O PPdeG négase a investigar os contratos da Xunta coa empresa que dirixe a irmá do presidente

Rexeita no Parlamento de Galicia unha proposta do Bloque Nacionalista Galego para que o Consello de Contas investigue as adxudicacións a Eulen desde o 2009, o ano no que accedeu á presidencia da Xunta

A Coruña.- O Parlamento de Galicia rexeitou este mércores cos votos do Partido Popular unha proposta do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para reclamar ao Consello de Contas de Galicia -unha institución similar ao Tribunal de Contas da Administración autonómica-, que investigue os contratos subscritos desde o ano 2009 pola Xunta de Galicia coas empresas do Grupo Eulen, cuxa directora para o noroeste de España é Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Segundo asegura o BNG nunha nota de prensa, a súa proposta na Comisión permanente para as relacións co Consello de Contas pretendía que o máximo órgano de fiscalización da xestión económico-financeira do sector público galego auditara «as adxudicacións realizadas polo Executivo de Núñez Feijóo desde a súa chegada ao Goberno galego á compañía da a súa irmá é directiva».

Segundo veu publicando Luzes-Público nas últimas semanas, as adxudicacións da Xunta a Eulen multiplicáronse desde que Feijóo accedeu á Presidencia da Xunta, en moitos casos coinciden con cesamentos e nomeamentos a dedo nas administracións que as outorgan e da análise dos procedementos que as formalizaron dedúcese que nun bo número de casos houbo trato de favor para que Eulen gañase eses contratos.

Ante a negativa do PP a que o Consello de Contas realice o correspondente informe de fiscalización, o BNG anunciou que presentará «unha batería urxente de iniciativas» no Parlamento de Galicia «para esixir explicacións en sede parlamentaria #ante un posible trato de favor por parte do Goberno do PP a este grupo empresarial».

A portavoz do BNG na comisión de relacións co Consello de Contas, Noa Presas, explicou onte a Público que resulta «sospeitoso o nivel de acumulación de contratos» dunha empresa cuxa dirección en Galicia «ten unha relación familiar tan directa con Feijóo», e subliñou a necesidade de que «unha institución independente» comprobe se a actuación da Xunta con Eulen «está dentro da legalidade e dentro da moralidade».

Presas tamén lamentou que o PP «pase o rodete» da súa maioría absoluta no Parlamento de Galicia para impedir que os grupos da Cámara poidan encargar os informes que consideren oportuno ao Consello de Contas.

O PSdeG votou na comisión a favor da proposta do BNG, e a súa voceira, Begoña Rodríguez Rumbo, lembrou que o seu grupo presentou numerosas iniciativas reclamando «reiteradamente» máis «transparencia» nas adxudicacións da Xunta e especialmente nos contratos menores.

Rodríguez Rumbo tamén criticou que a Administración de Feijóo faga caso omiso das advertencias que o Consello de Contas fixo en varios dos seus informes. «O PP adoita botarnos en cara que sempre facemos as mesmas peticións, cando iso débese precisamente a que a Xunta non segue as recomendacións do Consello».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail