O alumnado de Bueu conxúrase contra a discriminación pola roupa

Desde hai seis meses as alumnas do Instituto de Educación Secundaria (IES) Johan  Carballeira, na localidade pontevedresa de Bueu, acoden cada 4 de maio ao centro vestidas todas con saia. A afirmación, así contada, parecería que non contén noticia algunha. Pero sucede que a linguaxe que usamos segue lastrada por anos de heteropatriarcado. Do mesmo xeito que as mozas, as alumnas homes, e as que non queren incluírse en ningunha desas categorías porque non lles dá a gana, tamén visten con saia.

O 27 de outubro do 2020, Mikel, un mozo de Euskadi, acudiu ao seu instituto con saia. Os seus profesores sacárono de clase e levárono a unha psicóloga que lle preguntou se sentía unha muller e insinuoulle que se quitase a peza. El negouse, e os seus pais castigárono por iso. Mikel contou a súa historia nun vídeo que se fixo  viral e que desatou un movemento xuvenil en toda España. Oito días despois, miles de alumnas protestaron contra a agresión ao seu compañeiro acudindo con saia aos seus colexios e institutos.

As estudantes do Johan  Carballeira –o instituto toma o nome do poeta, xornalista e alcalde da localidade asasinado polos fascistas en 1937- tamén o fixeron. Pero decidiron que a protesta non debería quedar aí. Por iso decidiron repetila todos os días 4 de cada mes. O movemento, etiquetado nas redes como # aroupanontenxénero, empeza a ter eco, e o pasado martes uníronselles as súas compañeiras do IES  Illa de Ons e do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe A  Pedra, tamén en Bueu.

“Despois da primeira protesta pensamos que se nos quedaba pequeno. Aquilo non podía quedar no esquecemento e había que seguir”, di Lía Menduiña Otero, unha das promotoras da iniciativa xunto ás súas compañeiras Paula  Montejano Otero, Iria Estévez Juncal e Samella Clara Honorato de Moura. Estudan Primeiro de Bacharelato, e o seu profesor de Física e Química, Miguel Quiroga, axudounas a organizarse e a poñerse en marcha para defender algo tan esencial como que ningunha delas nin ningún das súas compañeiras poida ser discriminada ou marxinado por vestir pezas que o  heteropatriarcado atribúe a un sexo determinado.

Alumnas, docentes e traballadores do IES Johan Carballeira na protesta do pasado martes /
#aroupanontenxénero

Cando se lles pregunta como alcanzaron ese nivel de concienciación sendo tan novas –Primeiro de Bacharelato estúdase con 16 anos- ofrecen unha resposta de adultas. “Sempre nos interesou o tema da diversidade e da igualdade, non só de xénero. Así que nos fomos informando e formando sobre o tema co que tiñamos a man”, afirma  Samella.

Este ano, segundo explica Iria, o Johan  Carballeira instaurou a materia de Igualdade de Xénero en Primeiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), como materia avaliable. “Debería existir en todos os colexios e institutos”, subliña Iria. “Sempre nos falan da necesidade de aprender matemáticas, historia, lingua… Pero non de algo tan importante como a igualdade, e non só de xénero”, engade Lía.

O pasado martes, organizaron un acto conxunto coas súas compañeiras do IES  Illa de Ons e do CEIP A Pedra, aberto a todo o pobo, e ao que acudiu o alcalde de Bueu, Félix Juncal, do BNG, con varios membros da Corporación Municipal. “A mocidade sempre nos transmite que hai xente que vén detrás de nós e que tenta cambiar esta sociedade patriarcal, loitando por un mundo máis xusto desde a transgresión e o  inconformismo”, dixo ese día o rexedor.

Aos poucos, as institucións galegas vanse incorporando a esa noción que as mozas de Bueu teñen tan clara. En novembro do 2018, a iniciativa da deputada Luca Chao, quen formaba entón parte de Podemos, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha moción que instaba á Xunta a implantar “todas as medidas pertinentes” para evitar que os colexios con uniforme obriguen ás nenas a usar saia, de forma que facelo sexa unha opción que as propias alumnas elixan, sen que ninguén llo impoña.

Alumnas, docentes e traballadores dos centros escolares de Bueu, na protesta do pasado martes /
#aroupanontenxénero

O martes pasado en Bueu, a pesar da presenza do alcalde, as protagonistas do acto foron as alumnas dos tres centros escolares do pobo. Algo que Miguel subliña que debe manterse. “Ás veces pensamos que a opinión dun adulto ten máis valor que a dun menor de idade, e estas mozas están a demostrar que iso non é así”, sinala.

A pesar de todo, convencer á sociedade de algo tan elemental como que ningunha moza nin ningún mozo deben sufrir discriminación algunha por vestir, falar,  xesticular, mostrarse ou comportarse como lles dea a gana, non é fácil. “Hai pais que poñen algunha pega. Criáronse nun ambiente distinto ao noso e parécelles mal que unha muller vista con roupa de home, ou ao revés, pero en xeral apóiannos”, explica Iria.

Entre os seus compañeiros hai algún que se negou secundar a protesta. “Pero é máis porque non entenderon de que vai isto máis que porque se opoñan”, conta Paula. De feito, constataron que hai moitos outros que saíron de casa sen saia, probablemente por vergoña a pasearse pola rúa con ela, pero que lla puxeron ao chegar ao centro ou a pediron alí.

# aroupanontenxenero empezou a crecer e quen sabe se acabará xeneralizándose. Seguro que axuda a acabar algún día con ese uso discriminatorio da linguaxe que nos fai pensar intuitivamente á inmensa maioría das adultas que só cando empregamos o xénero masculino para referirnos ao resto do mundo incluímos nel a todos os nosos  conxéneres.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail