A Florencia sen os Uffizi? Como queiras

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Seica hoxe, entre a xente máis nova, hai unha forte resistencia a mesturar as cuestións de dereitos e costumes LGTBI+ coas que teñen relación co exercicio sexual propiamente dito, como se por ser gay ou calquera outra variante LGTBI+ xa tiveses que ter as túas relacións sexuais entre as prioridades da túa vida.

Resulta evidente que son dous planos ben distintos. Dunha parte están os dereitos civís de todas as persoas en igualdade, sexa a que sexa a súa tendencia sexual, e doutra a importancia que cada persoa en concreto lle dea á súa relación co exercicio do sexo como parte do seu costume, do seu ocio, da súa moralidade ou incluso da súa relixión.

Tendencias, por suposto, hainas de todo tipo, e as persoas LGTB préndense dos relatos que cada quen quere en cada momento. Quizabes é unha sorte que non prevaleza un discurso único, que só xurde cando existe algún episodio aglutinador que cristalice nunha idea forza –por exemplo, os autobuses da organización parafascista Hazte oir ou as agresións que de cando en vez proveñen de posturas conservadoras ou eclesiásticas–. Desde quen acredita nunha «Nación gay» ata quen se arrebata coas súas boas de cores enriba dunha carroza exhibindo o resultado do seu ciclo de reforzo muscular, todos teñen o seu lugar no movemento LGTBI+.

Entre estes dous prototipos existen milleiros, precisamente porque a liberdade e o respecto é o único fundamento que unifica, e á vez atomiza, o ambiente. A lesbiana feliz coa súa parella pechada e duradeira. A lesbiana arrebatada e socialmente activa que fai bandeira da súa visibilidade social. A muller que era antes un home e decidiu apuntarse a unha vida máis plena e feliz. A maricalla que sempre foi de pinta hetero ata que vai tomando conciencia da súa pluma e o asume sen traxedia. O bisexual con muller e fillos que ten dous ou tres amantes segredos para complementar a súa felicidade. O gay armariado cheo de medos que non se atreve a máis. E o que se atreveu e está satisfeito. E o que non o está. O chaval de instituto que descobre límites máis aló do que aprendeu desde pequeno e decide explorar novos camiños. Os activistas que cheos de boa vontade rozan a patoloxización. E tamén os activistas que se achegan á realidade con ópticas normalizadoras e empoderantes.

Ese afán transversal, no que todos e todas temos o noso lugar, no que cada quen pode sentirse máis ou menos cómodo, ten boa parte da culpa do éxito social do discurso LGTBI, por moito que os cambios de mentalidade necesarios para a normalización total teñan que ser á forza lentos e moitas veces atravesados. Os cambios culturais de certo calado custan anos, xeracións. Hai persoas que os asumen axiña e a outras cóstalles un mundo.

Volvendo ao inicio, non creo que a ninguén deba molestar o interese que moitas persoas LGTB (especialmente homes gays) mostran polas cuestións de índole sexual. É o resultado do seu propio camiño na procura da plenitude, ese que xerou costumes sexuais como o cruising (sexo entre descoñecidos). É simplemente unha opción, entre outras moitas. Se a alguén non lle interesa saber en que praia se fode, que non lea esa información, no problem. Pero que non impidan que outro a lea. Tamén podes ir a Florencia e non interesarche a galería dos Uffizi. Pode que che abonde con ver as esculturas da rúa. A opción é de cada quen.

 

 

 

 

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail