Cooficialidade lacónica

Levamos enriba catro décadas e media da chamada transición da ditadura á monarquía parlamentar (o substantivo imposto por aquela e o adxectivo polos USA e a CEE). Para se lexitimar, tal rexime precisaba vender a idea dunha mudanza consistente verbo do seu antecesor. Un dos elementos do novo catálogo democrático atinxía ao uso das linguas non oficiais, ás linguas diferentes do español como oficial do Estado. A Constitución elaborada naquel período transicional e promulgada en 1978, para quen a quixer ler coa mínima atención, supuxo a continuación inmodificada do vello preceito de «la unidad en la diversidad» ou «la diversidad en la unidad»: imponse de iure a hexemonía do español, xa estabelecida de facto desde moito tempo atrás, usando, iso si, da necesaria camuflaxe verbal: a cooficialidade das linguas «autonómicas» (novo invento), irreal ab initio, pois o que a Constitución española estabelece sen a menor ambigüidade é o DEBER de coñecemento do español por parte de todos os cidadáns e o DEREITO universal de uso deste idioma por parte dos mesmos. A partir desta imposición, o conflito legal-xurisdicional está servido e conta con numerosos exemplos ao longo destas últimas décadas, sendo a cuestión da lingua medidor excelente para calibrar e xulgar a calidade da democracia española, hoxe, ademais, submetida a unha globalización que, inglés mediante, reforza o papel da lingua oficial do Estado, en paralelo ao uso exclusivo e excluente, na Unión Europea, das linguas oficiais dos estados membros.

Aquela «cooficialidade» constitucional-estatutaria nen responde ao modelo persoal nen ao territorial. O primeiro permite, no mesmo Estado, por parte dos cidadáns, o uso da súa lingua con calquer das administracións públicas (é o «bilingüismo» de Bélxica, por exemplo). O segundo preserva para as linguas respectivas a liberdade de uso nas nacións correspondentes. Nada disto reina na España política actual.

Como compensación, desde a política e a mediática estatais, practícase a táctica da permisión, da «tolerancia» e da admisión regulada e controlada. É moi simpático que o director-locutor dun informativo (Xabier Fortes, TVE, programa 24 horas), saúde cun «Boa noite» e recomende «Sentidiño» (popular xa desde os tempos de Fernández Albor). «Bona nit» ou «Egunon» podémolos sentir como saúdos na radio pública española. Nada molestan sucesivos premios «nacionais» a escritoras-es galegos que xa tiñamos aquí máis que valorados e aplaudidos, mais que aínda son máis «alguén» des que España os recoñece (vaites, vaites!). As Tanxugueiras son elevadas ao podio da votación popular, para, despois, seren ofendidas pola decisión dun xuri ad hoc.

Anécdotas á parte, o caso é que a España dominante e visíbel–sob o amparo indiscutíbel da Carta Magna– continúa sendo impermeábel a calquer recoñecemento da súa realidade plurinacional. É o reino da cooficialidade lacónica, escueta, submetida ao imperial rótulo de: «Reservado o dereito de admisión» (consulte, quen quixer máis información, o catálogo inmenso de denuncias e reclamacións acumuladas pola Mesa de Normalización Lingüística). 

Cooficialidade lacónica, que inclúe tamén, como non, o lacón con grelos como prato coñecido e degustado no Entroido. Non hai comparanza: como imos substituír o lacón con grelos por «pata delantera (ou «brazuelo») del cerdo con flores del nabo»? «Unidad en la diversidad», tamén gastronómica. Ora, vaia pedir vostede un impreso en galego en Facenda, na Seguridade Social, nos protocolos médicos… Aí só reina a monarquía absoluta: acabouse a presenza do galego «riquiño»…

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail