Pasou un mes desde a reapertura da comisión de investigación sobre a fusión das caixas de aforro galegas e aínda non hai avances. O BNG e PSOE continúan á espera de ser convocados polo grupo maioritario da Cámara, o PPdeG, para constituír a comisión e abordar os traballos.
O 20 de outubro os partidos da Cámara galega acordaron reactivar por terceira vez a comisión de investigación sobre as caixas galegas, por mor de que a Audiencia Nacional se pronunciase sobre a controvertida fusión tirando pola borda os argumentos do Partido Popular (PP). Unha década despois e con dous intentos errados pola escasa participación do grupo de Alberto Núñez Feijóo, os populares e os partidos de Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSOE) deron luz verde para retomar os traballos inconclusos e estudar detidamente o proceso de bancarización, pero a estas alturas, nin se constituíu a comisión nin, segundo informan os grupos, o PP ten pensado convocalos proximamente.
Un dos primeiros obxectivos da oposición é conseguir un informe da consultora KPMG que segundo o Goberno Galego «avala a solvencia da fusión das caixas galegas», o mesmo que o consultor Francisco Gibert hai dous anos negou e explicou que era un informe «factual» realizado de maneira «acelerada» nun mes. Foi a exconselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, a que encargou este labor para afianzar os seus argumentos asegurando que as caixas manterían a súa orixe galega, pero o Executivo autonómico equivocouse. Ese papel custou un millón de euros á Xunta e Gibert negou que fose unha auditoría de contas, de feito, a proposta da compañía era que Caixanova (Vigo) absorbese a Caixa Galicia (A Coruña), posto que a primeira era viable. Así mesmo, o expresidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, tamén recoñecería máis tarde no Congreso dos Deputados que a fusión foi «a peor das opcións posibles».
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
O portavoz de Anova e o que era deputado por aquel entón de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, reclamou en 2013 esta información ao Goberno galego, e a día de hoxe aínda non se fixo pública. O Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) ditou que a Xunta ocultou información vulnerando o artigo 23 da Constitución e obrigou ao equipo de Feijóo a entregar o informe da proposta de fusión, así como as actas da reunión dos secretarios xerais que tivo lugar antes de que a Xunta dese luz verde á unión das caixas de aforro. «É un enorme escándalo. Se se asume con normalidade é que temos un grave problema democrático. Non só vulneran os meus dereitos como recoñece a sentenza, senón que vos están ocultando información da maior estafa económica en décadas a todas vós», tuiteou Sánchez.
O presente e futuro desta investigación depende do Partido Popular, xa que é o que sustenta maioría absoluta en O Hórreo, e o que debe citar aos grupos parlamentarios para constituír a comisión. Segundo informan fontes dos populares, de momento non hai data fixada para abordar o proceso, xa que o Executivo está pendente da comisión de reactivación económica e social despois da pandemia e dos orzamentos de 2021.
A portavoz do BNG, Olalla Rodil, sinalou hai un mes a Público que nas anteriores lexislaturas o PP non participou «activamente» nas indagacións sobre a fusión das caixas, pero que parecía que esta vez entraría en razón e colaboraría. O vicesecretario xeral do PSOE en Galicia, Pablo Arangüena, explica que o grupo parlamentario dos populares «non ten présa» en que a investigación se poña en marcha por terceira vez consecutiva en dez anos, e moito menos en sacar os informes á luz.
Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.