A Freedom Flotilla Coallition, un conxunto de entidades e individuos unidos en solidariedade co pobo palestino en Gaza, non puido cumprir a súa misión de desprazarse cos seus barcos ata Gaza despois de varios días retida no porto de Istambul. O golpe final foi a retirada da bandeira de Guinea Bissau, bandeira da misión, a consecuencia das presións de Israel, afirman dende a Coalición. Previamente, segundo a Flotilla, o Goberno de Turquía fora presionado por outros gobernos para non dar a pertinente autorización para que puidesen saír os barcos.
No porto agardaban, xa listos, tres navíos, un cargueiro, que leva nas súas adegas 5500 toneladas de axuda humanitaria, cuxo destino é a asediada poboación de Gaza, famenta e masacrada nun xenocidio de cifras espeluznantes. O lema da Flotilla neste 2024 é «Romper o bloqueo a Gaza», para tentar descargar a axuda, alimentos e medicamentos, entre outros bens. Ademais de persoas de nacionalidade palestina, a misión constaba tamén de persoas coa cidadanía española, brasileira ou estadounidense, entre outras.
Na comitiva houbo, ademais, como representación en forma de observadoras Internacionais, xornalistas, representantes de organizacións de apoio ao pobo palestino, e políticas como Ada Colau, ex-alcaldesa de Barcelona, entre máis. A flotilla non se rende e afirma que, tarde ou temprano, noutro momento, os barcos poderán chegar a Gaza.