco progresan priorizando o marco social por riba do nacional, o catalán segue a perder peso ao insistir nunha independencia imposíbel.

Como opera este paradoxo ideolóxico? A explicación non vén dos nacionalismos de esquerda, que atinan na súa estratexia, senón da ausencia dun proxecto propositivo en clave federal que lles faga competencia. Sendo como son os nacionalismos sen Estado formidábeis maquinarias de produción e mobilización da identidade colectiva, o acerto de non priorizar a independencia e adiar calquera solución institucional a un futuro inalcanzábel evita o risco de quedar en evidencia (xusto o caso oposto de Aragonès insistindo día si e día tamén nun referendo pactado inviábel).

No entanto, namentres ningunha forza estruture un proxecto federal asimétrico, os nacionalismos que non prioricen as respostas institucionais á cuestión nacional poderán sacar o máximo rendemento ao bloque da investidura que gaño o 23X. Así o demostran os votos galegos e vascos. Aprenderán as formacións nacidas do 15M a ter un discurso federal asimétrico ou insistirán na posición dun confederalismo impostado? Deixar aos nacionalismos de esquerdas sen a obriga de precisar respostas institucionais concretas e viábeis non semella que estea a dar bos resultados electorais.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail