BNG e PSOE esixen que a Xunta compareza como acusación nos delitos contra o colectivo LGTBI 

A oposición galega alerta do aumento dese tipo de violencia a catro días do aniversario da morte de Samuel Luíz.

A Coruña.- O Parlamento de Galicia vai debater este mércores unha proposta do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e outra do PsdeG-PSOE na que ambas as formacións reclaman á Xunta que compareza como acusación popular en todos os procesos xudiciais por delitos de odio contra o colectivo de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI).

Segundo o BNG, as investigacións contra ese tipo de accións incrementáronse máis dun 46% en todo o Estado desde 2016, e en Galicia se rexistráron desde 2013 máis de catrocentos delitos de odio, dos que 130 foron pola orientación sexual das persoas agredidas. Pola súa banda, o PSOE lembra que un recente estudo de UGT alerta de que o 96% das persoas LGTBI na comunidade consideran que a súa orientación é un inconveniente á hora de acceder a un emprego, que o 91% prefiren ocultala e que un 60% padeceron algún tipo de agresión, desde comentarios e xestos despectivos ata ataques físicos.

O debate prodúcese a catro días do primeiro aniversario da morte de Samuel Luíz, que foi linchado a puñadas e patadas o pasado 3 de xullo no paseo marítimo da Coruña mentres os seus agresores proferían contra el insultos homófobos, segundo varias testemuñas. Dous menores de idade que participaron no crime foron condenados en abril pasado a tres anos e medio de reclusión nun centro de internamento, nunha sentenza de conformidade pactada coa Fiscalía. Outras tres persoas, maiores de idade, atópanse en prisión á espera de xuízo.

«Estamos a asistir a un importante repunte nas manifestacións LGBTIfóbicas a través de actos vandálicos nas rúas de todo o país, dirixidos tanto a boicotear calquera mostra de apoio ao colectivo, como coa divulgación de discursos de odio e mensaxes abertamente degradantes que teñen acollida nos medios de comunicación ou mesmo no seo de certos partidos políticos», asegura Iria Carreira, deputada do BNG.

Carreira lembra que unha das reclamacións máis repetidas nas manifestacións tras as morte de Samuel e outras as agresións similares é unha maior implicación das administracións na resposta á violencia machista e por orientación sexual. A comparecencia da Xunta nos procedementos penais, asegura, permitirá visibilizar «un posicionamento institucional decidido» contra elas.

Imaxe da manifestación polo asasinato de Samuel na praza de María Pita da Coruña / Foto: Aitor Neira.

Na súa iniciativa, o BNG pretende tamén que o Executivo autonómico deseñe e implante este mesmo ano un plan de actuación concreta contra o incremento dos delitos de odio «que contemple tanto medidas medidas lexislativas para a súa correcta tipificación como protocolos de detección e de atención» destinados aos traballadores públicos que teñan que asistir ás vítimas, desde os membros das forzas de seguridade do Estado ao persoal sanitario e dos servizos sociais e educativos.

O Bloque reclama así mesmo o deseño e posta en marcha o próximo curso lectivo dun plan galego de educación sexual e afectiva «que promova os valores de igualdade e respecto» e a adquisición «de competencias acerca da sexualidade humana, a saúde sexual, a violencia machista e a LGTBfobia».

O PSOE, pola súa banda, esixe á Xunta que impulse cos concellos servizos de información, atención e asesoramento LGTBI, «con persoal especializado e a dotación orzamentaria para desenvolver a súa actividade». Segundo a deputada Noelia Otero, a Xunta apenas destina 21.000 euros ao colectivo LGTBI a través de axudas ao asociacionismo, é dicir o 0,02% do orzamento de 11.571 millóns de euros da Administración autonómica, o que converte nunha tarefa case imposible «levar a cabo calquera tipo de acción rigorosa destinada á eliminación da discriminación por razón de orientación ou identidade sexual».

Tanto o BNG como o PSOE lamentan que a Xunta non promovese nin o financiamento necesario nin as medidas precisas para o desenvolvemento da lei galega pola igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI aprobada en 2014. Esa norma comprometía ao Executivo do PP para emitir un informe trianual sobre os resultados da súa aplicación, pero tras a presentación do primeiro en 2017, o segundo leva dous anos de atraso.

O PP presentou unha emenda ás propostas da oposición na que mostra «o seu rexeitamento aos discursos de odio que atentan gravemente contra a dignidade humana, cuestionando os dereitos e liberdades fundamentais das persoas LGTBI». Con todo, a proposta dos populares, que asina a deputada Marta Rodríguez Vispo, tamén rexeita que o Parlamento esixa á Xunta a comparecencia nos procesos penais e traslada ao Goberno central o deseño e implantación, en colaboración coas comunidades autónomas, dun plan de actuación concreto contra os delitos de odio por orientación sexual.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail